9.4. INCLUSIÓN DA PUBLICIDADE NAS PROGRAMACIÓNS DE AULA.

Á hora de programar as materias para incluír a publicidade, pódese escoller en función dos obxectivos que nos propoñamos, entre usala como contido, como método ou como exemplificación dun tema.

Despois de revisar os elementos do currículo, poderase colocar naqueles puntos onde resulte axeitada ou eficaz.

Para situala como contido, poden servir as referencias das etapas da Educación Primaria citadas anteriormente.

Como ferramenta metodolóxica, teremos que ter moi claro o uso que lle vamos a dar e o procedemento de aplicación. É fundamental ter a actividade preparada con antelación. Podemos facer unha proba durante un curso, no que non vaiamos mal de tempo, para ver que tal nos desenvolvemos con ela e programala para o curso que vén con todos os seus compoñentes.

E por suposto, tela en conta na avaliación, outorgando unha proporción na cualificación

Cando a empregamos como ilustración ou exemplificación, faise necesario preparar os materiais de soporte adecuados a nosa actividade na aula.

Elección de contidos para traballar, segundo as etapas e os niveis educativos.

Seguindo as referencias do currículo adecuaremos a nosa proposta segundo os obxectivos da etapa e os contidos da materia, adecuando aos niveis de dificultade e á progresión das aprendizaxes.

Por exemplo: usar a historia da publicidade nas primeiras etapas como fío condutor da historia pode ser moi útil na ESO pero non tanto no Bacharelato. Se pode ser máis eficaz empregar unha historia gráfica da publicidade desde o século XIX ata actualidade, ou a historia dos anuncios de TVE para ilustrar estas épocas ou para mostrar o uso das fontes históricas.

Os exemplos do TAE dos créditos bancarios pode servir para o tema dos % en Matemáticas da ESO pero só como recurso introdutorio nas clases de Matemáticas Aplicadas ás CCSS ou Economía.

Publicidade e necesidades educativas especiais.

Adaptar o currículo ás necesidades especiais non é tarefa fácil.

  • En alumnado con dificultades, para a comprensión lectora, pode ser útil o emprego dos textos curtos e sinxelos dos anuncios de prensa, sobre todo polo enlace con aspectos da súa vida cotiá.

  • A gravación de anuncios da TV en arquivos dixitais que se podan parar e retardar pode facilitar a comprensión das mensaxes orais e as súas asociacións con imaxes que as contextualizan para poder interpretar a ironía, os xogos lingüísticos, etc.

  • Empregar as ofertas, os descontos para facilitar a asunción do cálculo como unha ferramenta necesaria na vida cotiá.

A publicidade non selectiva, para achegarse a un público moi amplo, ten que resumir tanto a información e facela tan comprensible á primeira que se converte nun taboleiro de mensaxes sinxelas, fáciles de comprender e interpretar polo alumando con dificultades de aprendizaxe. A variedade de medios, soportes e formas publicitarias constitúe un abano de posibilidades cara as dificultades especiais: textos dos carteis e prensa para o alumnado con problemas de audición, “jingles” e anuncios da radio para alumnado con problemas de visión, gran posibilidade de almacenamento en distintos formatos de arquivo tradicional ou dixital (fotos, vídeo) para trasladalos facilmente dun sitio a outro, dunha aula a outra, dun ordenador a outro… para alumnado con problemas de mobilidade, etc.

A publicidade permite a gradación das aprendizaxes. Pódese partir de contidos e recursos máis sinxelos (un cartel anunciando un refresco) a outros de maior complexidade (un anuncio na TV do mesmo refresco que pertenza a mesma campaña publicitaria)

Opcións metodolóxicas: recursos gráficos, audiovisuais, etc.

Hoxe en día, a publicidade está ata na sopa. Podemos recoller recursos reais en quioscos (prensa diaria, revistas, publicacións gratuítas, etc), folletos nas tendas e supermercados, nas farmacias, nas ferraxarías, nas tendas de móbiles, etc. Pero tamén podemos sacar fotos de todo iso e de moito máis: dos carteis nas paredes das fachadas, dos valos e outros soportes nas rúas, e gravar anuncios da radio (quen conserve un radiocassette analóxico) ou da TV en vídeo ou DVD. Pero por se non é suficiente, con Internet todo é posible. Millóns de anuncios en todos os formatos posibles viaxan pola rede esperando a que un profesor/a os recolla para levar ás aulas.

Todo vai depender da nosa pericia tecnolóxica e dos recursos dispoñibles no centro educativo.

Nos materiais complementarios deste curso deixamos algúns exemplos de materiais, extraídos da rede na meirande parte, para facilitar a investigación e aproveitamento das novas tecnoloxías e a familiarización coa Web.

Elaboración de  materiais propios

Se os recursos existentes non cumpren de todo ou en parte as nosas expectativas e necesidades, podemos crear os nosos propios materiais.

Frecuentemente o mellor material é o de elaboración propia, aínda que non sexa dun grao de calidade do soporte moi alto, porque está feito para cumprir os obxectivos que nos propoñemos, adecuado ao tema e nivel de profundidade que desexamos para o noso alumnado.

É necesario adaptarse aos procedementos tecnolóxicos propios, pero non por isto deixar de aproveitar a ocasión para aprender a manexar novas tecnoloxías. Moitas veces animámonos co novo cando temos a necesidade de empregalo. “Necesito un vídeo de “You Tube” e non sei como descargalo, pois busco como facelo e xa me queda aprendido para outra ocasión”. Pódese ralentizar un pouco a elaboración do material pero vai estar nun soporte moito máis aproveitable de cara ao futuro.

Despois de planificar a inclusión no currículo, os obxectivos do material e de integralo na programación de aula (sen perder de vista o sistema de avaliación que empregaremos) procederemos á busca de material gráfico, sonoro ou audiovisual. Para o material gráfico temos moi a man os quioscos de prensa ou a posibilidade de sacar fotos de carteis e valos na rúa. Pero se non queremos movernos da casa ou do centro, en Internet está todo. Abonda con poñer as palabras clave en calquera navegador e xa está… centos de exemplos dos que só nos custará elixir os máis adecuados para a perspectiva que lle queremos dar ao noso material.

Unha vez seleccionadas as exemplificacións só queda enmarcalas no formato de texto que queiramos empregar. Se simplemente é papel, as tesoiras e a cola  son imprescindibles. Se nos animamos coa creación dun documento dixital o “corta e pega” será o noso mellor aliado. Se empregamos o vídeo analóxico, a exposición ao alumnado será rápida. Se empregamos o vídeo dixital co canón de vídeo, podemos arquivar o material ben como enlaces as páxinas de internet onde aparecen ou ven descargalos con ferramentas como as de: http://cajondesastres.wordpress.com/2007/09/12/programas-para-descargar-y-convertir-videos/

Ou en http://videos-youtube.portalprogramas.com/

O navegador Mozilla Firefox ten a súa propia ferramenta para descargar vídeos en formato “flv” (Download Helper)

Como en todo material de elaboración propia é aconsellable acompañalo de algún tipo de ficha ou unidade didáctica en papel ou dixital que sirva de guía e pauta ao alumnado; no que se realicen preguntas ou enunciados que obriguen á reflexión, a busca de información, o afondamento no mostrado.

Avaliación dos obxectivos acadados coa publicidade

O sistema que empreguemos para avaliar o material propio ou de outro tipo sobre publicidade debe estar pensado desde o momento en que empezamos a planificar a idea de usar este material.

Pódenos guiar o listado de criterios de avaliación da materia, pero deberemos fixar uns poucos criterios relacionados con este tema.

Hai que ter en conta que como vimos antes pode servirnos para acadar varias competencias básicas.

Seguidamente, fixaremos a porcentaxe dedicada a este tema na cualificación global obtida polo alumnado na avaliación correspondente. Irá en función da cantidade de obxectivos acadados con esta ferramenta.

 

Última modificación: Luns, 21 de Decembro de 2015, 20:56