9.2.A PUBLICIDADE NO CURRÍCULO DE PRIMARIA

As referencias á publicidade no currículo de educación son numerosas. Nesta actividade recóllense as ocasións en que aparece no currículo da Educación Primaria.

O CURRÍCULO DA EDUCACIÓN PRIMARIA

Competencias básicas

Competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico

  • “Así mesmo, a competencia de interactuar co espazo físico leva implícito ser consciente da influencia que ten a presenza das persoas no espazo, o seu asentamento, a súa actividade, as modificacións que introducen e as paisaxes resultantes, así como da importancia de que todos os seres humanos se beneficien do desenvolvemento e de que este procure a conservación dos recursos e a diversidade natural,e se manteña a solidariedade global e interxeracional. Supón, así mesmo, demostrar espírito crítico na observación da realidade e na análise das mensaxes informativas e publicitarias, así como uns hábitos de consumo responsables na vida cotiá.”

Obxectivos, competencias básicas, obxectivos, contidos e criterios de avaliación das distintas áreas que constitúen a etapa:

Área de coñecemento do medio natural, social e cultural

Contidos do 2º ciclo

Bloque 3: A vida en sociedade

  • “Desenvolvemento de actitudes de consumo responsable e comercio xusto. Análise crítica de algunhas mensaxes publicitarias, relacionando a súa incidencia na toma de decisións.”

Contidos de 3º ciclo

Bloque 3: A vida en sociedade

  • “Actitude crítica ante a influencia da publicidade sobre o consumo.”

Área de lingua galega e literatura

Contidos do 3º ciclo

Bloque 2: Ler e escribir

  • “Comprensión de textos do ámbito escolar en soporte papel ou dixital para aprender e para informarse, tantos os producidos con finalidade didáctica como os de uso social (folletos informativos ou publicitarios, prensa, programas, fragmentos literarios).”

Área de lingua castelá e literatura

Contidos do 3º ciclo

Bloque 2: Ler e escribir

  • “Comprensión de textos do ámbito escolar en soporte papel ou dixital para aprender ou informarse, tanto os producidos con finalidade didáctica como os de uso social (folletos informativos ou publicitarios, prensa, programas, fragmentos literarios).”

Área de lingua estranxeira

Contidos do 2º ciclo

Bloque 2: Ler e escribir

  • “Lectura e compresión de diferentes mensaxes de interese para os nenos e as nenas (contos, menús, construcións dun xogo, mensaxes de correo electrónico, xogos de pistas, anuncios publicitarios...) adaptadas á súa competencia lingüística, en soporte papel e dixital para utilizar información global e específica no desenvolvemento dunha tarefa ou polo simple pracer de realizala.”

Área de educación para a cidadanía e os dereitos humanos

Contidos

Bloque 3: Compromiso social

  • “Análise de mensaxes, de declaracións, de imaxes etc. Procedementos de medios de comunicación de páxinas web, de publicidade... diferenciando información veraz e contrastada de simples opinións persoais.”

Criterios de avaliación

  • “Concienciarse da influencia que poden exercer os medios de comunicacións, a internet, ou a publicidade nas decisión e opinións das persoas.”

  • “Trátase de avaliar que o alumno se inicie na comprensión das mensaxes subliminares e da ideoloxía encuberta presente en textos e imaxes de diferente orixe, sendo quen de decatarse de que non sempre transparentes e de que poden influír decisivamente habituais e futuras.”

Proxecto lector de centro

Fundamentos

  • “A formación da lectura compresiva exixe, pola súa vez, un traballo progresivo e continuado. Traballarase con todo tipo de textos: literarios, expositivos, xornalísticos, publicitarios, gráficos; en soporte impreso ou electrónico.”

 

ORIENTACIÓN METODOLÓXICAS PARA A EDUCACIÓN PRIMARIA

Area de educación artística

  • “Xunto os recursos comentados, hai que ter en conta tamén aqueles que xa son de uso común nas clases de plástica e música como: carteis,a nuncios publicitarios, fotografías, catálogos, láminas, debuxos,obxectos para colorear (rotuladores, ceras, témperas, acuarela...), diferentes tipos de soporte (papel, cartón, teas, pedras...), diferentes obxectos cotiáns con posibilidades sonoras, instrumentos convencionais, ou construídos na aula...”

  • “Hai diferentes elementos icónicos e sonoros transmitidos por medios diversos e con intención variadas (publicidade, libros, informacións...), de aí que haxa que educar para saber mirar, escoitar, analizar, comprender... Esta é a base para poder atopar dobres sentidos, mensaxes subliminares, posibles manipulacións... e, ademais, ser capaces de axuizar determinados usos da imaxe, e máis de interpretar a potenciacións expresiva que achegan a outras linguaxes. Iniciar ao alumnado na comprensión e análise crítica da imaxe e da música tendo en conta as súas experiencias previas, as hipóteses que establecen... impide identificar elementos aos que atribuír significado, establecer relacións entre o que observa e os seus coñecementos previos, usar estratexias que favorezan a compresión. O alumnado ao longo da etapa irá levando a cabo esas actividades e procesos de xeito progresivamente autónomo nesta educación para a perfección artística debe traballarse tamén a perfección e valoración do silencio, a diferenza entre son e silencio e a percepción do ruído e do seu significado como elemento perturbador e contaminante no contorno.”

Área de lingua e literatura (lingua galega e lingua castelá)

  • “As nenas e os nenos deben poder participar en actividade variadas de escoita de textos  (relatos, mensaxes radiofónicas e televisivas, conferencias curtas...) e poder traballar sobre a mensaxe real, interpretala e comezar, nesta etapa, a conformar o pensamento crítico. A este último aspecto poderá contribuír a utilización de textos orais (anuncios, publicidade, reportaxes, entrevistas...) procedentes dos medios de comunicación (radio, e televisión) e internet nos que diferenciar opinión de información e nos que poder analizar a intervención de elementos non lingüísticos (imaxe, música, aumento de volume...) na escoita e comprensión.”

  • “A competencia lectora ou alfabetización implica comprender un texto e aproveitar esa compresión no quefacer diario, máis inclúe tamén unha serie de actitudes e condutas, tal como a actitude positiva cara á lectura (tanto a concibida para o gozo persoal ou para participar na sociedade como a que ser realiza para obter coñecemento e información), a de compartir diversas perspectivas e interpretacións sobre o que se le, a de interesarse por utilizar multitude de textos (tanto os escritos en formas tradicionais -libros, revistas, documentos, xornais, carteis...- como as presentacións electrónicas -correo electrónico, internet, anuncio publicitario...-).”

 

 

Última modificación: Luns, 21 de Decembro de 2015, 20:56