1.3. DISCIPLINAS RELACIONADAS COA PUBLICIDADE

Sobre todo son: Economía e marketing, socioloxía, psicoloxía, linguaxe, dereito, arte, cultura, ética. Coa súa participación no fenómeno da publicidade contribuíron á creación do modelo económico, comunicativo e psicosocial dende o que se aborda actualmente. As definicións de Ortega e Alfeo están feitas dende este modelo de achegamento ao fenómeno da publicidade (Contidos 1.2.)

A publicidade é un fenómeno de comunicación porque nela aparecen todos os elementos da comunicación (na Fig. 1). Fronte a outros sistemas comunicativos, a publicidade ademais é considerada un fenómeno económico:

“un recurso da Promoción, sendo esta última unha das catro actividades preferentes do Marketing (Produto, Prezo, Lugar e Promoción) que resulta unha actividade planificada, que emprega mensaxes persuasivas, paga o espazo que ocupa nos medios, actúa sobre a oferta e demanda dos bens e servizos”1.

“Constitúe un verdadeiro fenómeno social pola repercusión na conduta das persoas e grupos e pola súa contribución á industria cultural”1.

Bassat afirma que no sector económico-social, a publicidade ten contribuído a mellorar a relación calidade-prezo, a promover a innovación, a desenvolver a liberdade de elección, a formar e informar á persoa consumidora e a revolucionar hábitos sociais2.

Pero ademais emprega todas as outras disciplinas anteriores nas distintas fases do seu proceder:  

  • Socioloxía e estatística, nas fase de investigación pre e post campaña,

  • Psicoloxía (os estudos da percepción, atención, motivación, aprendizaxe, necesidades, motivación, actitudes),

  • Lingüística e as artes nas fases de creación da mensaxe,

  • Ética e dereito cando ten que regularse na sociedade.

  • Sen esquencernos da área de telecomunicacións como disciplina relacionada coa producción da publicidade.

Isto xa nos pode dar unha idea das posibilidades de emprego da publicidade na aula como recurso educativo, xa que nas distintas etapas hai áreas e materias que proceden destas disciplinas. A medida que avancemos no curso, tratarase máis profundamente a implicación de todas estas disciplinas.



1 Proyecto Media. Ministerio de Educación y Ciencia. ONCE. Coordinador: Alfeo Álvarez, J.C.

http://recursos.cnice.mec.es/media/publicidad/extras/docente/index.htm

 

2 Bassat, L. (2008) El libro rojo de la publicidad, 8ª edición. Mondadori. Barcelona

 

Última modificación: Luns, 21 de Decembro de 2015, 20:55