Samaín 31 de outubro

Estimadas nais, pais, familias,

O Samaín é unha das celebracións máis antigas que se coñece e ten a súa orixe nos celtas de Galicia, que se vestían con peles de animais e máscaras para escorrentar aos “espíritos malignos”. A noite do 31 de outubro marcaba o fin da época de colleita e o final do verán, e o comezo do escuro e frío inverno. Por iso crían que ese día, a barreira do mundo humano e espiritual se esvaecía e os seus habitantes podían mesturarse. No Samaín non só críase na existencia de espíritos, tamén de fadas e trasgos. Ao abrir a porta dos dous mundos, pensábase que tamén podían entrar estes seres máxicos. Por iso, había que ter moito coidado a quen se lle abría a porta o 31 de outubro. A lenda conta que, se o visitante era un fada, a familia tería sorte durante o ano seguinte. En cambio, se era un trasgo, pasaría unha tempada de penurias e infortunios.

O vindeiro martes 31 de outubro celebraremos o Samaín, e comunicámosvos que  as/os vosas/os fillas/os poderán vir disfrazados e/ou maquillados se queren, por suposto é absolutamente voluntario. Só poñemos tres condicións:

1.- Que  sexa relacionado co Samaín e non co Halloween, somos conscientes de que ás veces confúndense e mestúranse.

2.- A cara ten que estar recoñecible e polo tanto non pode vir cuberta con máscara.

3.- Que os posibles complementos non supoñan un atranco para o desenvolvemento da xornada.

 

Grazas pola vosa colaboración