MORTES NO MORRER1

Como é posible educar para a morte sen aclarar que entendemos por morte?

A palabra forma parte da nosa bagaxe lingüística habitual pero o seu significado é ambiguo por moito que atopemos referentes nidios na realidade. Hai moitas situacións en que a barreira entre vida e morte é difusa, ata o punto de que necesitamos recorrer ao concepto de morte legal para dirimir certas casos.

Pero non é unicamente un problema referencial, xa que tamén o é, e en sumo grao, un problema de connotación. Resulta ser un concepto crucial en toda cultura e por iso leva asociado unha enorme carga simbólica, que se completa con ritualizacións e mecanismos de intervención social.

Obviamente unha educación que contemple a preparación ante a morte abordará a multiplicidade de cuestións que xeran a enfermidade, a vellez, a violencia e o morrerse, e por suposto os cambios e tarefas derivados das perdas. Os especialistas poden fornecernos diversos métodos e recursos para mellorar o tránsito por eses sinuosos espazos vitais pero un labor educativo que intente realmente conciliar vida e morte esixe unha consideración en profundidade deses dous conceptos, unha reelaboración dos mesmos á luz dos coñecementos con rango de fiabilidade de que dispomos na actualidade. Na escola, desde infantil aos os últimos anos da academia, e conforme ás diferentes etapas evolutivas teremos que alumar a súa asimilación para conseguir esa conciliación da que falamos.

¡A por iso!

1 Grande parte das ideas expostas no apartado Por que a morte? son adaptación das de Jesús Mosterín: La naturaleza Humana. 2006


"A partir do nivel de organización multicelular, todos os organismos morren. Así, as novidades que constantemente produce a reprodución sexual encontran o camiño despexado para poder crecer, reproducirse, difundirse e poñerse a proba. A morte duns organismos é a condición de vida de outros."

Jesús Mosterín, filósofo, profesor del CSIC


. inicio

q Por que a morte?

q A morte non é un "plis plas"

q Papelorio ao redor da morte

.

 

- Por que a morte?

Morren as bacterias?
Cando a súa contorna non ten as condicións adecuadas, ben sexa de temperatura, nutrientes ou por algo capaz de destruír a súa membrana morren, pero se isto non ocorre, as bacterias, células procariotas, divídense dando lugar a dúas novas células idénticas e máis pequenas que seguirán este proceso de división indefinidamente. Neste caso non se xera un cadáver e quizais sexa este un bo punto de partida para o comezo da nosa reflexión dado que constitúe un paradigma excelente da continuidade vida morte.

A morte como un estado diferenciado ten moito que ver cos procesos evolutivos dos seres vivos e vai moi ligada á reprodución sexual.

A diferenza da reprodución asexual, esta, mestura continuamente a información xenética dando lugar a individuos diferentes de cada vez. As combinacións inadecuadas son eliminadas pola morte de modo que poidan sobrevivir outros individuos de entre os moitos experimentos a que dá lugar. Non se trata de mellorar aos individuos ou á especie, é simplemente a forma en que o DNA se propaga utilizando como instrumento ás células somáticas, ou sexa, a nós.

De feito existe unha morte programada por xenes específicos para as células, a morte por apoptose, que non produce explosión nin inflamación á súa redor, é coma se as células tivesen instrucións internas para o seu suicidio tras haberse dividido un número determinado de veces, agás un tipo de células chamdas HeLa que son tumorais e potencialmente inmortais.

Existe outro tipo de morte celular, a necrose, que non é programada senón accidental e é un proceso desordenado ao que ten que responder o organismo para non verse afectado por el.

Deste xeito os seres humanos temos a mortalidade garantida. Nós como os demais seres vivos temos limitacións espazo-temporais, parafraseando a Mosterín non temos un brazo infinitamente longo, nin o desexamos, os nosos pés son diferentes á nosa cabeza, e no tempo tampouco somos iguais cando nacemos, de adultos ou na senescencia. Temos un límite no espazo e un limite no tempo. A morte dunha célula consiste na perda da súa individualidade para diluírse na contorna. A morte dun organismo é un retorno ao continuo da natureza. Realmente somos po de estrelas, que tampouco son eternas.

Pero a morte en xeral é case fácil de entender, a dos humanos costa máis. E non só temos que asimilar que temos un límite establecido, tal como descubriu Hayflick no seu estudo ao comprobar a redución dos telómeros dos cromosomas tras sucesivas divisións, ademais temos que entender que envellecemos. Cos avances das ciencias médicas cada vez vivimos máis e achegámonos ao límite da nosa especie, ao redor de cento vinte e cinco anos, co que é máis palpable o envellecemento e a consecuente deterioración.
Cando o xenoma deixa de dar ordes os elementos que se mantiñan unidos organizadamente constituíndo o individuo, dispérsanse e retornan ás cadeas orgánicas da natureza das que proceden.

Pero o que adoita aterrarnos da morte non é o retorno ao universo, é a desaparición da persoa en canto ser con conciencia e o descoñecemento do que vai pasar despois. A isto hai que engadirlle os medos irracionais aos que contribúen as teorías escatolóxicas e o medo ao propio proceso de morrer.


"A sexualidade vai sempre xunto con outro fenómeno nun momento catastrófico ou polo menos vivido como tal individualmente: o envellecemento e a morte dos que se reproduciron e deixan paso a súa progxenitura"

Jacques Ruffié, médico, antropólogo físico


.  inicio

  

q MORTES NO MORRER

q A morte non é un "plis plas"

q Papelorio ao redor da morte

 .

 

- A morte non é un "plis plas"

A morte non é un "plis plas" e nalgúns casos fanse ben patentes as diferentes mortes pola que pode pasar unha persoa.

Ás veces, a primeira, é a morte social, a que sofren bastantes persoas anciás, enfermas con padecementos que supoñen rexeitamento social e outros seres marxinais. Simplemente deixan de existir para a sociedade, non contan, quedan invisibilizadas e revogada a súa capacidade decisoria, Deixan de ser suxeitos para converterse en obxectos vivos e segundo que casos obxectos aos que se obriga a morrer ou a vivir. Pero nestes tempos que corren onde o valor por excelencia é o individualismo, co que ten de positivo en canto a ganancia en autonomía e orixinalidade e de negativo polo que supón de soidade e de illamento do tecido social do que se alimenta, a morte social é sentida como ameaza por cada un de nós. Ímonos morrer como individuos non como persoas integrantes dunha comunidade. A morte pódenos coller sen rede.

A morte psicolóxica pode darse en diferentes momentos coincidindo coa social, coa biolóxica ou antes que estas. Prodúcese ante a certeza subxectiva de que a morte biolóxica é inminente, o suxeito cesa no seu esforzo por seguir vivindo e acepta o tránsito á morte. En certa medida é un mecanismo adaptativo que favorece un desenlace en paz. Que a morte psicolóxica provoque máis ou menos sufrimento dependerá da biografía e circunstancias socioculturais do suxeito así como da reacción dos familiares que en ocasións non comparten coa persoa moribunda a aceptación da morte esixíndolle que continúe coa súa loita por vivir. Esta negación do “permiso para morrer” dos achegados non fai senón aumentar o sufrimento do morrente.

A morte biolóxica, chamada tamén biótica, é a que habitualmente tomamos como referencia da fronteira entre a vida e a morte. Pero non sempre é fácil establecer a barreira entre o animado e o fenecido e é aquí onde se produce a meirande parte das controversias acerca de que elementos tomar como criterio, se o cesamento da actividade cerebral, a cardíaca, pulmonar … Se nós non interferimos a morte biolóxica supón o cesamento de todas as funcións vitais do individuo.

Cando o organismo deixa de actuar como tal porque o seu xenoma está silenciado para sempre e o sistema nervioso deixa de coordinar e emitir ordes dicimos que morreu, pero algúns órganos poden seguir vivos e os diferentes tipos de células sobreviven tamén distintos tempos. A morte fisiolóxica chega cando xa non hai órganos sobreviventes. Fálase de morte total cando non quedan células vivas, algunhas como as nerviosas mantéñense con vida sen osíxeno só uns minutos, outras, de tipo epitelial como as hepáticas, renais ou glandulares, poden durar de dous a tres días.

Ao falar da morte biolóxica se apuntaban certas difcutades derivadas das tecnoloxías médicas que coas súas novas capacidades de actuar de soporte vital dos seres humanos puxeron en dúbida as fronteiras que tradicionalmente viñan separando vida e morte, baseadas fundamenalmente na concepción de morte neumocardíaca. Fíxose entón necesario precisar cando se debía considerar morto a un individuo dirimindo así posibles discrepancias. Aparece o concepto de morte cerebral. Supón a irreversibilidade no cesamento das funcións cognoscitivas, sensitivas, motoras, ou afectivas de calquera clase. Se ademais abrangue o tronco cerebral quedan afectadas as funcións homeostáticas e vexetativas.

Para moitos a morte máis terrible é a morte da persoa, suxeito posuidor de memoria e de conciencia, capaz de unir na súa biografía o pasado, o presente e o futuro, de facer anticipacións e plans, de sentir e de pensar. Neste sentido non todos os humanos son persoas, podendo producirse unha morte da persoa antes que unha morte biolóxica. Os que manteñen a teoría de identidade persoal pensan que a abolición total da conciencia supón a desaparición da persoa aínda que permaneza o corpo que ata entón a fixo posible.

Pode parecer estraño pero a morte non resulta dun acto instantáneo determinable obxectivamente sen máis, pola contra require dunha convención que estipule a morte legal dunha persoa, que é suxeito de obrigas e dereitos. Actualmente, admítese como criterio de morte tanto a parada cardiorrespiratoria irreversible como a morte cerebral. A realidade complexa da morte pode selo máis aínda cando concorren certas circunstancias en que o deceso é deducido polo tipo de accidente, violencia ou desaparición. O ordenamento xurídico ten que actuar con prudencia e precisión no establecemento da morte legal por canto o status moral e xurídico do individuo varía, xerándose profundos cambios no que atinxe aos dereitos e deberes.
O debate sobre que elemento debe servir de pauta para certificar a morte obedece a que no estado actual das tecnoloxías médicas poden producirse maiores desfasamentos entre as mortes citadas, especialmente a morte persoal pode anteceder considerablemente ao recoñecemento legal da morte.


"O cadáver xa non é un animal. Xa non ten ánima ou vida. O cadáver é temporalmente contiguo co animal, como a cadeira é espacialmente contigua comigo, cando estou sentado sobre ela. Pero a cadeira non forma parte de min, nin o cadáver que me sucederá tampouco. Unha fronteira espacial sepárame da cadeira en que me sinto, e unha fronteira temporal sepárame do cadáver que me sucederá."

Jesús Mosterín, filósofo, profesor del CSIC


. inicio

 

q MORTES NO MORRER

q Por que a morte?

q Papelorio ao redor da morte

 


"As dificultades que xera a determinación da morte teñen que ver con cuestións relativas ao estatuto ontolóxico e epistemolóxico da morte.
É a morte un fenómeno discreto ou máis ben como un proceso? Que tipo de entidade morre? Un organismo ou unha persoa? Determinar a morte é unha forma de constatar un feito, ou equivale a emitir un xuízo de valor? Ou talvez ambas as cousas simultaneamente? É a morte un fenómeno natural, ou unha construción social? Que liberdade deberían ter as persoas para decidir se, atopándose en morte cerebral, deben ser consideradas vivas ou mortas?"

David Rodríguez-Arias,
profesor na Universidade de Salamanca


 

- - Papelorio ao redor da morte

Os papeis máis importantes relacionados coa morte son seguramente aqueles que nos van facilitar unha morte en paz e eses hai que empezar a preparalos moito antes de que sexa inminente o noso final.
A lexislación española actual recolle a posibilidade de outorgar un documento denominado segundo as Comunidades Autónomas, Vontades anticipadas, Testamento vital, no cal recóllanse as instrucións referentes ao tipo de actuacións médicas que desexamos que nos sexan aplicadas en caso de enfermidade incurable e que nos invalide para expresar nese momento os nosos desexos. Tamén pode disporse cal é a opción que se prefire dentro das legalmente permitidas para que poidan desfacerse do noso cadáver.

Unha vez producido o óbito un médico colexiado debe estender o Certificado Médico de Defunción que é requisito imprescindible para converter o pasamento nun feito legal do que poidan derivarse outras actuacións, a primeira quizais, proceder a eliminar ou resituar o cadáver.

A importancia deste documento para a familia radica en que nel debe constar a hora do falecemento, debendo pasar 24 horas antes de proceder ao enterro ou incineración e no máis de 48 horas. Estes prazos procedentes de lexislacións que non se corresponden coa situación social e ciéntífica actual causan as veces serios trastornos aos familiares, por exceso ou por defecto, dependendo das particularidades de cada familia.

Estes prazos poden ser modificados excepcionalmente ou por mandato xudicial en función da causa da morte, o mesmo que os permisos subseguintes para a inhumación ou incineración.

Outros requerimentos dos que xeralmente se ocupan as empresas funerarias son a Licenza de enterramento e o Permiso de Sanidade (en caso de traslado). Existe un baleiro legal no tocante ás incineracións. Nas zonas onde non está regulado adoitase aceptar a Licenza de enterramento, aínda que as dúas prácticas son moi diferentes por canto na incineración desaparece totalmente o cadáver impedindo calquera proba posterior.

O médico deberá tamén asinar un Boletín Estatístico de Defunción.

 

.

 

 

 

inicio

 

q MORTES NO MORRER

q Por que a morte?

q A morte non é un "plis plas"

 

Última modificación: Xoves, 14 de Xullo de 2016, 12:42