Skip to Content

A web da CRTVG incorpora novos xogos á súa sección infantil

A CRTVG continúa a estar comprometida nos seus contidos cos máis pequenos da casa. Ademais da importante presenza de programación infantil na tvG2, cómpre destacar a sección “Infantil” que inclúe a páxina web do ente público galego e á que desde agora se incorporan tres novos xogos relacionados coa serie de debuxos “Contos do Camiño”. “Crebacabezas”, “Choiva de Ladrillos” e o xogo do “Aforcado” son as novidades que xa están operativas na web (http://www.crtvg.es/infantil/xogos).

 “Crebacabezas” é un xogo de habilidade que convida a crear unha figura dun debuxo de fondo, utilizando os diferentes anacos situados á esquerda da pantalla. Precísase combinalos ata completar a imaxe, axudándose dun potente imán para trasladar as pezas. En “Choiva de ladrillos”, o porquiño máis vello quere facer unha casa. Como para construír un fogar resistente non se poden empregar nin paus nin pallas, precisará axuda para recoller ladrillos para poder levar a cabo o seu traballo e evitar así a entrada do lobo. O tradicional xogo do “Aforcado” vai permitirlle aos rapaces aprender os nomes dos animais. Contarase con sete oportunidades para acertar o nome.

 A sección “Infantil” na web da CRTVG púxose en marcha en xullo deste ano e estase a consolidar como un referente para o público infantil en galego. Ofrece a posibilidade de volver gozar de series xa emitidas na tvG2, como “Doraemon”, “Contos do Camiño” ou “A Tropa de Trapo”; libros recomendados pola asociación Gálix; cancións; audiocontos interpretados por voces coñecidas da radio e da televisión pública galega, definicións e xogos.

Iniciar sesión



page | by Dr. Radut