CIRCULAR INFORMATIVA: Consello Sectorial de Nenos e Nenas do Concello de Ames

Estimadas nais, pais, nenas e nenos

O Concello de Ames quere crear e poñer en funcionamento o Consello Sectorial de Nenos e Nenas do Concello de Ames; é un consello sectorial de características singulares dada a composición principal dos seus membros, polo que a falta dunha representación mediante entidades inscritas no rexistro municipal de asociacións procedese a unha representación directa dos nenos e nenas de 6 a 12 anos escolarizados no termino municipal de Ames.

A súa función primordial é incorporar as vivencias da poboación infantil e favorecer a intervención de nenos e nenas nos debates, propostas, suxestións, queixas respecto de calquera actuación municipal, así como ser informados e opinar sobre todas as actuacións doutras administracións públicas que actúen no municipio. Este Consello está inspirado na Convención dos Dereitos  da Infancia que inclúe a participación infantil como modo de visibilización dos seus dereitos. É un órgano onde se lles dará voz para que poidan participar activamente da vida municipal e onde poder expoñer as súas necesidades, puntos de visa.

O regulamento do Consello de Nenos e Nenas será aprobado polo Pleno do Concello e nel concretarase a súa organización, composición e funcionamento.

A composición sería a seguinte:

  • Presidencia : Será exercida polo titular da Alcaldía do Concello de Ames ou concelleiro/a no que delegue.

  • Secretaría: Será exercida por persoal técnico da concellería competente en materia de infancia.

  • Vogais. Os vogais será os seguintes: Vogais de representación política: un representante de cada grupo municipal no pleno do Concello de Ames. Cada grupo designará titular e suplente.

  • Vogais de representación infantil: 9 representantes do alumnado de 6 a 12 anos dos centros escolares de Ames ca seguinte composición: 3 representantes de 1º a 3º de educación primaria e 6 de 4º a 6º de educación primaria. Cada representante terá o seu suplente.

A representación dos nenos e nenas nunca será inferior á representación política, incrementándose, cando fora preciso, no grupo de 4º a 6º de educación primaria. Os representantes dos nenos e nenas renovaranse ao longo do mes de outubro de cada curso escolar.

Solicitarase de UNICEF o nomeamento dunha persoa en calidade de asesor/a permanente deste órgano.

Poderán asistir ás sesións do Consello con voz pero non voto, aquelas persoas e/ou asociacións que sexan convidadas pola presidencia ou a requirimento do Consello.

 

Si estades interesadas/os en que a vosa filla ou fillo presente candidatura para formar parte deste Consello, por favor, entregade a folla de presentación de candidaturas á titora ou titor antes do 8 de novembro.

MODELO PRESENTACIÓN DE CANDIDATURA

 

 

A DIRECTORA