Skip to Content

Actividades nas aulas

6ºA coas mans na masa

A semana pasada, o alumnado de sexto A volveu ,coma todos os trimestres, á cociña para practicar matemáticas e facer unha desgustación das súas elaboracións.

O obxectivo era facer cálculos matemáticos que lles permitirían conseguir cada ingrediente e ter así os precisos para facer a receita ao completo.
Pasámolo "exquisito"!

Visita de Gonzalo Aguiar

No día de hoxe, o noso alumnado tivo a sorte de compartir unhas verbas co ciclista Gonzalo Aguiar. Este vigués converteuse no primeiro galego olímpico grazas á súa participación non Xogos de Seúl de 1988. 

Moitas grazas Gonzalo Aguiar!!!

 

 

 

Día do Libro - Apadriñamento lector

Hoxe, 23 de abril, conmemoramos o Día do Libro convertindo o patio nun espazo de lectura onde o noso alumnado puido desfrutar ao aire libre da actividade de apadriñamento lector. Este ano os máis pequenos foron os mestres e mestras de cerimonia e escolleron un libro para lerllo ao alumnado dos cursos superiores que, en agradecemento, lle entregou un marcapáxinas que elaboraron como agasallo.

Gozaron da lectura en compañía e fixeron novos amigos e amigas. Feliz Día do Libro!

 

Charla Plan Director sobre novas tecnoloxías para 5º e 6º

Onte, 22 de marzo, contamos coa colaboración dun Policía Nacional que impartiu unha charla para o alumnado de 5º e 6º sobre a necesidade de manter un comportamento crítico e responsable e internet e os riscos que pode conlevar unha actitude irresponsable na rede. Ademais da información achegada contestou as numerosas dúbidas do alumnado. Agradecemos o seu bo facer, a súa empatía e a súa paciencia á hora de explicar e resolver as dúbidas.

Día Internacional da Muller 2023

Dentro do proxecto de centro Vivindo como galegas e galegos e con motivo da celebración do Día Internacional da Muller realizáronse actividades diversas nas aulas e o alumnado de 6º asistiu a unha charla desenvolvida por rapazas e rapaces do IES Álvaro Cunqueiro sobre esta temática.

A biblioteca tamén se sumou a esta conmemoración con exposicións e outros materiais de relevancia. Visita o seu blog

Agardamos que todas estas actividades sirvan de inspiración e motivación ás nosas alumnas e aos nosos alumnos.

Teatro en inglés 5º e 6º

Hoxe, 30 de xaneiro, desenvolvimos unha actividade de comprensión de oral en inglés asistindo a unha obra de teatro titulada What monster? no centro Afundación.

O alumnado de 5º e 6º puxo a proba as súas destrezas orais e, de paso, pasouno xenial. Ademais puideron ver a dous compañeiros e unha compañeira do cole saír ao escenario para formar parte do espectáculo. Unhas actuacións improvisadas de alto nivel!

Practicamos Regueifas en 6º

O pasado xoves 24 de novembro, o alumnado de 6º, tivo unha sesión de aprendizaxe de redacción de regueifas. Coa axuda da métrica e dunha zanfona, cada alumno creou a súa regueifa, grazas a actividade do Equipo de Normalización da Lingua galega do Concello de Vigo.

Proxecto final Ecofaros

 

Estamos a piques de rematar este curso no que puidemos volver a ver os sorrisos do noso alumnado!

Un ano cheo de aprendizaxes e por iso quixemos facer un vídeo co alumnado do centro no que reflexa o que traballamos no proxecto de ecosostibilidade anual.

É unha mensaxe para todos e todas, familias, comunidade educativa!

Fagámoslle un agasallo as futuras xeneracións!

 

Bandeiras do Himalaia

Enmarcada no Plan de Benester Emocional, desenvolvimos unha actividade de reflexión na aula sobre as diferentes vivencias experimentadas ao longo destes dous derradeiros cursos. Elaboramos a nosa bandeira particular e sacamos á luz todas as nosas inquedanzas.

Finalmente, o día 30 de maio saímos ao patio a colgar as nosas Bandeiras do Himalaia para que o vento realice o traballo de axitar e esfiañar a tea en sinal de boa fortuna.

Xornada de portas abertas no IES Álvaro Cunqueiro

O mércores o alumnado de 6º de primaria fomos de visita ao IES Álvaro Cunqueiro, para coñecer as instalacións do que será pronto a súa nova morada.

Os compañeiros e compañeiras que están cursando agora 1º da ESO, o orientador e profesorado, explicáronnos as materias e actividades que alí realizan. Fixemos un percorrido polo centro e responderon as dúbidas e inquedanzas dun lugar novo.

Seguro que todo vai a ir xenial alí!

Distribuir contido


Tfno: 986 29 80 58 - Fax: 986 24 42 49

Rúa O Porriño s/n - 36209, Vigo - Pontevedra

by Dr. Radut