Skip to Content

RECREOS DINÁMICOS

RECREOS ACTIVOS E INCLUSIVOS NO C.E.I.P. BAÑOS DE MOLGAS

 

 

No ceip Baños de Molgas vimos de poñer en marcha un ambicioso plan de mobilidade activa durante os períodos de recreo do noso alumnado, ao mesmo tempo que tamén tentamos contribuir a ter uns patios máis inclusivos.

Desta volta, a iniciativa consiste en dotar a todos e cada un dos nosos escolares dun patinete e tamén dun casco protector, (no caso dos máis cativos, o patinete é de tres rodas ou tamén se adquiriron algunhas bicicletas sen pedais).

A finalidade última deste proxecto radica no intento de conseguir que a totalidade do alumnado do centro educativo teña diariamente, cando menos dous períodos de media hora cada un, nos que durante a súa estancia no patio de recreo, a actividade física sexa unha constante para eles durante todo ese tempo. Viñamos observando con preocupación nos últimos anos como estes intres de lecer eran cada vez máis sedentarios por parte dos nosos rapaces e rapazas, ao ir diminuíndo o número de alumnado de cada grupo, cada vez as actividades que levan a cabo nos recreos esixían menos movemento, estando moitas veces sentados en grupo falando ou simplemente paseando polo patio.

Despois dalgún tempo buscando alternativas, decidímonos a por en marcha esta iniciativa, despois de constatar entre os nosos alumnos, as súas preferencias por este tipo de actividades ao mesmo tempo que seguimos pondo o noso grauciño de area na mellora saudable da súa infancia, dado que antes de ir ao recreo, os nenos e nenas contan, dentro do programa "Alimentate Ben" cunha merenda a base de froita fresca e/ou leite.

Despois de xa algúns días nos que os cativos teñen a súa disposición todo o material, sentimonos gratamente recompensados, ao ver como, tanto no recreo da mañá como no de despois do comedor, todos sen excepción, están desexando pasar pola aula do material a recoller o seu casco e o seu patitene e aproveitar ao máximo o tempo de recreo con xogos e actividades que implican exercicio físico e movemento contínuo.

Unha vez máis, dende o ceip Baños de Molgas, continuamos a dar pequenos pasos para seguir contribuindo ao desenrolo integral dos nosos escolares, tentando dotar ao noso alumnado das mellores ferramentas para seren capaces, o día de mañá, de enfrontarse as multiples situacións que lle vai demandando o seu futuro, con seguridade e confianza ao mesmo tempo que tentamos afianzar o convencevento e o desexo de que todos acaben sendo persoas de ben.



page | by Dr. Radut