FONDO SOLIDARIO E AXUDAS PARA LIBROS E MATERIAL

Publicación no DOG da  ORDE do 29 de abril de 2022 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2022/23 (códigos de procedemento ED330B, ED330G e ED330H).

PRAZO

 O prazo para presentar solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 22 de xuño de 2022 (este incluído).

 

 PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

1. Poderán presentar solicitudes de participación do fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar (ED330B) os pais, as nais, os titores ou representantes legais do alumnado incluído no artigo 1.2. No caso de alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, presentará a solicitude a persoa titular da dirección do centro de menores ou a persoa coa que conviva en acollemento familiar.

 2. A solicitude será única para todos os fillos e, de ser o caso, tutelados, que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2022/23, e nela especificarase o nivel de estudos que espera realizar cada un deles no citado curso. Se estivesen admitidos en centros docentes distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros, na que se incluirán os admitidos nese centro para o curso 2022/23. No caso de que a solicitude se tramite por vía electrónica empregando a aplicación fondolibros, será necesaria a presentación dunha solicitude por cada alumno aínda que estean no mesmo centro.

 Cando o alumnado, no momento de presentar a solicitude, aínda non estea admitido en ningún centro docente para o curso 2022/23, deberá presentala no centro en que estivese matriculado no curso 2021/22. Este centro rexistrará a solicitude de maneira que acredite a entrada desta en prazo e enviaraa ao centro de destino en que o/a alumno/a resulte admitido/a, que será o encargado da súa gravación e tramitación.

En caso de presentación (por vía electrónica e/ou presencial) de máis dunha solicitude, a persoa solicitante deberá presentar ante o centro docente un escrito indicando cal desexa que se tramite.

 3. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica no formulario normalizado (ED330B-anexos I e II) dispoñible na aplicación fondolibros (https://www.edu.xunta.es/ fondolibros), a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

 

Anexo I

Anexo II

 

DOCUMENTACIÓN COMPLEMENTARIA

 As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

 a) Anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar).

 b) Copia do libro de familia ou documento equivalente, onde figure o alumno e os demais membros computables da unidade familiar. En caso de separación ou divorcio, ademais deberán achegar a sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/da menor. Excepcionalmente (cando non sexa posible facelo polos medios anteriores), poderase acreditar o número de membros computables utilizando algún dos seguintes medios: 1º. Certificado ou volante de convivencia. 2º. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia. Nos casos especiais, en que a composición da unidade familiar non se axuste ao sinalado no artigo 4.1 desta orde, achegarase un certificado ou volante de convivencia en que deberán figurar o/a alumno/a e todos os familiares que convivan con el/ela, ou un certificado dos servizos sociais do concello que acredite a situación familiar.

c) Certificado de discapacidade do/da alumno/a ou calquera membro da familia non expedido pola Administración autonómica.

 d) Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero no ámbito familiar, en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, cando o agresor forme parte da unidade familiar.

 e) Resolución xudicial de incapacitación con patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

f) Resolución administrativa ou xudicial acreditativa da situación de acollemento ou do certificado do centro de menores, para o alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia.

 g) Certificado de convivencia, volante de convivencia ou informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia, no caso de que o pai e a nai ou o titor o titores carezan de DNI e NIE.

 

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente no centro docente ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del. 

En todo caso, os documentos deberán ser válidos e eficaces no momento da súa presentación, e reflectir a situación persoal, familiar e económica a 31 de decembro de 2020, agás cando unha sentenza de separación ou divorcio posterior a esa data atribúa a custodia a un dos proxenitores e nos casos de violencia de xénero, en que se aplicará o disposto na lexislación específica.