Skip to Content

Fondo solidario de libros e axudas económicas. Curso 2024/25

No DOG do luns 20 de maio de 2024 saiu publicada a ORDE do 7 de maio de 2024 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan as axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2024/25 (códigos de procedemento ED330B, ED330G e ED330H).

 

 DESCARGA DE IMPRESOS: ANEXOS I e II  

 

RESUMO DA CONVOCATORIA:

 

Beneficiarios e importe das axudas:

- Préstamo de libros de texto (3º e 4º de E Primaria) (ao alumnado de 5º e 6º non lle corresponde, por estar incluídos no proxecto Edixgal e contar con libros dixitais):

O centro prestaralle un máximo de 6 libros ao alumnado con renda per cápita familiar inferior a 6.000 €.

O centro prestaralle un máximo de 4 libros ao alumnado con renda per cápita entre 6.000 e 10.000 €.

O alumnado con renda per cápita superior a 10.000 € poderá recibir libros en préstamo cando, despois de repartir os dos parágrafos anteriores, aínda haxa existencias suficientes no centro. Este reparto farase por orde inversa á renda.

 - Axudas económicas para comprar os libros (1º e 2º de E Primaria):

Concederase axuda de 240 € ao alumnado con renda per cápita familiar inferior a 6.000 €.

Concederase axuda de 160 € ao alumnado con renda per cápita entre 6.000 e 10.000 €.

- Axudas económicas para comprar material escolar (1º, 2º, 3º, 4º, 5º e 6º de E. Primaria):

Son compatibles coas dúas anteriores.

Concederase axuda de 75 € ao alumnado con renda per cápita familiar inferior a 6.000 €.

Concederase axuda de 60 € ao alumnado con renda per cápita entre 6.000 e 10.000 €.

 

Renda per cápita:

A renda per cápita familiar calcularase cos datos económicos do exercicio fiscal 2022 (sumando as casiñas 435 e 460 da declaración da renda 2022 e dividindo entre o número de membros computables a 31 de decembro de 2022).

 

Requisito:

Para poder disfrutar destas axudas É IMPRESCINDIBLE ter entregados no colexio, a finais de xuño, os libros de texto prestados polo centro a principios deste curso EN BO ESTADO DE USO.

 

Prazo:

O prazo para presentar as solicitudes comeza o 21 de maio e remata o 21 de xuño de 2024 (ambos inclusive)

 

Presentación:

Débense presentar o anexos I e II (Solicitude e comprobación de datos)

Pódense imprimir e cubrir os impresos manualmente e entregalos na secretaría do colexio.

Tamén se poden cubrir na aplicación informática «fondolibros». Unha vez cubertos por este medio pódense imprimir e entregar no colexio ou ben presentalos telemáticamente na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente poderanse presentar as solicitudes en calquera dos lugares establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

 

Documentación:

Por regra xeral presentarase a seguinte documentación:

  • Anexos I e II, de solicitude e de comprobación de datos dos membros da unidade familiar (Se se presenta persoalmente na secretaría, entregarase unha única solicitude para todos os irmáns matriculados no centro. Se se presenta na sede electrónica necesitarase unha solicitude para cada irmán).

  • Fotocopia do libro de familia no que aparezan todos os membros da unidade familiar. (*)

  • No caso de separación ou divorcio: sentencia xudicial ou convenio regulador onde conste a custodia do menor. (*)

(*) Para casos particulares, consultar a convocatoria.

 

Máis información:

na Secretaría do Centro

na web da Consellería

ou na Sede Electrónica da Xunta



page | by Dr. Radut