Saltar navegación

2. Netiqueta nos foros, e-mail e chats

Infórmate

 As regras da netiqueta
... unhas zurras. Agustín Carracedo. CC BY-SA. Imaxe tomada de Web Máster Comunicaciones [1], adaptada e traducida ao galego

Os foros, o correo electrónico, a mensaxería e os  chats adoitan ter usos e costumes  propios que convén coñecer, respectar... e ensinar.

 

ForosForos:

  • Evita a tentación de saudar a todos os participantes nos foros agás se eres o moderador e das aos participantes a benvida ao curso, cousa que é recomendable.

  • Cando inicies un tema, escribe un título claro e representativo do contido. Evita títulos imprecisos e xerais como: "Teño un problema"
  • Se a túa resposta a unha mensaxe só interesa ao autor non lle contestes no foro senón envíalle un correo persoal.
  • Non envíes comentarios innecesarios, só causan perda de tempo e dificultan a localización de mensaxes de maior interese.
  • Non volvas preguntar algo que xa se tratou. Antes de preguntar sobre algún tema debes asegurarte de que non fose contestado con anterioridade.
  • Inclúe suficiente información cando envíes unha pregunta.
  • Non esperes recibir unha resposta inmediata.
  • Se queres mandar unha mensaxe de proba no asunto da mensaxe describe que é unha "Proba, NON ler".

 

Logotipo do e-mailE-mail:

  • Se citas parte da mensaxe á que respondes facilitarás aos demais o entendemento da túa contestación pero debes borrar a información que non teña interese para evitar que se perda tempo lendo algo innecesario.

  • Se a importancia da mensaxe o xustifica,  é preferible contestar rapidamente ao remitente para que saiba que leiches a súa mensaxe aínda que lle respondas máis adiante.
  • Considérase unha norma de cortesía anunciar no corpo da mensaxe a inclusión dun arquivo adxunto, doutro xeito podería pensarse que é un virus e sería borrado antes de lelo.
  • Trata sempre de que os arquivos que achegues ocupen o mínimo posible, xa que moitos usuarios non teñen unha conexión rápida.
  • Evita achegar un arquivo cun formato pouco común.

 

ChatsChats:

  • Ao entrar envía un saúdo conciso e correcto e considérate benvido por todos cando o moderador conteste ao teu saúdo.

  • Antes de intervir, espera uns momentos ata ver que se está a tratar na charla.

  • Ao saír envía unha despedida curta e correcta, sen esperar nada máis que unha despedida do moderador.

  • Cando envíes unha mensaxe non esperes a escribilo completo antes de envialo, senón que cando escribas unhas cantas palabras, vai enviándoas para que os teus interlocutores poidan ir lendo a mensaxe sen ter que esperar a que estea completa.

  • O resto de participantes na charla actuará de forma similar polo que cando un partícipe deixe unha frase en suspenso significará que está a editar outra liña, polo que se recomenda non o cortar cunha nova frase ou pregunta.

  • Non facer "inundacións" de texto, poñer mensaxes excesivamente longas, nin repetir a mesma frase.

  • Se queres comunicar unha mensaxe a unha persoa concreta, conecta con ela en "privado".

  • Non envíes mensaxes privadas se observas que o destinatario está moi atento ao desenvolvemento da conversación, a menos que a túa mensaxe sexa realmente importante para el.

  • Cando te ausentes momentaneamente, é mellor que conserves a conexión pero advirte aos demais que non estarás durante uns momentos. Cando regreses avísaos cunha mensaxe breve.

Sabías que...?

Na viñeta aparecen termos como "Top-posting", "Off topic" e OT, "FYI". Que significan?, A que fan referencia?

Referencias webgráficas

[1] Web Master Comunicaciones. Las 10 reglas básicas de la “Netiqueta”: porque nunca está demás refrescarlas.”, [En liña]. Dispoñible: http://webmastercomunicacionesca.blogspot.com.es/2011/05/las-10-reglas-basicas-de-la-netiqueta.html. [Consulta: 29-novembro-2013]

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)