Acceso aos estudos universitarios oficiais de Grao

Acceso

As persoas que dispoñan do título de técnico superior de formación profesional, ou do título de técnico superior de artes plásticas e deseño, ou do título de técnico deportivo superior, ou de títulos equivalentes, poderán acceder de modo directo, sen necesidade de proba, a calquera ensinanza universitaria de grao.

Admisión 

Nota de admisión

No caso de que o número de solicitudes de admisión a unha ensinanza conducente a un título universitario de grao sexa maior que o número de prazas dispoñibles, e para os efectos de ordenar as solicitudes para a súa adxudicación, utilizarase unha nota de admisión que coincidirá coa nota media do ciclo formativo.

Nota de admisión = NMC (nota media do ciclo formativo)

 

Cálculo da nota media do ciclo formativo

NMC (nota media do ciclo formativo): suma das cualificacións numéricas dos módulos, cualificados de 1 a 10, sen decimais, e división do resultado obtido polo número total dos módulos. 

A nota media expresarase con dúas cifras decimais e arredondada á centésima máis próxima, e en caso de equidistancia, á superior.

Procedemento para mellorar a nota de admisión

>As persoas que desexen mellorar a nota de admisión deberán realizar os exercicios da fase voluntaria da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU). 

 Cada estudante poderá examinarse dun máximo de catro, elixibles entre as materias xerais troncais específicas de modalidade de segundo curso: Artes Escénicas, Bioloxía, Cultura Audiovisual II, Debuxo Técnico II, Deseño, Economía da Empresa, Física, Fundamentos da Arte II, Grego II, Historia da Arte, Historia da Filosofía, Latín II, Matemáticas Aplicadas ás CCSS II, Matemáticas II, Química, Xeografía e Xeoloxía.

 As probas correspondentes a estas materias teñen por obxecto, segundo os termos do artigo 10.2 da Orde do 24 de marzo de 2011, a avaliación dos coñecementos e a capacidade de razoamento nuns ámbitos disciplinares concretos relacionados cos estudos que se pretendan cursar, e permiten mellorar a nota de admisión.

 Cada unha das materias das que se examine o alumnado con carácter voluntario para os efectos de mellorar a súa nota de admisión cualificarase de 0 a 10 puntos, con dúas cifras decimais. Considerarase superada a materia cando se obteña unha cualificación igual ou superior a 5 puntos, de acordo co establecido no artigo 11.1 da Orde do 24 de marzo de 2011.

 Cada exercicio presentará dúas opcións entre as que o estudante deberá elixir unha.

 Para a realización dos exercicios, o alumnado poderá empregar, á súa elección, calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, os exercicios correspondentes a Lingua Castelá e Literatura, a Lingua Galega e Literatura, e a Lingua Estranxeira deberán realizarse nos seus respectivos idiomas.

 Para obter máis información sobre as características, a organización, a cualificación e a revisión, así como sobre a convocatoria das probas, pódese consultar a Resolución do 10 de febreiro de 2021, conxunta da Secretaría Xeral de Universidades e da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para realizar, dentro do curso 2020/21, a avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) no curso 2021/22.

Cálculo da nota de admisión

A nota de admisión para aos estudos universitarios de grao calcularase mediante a seguinte fórmula.

Nota de admisión = NMC + a*M1 + b*M2

NMC: Nota media do ciclo formativo, calculada segundo o procedemento indicado anteriormente.

  • M1 e M2: as cualificacións dun máximo de dúas materias superadas da fase específica que proporcionen mellor nota de admisión. 
  • a e b: Parámetros de ponderación das materias dos exercicios superados. En xeral terán un valor de 0,10, pero as universidades poderán elevar ese valor ata 0,20 para os temarios que consideren máis idóneos para seguir con éxito as ensinanzas universitarias.

Os parámetros de ponderación para cada curso académico publícanse no DOG.

- Parámetros de ponderación para o curso 2024-2025

A nota media expresarase con tres cifras decimais, arredondada á milésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior. 

Inscrición no procedemento

 Para presentarse e realizar a fase voluntaria da proba será suficiente coa inscrición, achegando unha certificación académica oficial.

 A certificación terá o carácter de documentación provisional, e non poderá procederse á admisión nos estudos universitarios de grao ata a consecución e a entrega da documentación acreditativa de dispor do correspondente título.

 Na certificación académica oficial deberá constar:

  • Para os ciclos formativos de grao superior de FP, a superación de todos os módulos que compoñen o ciclo formativo, coa excepción da formación en centros de traballo e, de ser o caso, o módulo de proxecto. 
  • Para os ciclos formativos de artes plásticas e deseño, a superación de todos os módulos que compoñen o ciclo formativo de que se trate, coa excepción da formación práctica en empresas, estudo e talleres, e o módulo de Proxecto Integrado. 
  • Para as ensinanzas deportivas, a superación dos módulos que compoñen o ciclo de grao superior de que se trate, coa excepción dos módulos de Formación Práctica e de Proxecto Final.

 

Adxudicación de prazas

 A adxudicación de prazas para cada un dos títulos de grao farase en función da nota de admisión obtidas polo/a estudante para ese título.

 

Orde de prelación na adxudicación das prazas das ensinanzas universitarias de grao

 En primeiro lugar, adxudícanse as prazas aos estudantes que nese momento teñan superadas as ensinanzas coducentes aos títulos de técnico superior de formación profesional, técnico superior de artes plásticas e deseño, ou técnico deportivo superior, ou títulos equivalentes.

 En segundo lugar, adxudícanse as prazas aos estudantes que superasen estas mesmas ensinanzas, despois da adxudicación realizada en primeiro lugar.

Etiquetas: