Skip to Content

Escrito situación actual e envio de tarefas

Estimadas familias.

 

Está a chegar o mes de xuño e por tanto o remate deste curso, que dende mediados de marzo se volveu tan anómalo.

Xa na segunda avaliación as cualificacións foron deducidas do traballo anterior ao decreto do estado de alarma.

Dende o centro entendemos perfectamente que cada familia é unha realidade propia, que esta situación que nos pillou a todos por sorpresa é moi difícil de solventar e que en moitos casos está a sobrecargar á rapazada de traballo extra, ás familias de problemas organizativos e de guerra continua coas novas tecnoloxías para ver ou enviar as tarefas.

Por outro lado, as autoridades xa dan por feito que este curso non se volta ás aulas en Infantil e Primaria nin na ESO.

Dende o centro buscamos pequenas solucións como foi facervos chegar os libros e parte do material, buscar canles de comunicación con vós e a dinamización da páxina web e creación de blogues por parte do profesorado, sendo conscientes de que non todos dispoñedes dos mesmos recursos. Lamentablemente non está na nosa man solventar a falta de conectitividade dos fogares e os poucos equipos informáticos portátiles dispoñibles son moi anticuados, van moi lentos, a maioría con sistema operativo linux, e non solventan a falta de conexión a internet.

Por outra banda, as directrices en canto ao traballo para este terceiro trimestre veunos fixado dende a Consellería, con instrucións sobre a adaptación das programacións, procedemento para as avaliacións, cualificacións e promoción do alumnado, así como a obrigatoriedade de elaborar informes individualizados do traballo do alumnado para servir como referentes para as programacións do curso vindeiro.

Por iso enviamos información das adaptacións das programacións e son públicas na web do centro.

Sen embargo, estamos a constatar que parte do alumnado non está a enviar información do traballo que está a facer. Iso supón que no momento de elaborar o informe individualizado, deberá figurarlle como non acadado o traballo sobre os mínimos fixados e que estamos a enviar a través das propostas de tarefas que os distintos profesores enviamos.

Cremos importante que animedes aos nenos e nenas a facer as propostas de traballo e tamén a comunicarse co profesorado. Coas titorías estades a traballar ben por email, teléfono, whassapp, … e o profesorado especialista enviou unha conta de correo electrónico para poder comunicarse. Tedes así varias vías de envío de tarefas, de comentarios. Podedes envialas ás titoras para que lle fagan chegar aos especialistas si o queredes facer por teléfono ou whassapp, pero o profesorado necesita constatar que se avanza no traballo de cara a ese informe final.

Para rematar, agradecer o esforzo que estades a facer as familias, e dicirvos, que desde a incerteza de como se organizará o curso vindeiro, estamos desexando o regreso ás aulas do alumnado, pois tamén para o profesorado esta situación é moi difícil de afrontar.

Atentamente.

AdxuntoTamaño
escritotarefaconfinamento.pdf57 KB


page | by Dr. Radut