Skip to Content

VALORES DO CENTRO

            Os valores inspiradores do noso Centro están orientados a desenvolver unha posición vital relacionada co autocoñecemento e a convivencia.

            A distancia entre teoría, discurso e práctica é hoxe en día insostible. Un  mundo globalizado esixe procedementos aplicables que dean resposta a estas preguntas: Como pensar? Como actuar? Como conectar pensamento e acción de xeito coherente? Existen actitudes e valores que poidamos desenvolver a nivel práctico que nos axuden a aproximar o noso pensamento ao noso discurso e á nosa praxe?

            Os valores non dependen das preferencias individuais; pola contra, son una creación colectiva que se presenta como fundamento das concepcións do mundo e da vida. Convértense así nunha referencia para preservar a nosa dimensión máis humana xa que homes e mulleres ímonos deshumanizando na medida en que nos afastamos dos valores éticos. 

Así as cousas, somos un Centro que cre, confía e traballa nos seguintes valores:

- Empatía. As relacións persoais son o alicerce de calquera institución e moito máis no caso dunha institución educativa. A intención é contribuír a unha relación persoal fluída entre todos e todas baseada na escoita atenta e proactiva e no respecto ás diferentes opinións.

- Participación.  A participación de tódolos sec­tores na vida do Centro é irrenunciable nun contexto democrático e produce un enriquecemento na dinámica social xerada que repercute non só no clima do Centro senón tamén nas aprendizaxes do alumnado.

- Inclusión. A diversidade debe ser atendida polos sistemas e centros educativos a través dunha maior presenza das diferentes culturas e comunidades e dunha consideración das diferentes capacidades e ritmos de aprendizaxe do alumnado. Trátase de entender a diferenza como fonte de aprendizaxes e non como porta á marxinalidade e á exclusión.

- Igualdade. Colaboramos decididamente no intento de vencer os estereotipos que seguen obstaculizando os cambios reais na sociedade e facemos especial fincapé na concienciación sobre a violencia e o acoso contra as mulleres. Neste eido todas e todos temos unha responsabilidade compartida na súa prevención e eliminación.

- Non Violencia. Unha educación inspirada nunha cultura da Non Violencia permite ao alumnado adquirir coñecementos, actitudes e competencias que reforcen o seu deenvolvemento como membros dunha cidadanía global crítica e comprometida cos dereitos propios e alleos. A convivencia e a resolución pacífica de conflitos constitúe a liña básica de traballo ante esta problemática que se concreta nas accións cotiás e que impregna éticamente a nosa vida. 

Traballando nesta liña pretendemos ofrecer ao alumnado, en definitiva, os apoios que lle permitan subir ao promontorio dende onde outear a vida, máis que ofrecer valores absolutos que, en realidade, son os nosos e non os que eles e elas deben descubrir por si mesmos.

 



page | by Dr. Radut