Skip to Content

PARTICIPACIÓN NO CORRELINGUA 2019

A convocatoria deste ano do Correlingua tiña por lema "O galego é a fórmula". Con este punto como referencia, os e as estudantes dos catro grupos de 2º e 4º ESO traballaron durante algunhas sesión do mes de xaneiro na elaboración de cadanseu manifesto para participar nun concurso. Aínda que aos nosos textos non lles faltou xenio nin xeito, o manifesto gañador foi o titulado "Temos química coa nosa lingua", que elaboraron alumnos e alumnas de 4º ESO do IES de Carral. Desde aquí queremos darlles os nosos parabéns.
Calquera traballo debe ter a súa recompensa e así foi como o luns 6 de maio nos dispuxemos rumbo a Santiago de Compostela para desfrutar dunha andaina polo casco antigo, para escoitar o manifesto gañador da boca de Sofía Martínez Barbeito (2º ESO A), quen xenerosamente subiu ao escenario para lelo acompañada por unhas cantas compañeiras, e para bailar ao son da música de Pauliña, a cantante cambadesa.
Pola nosa banda, consideramos que tanto a elaboración dos manifestos como a participación no Correlingua son actividades útiles desde o punto de vista pedagóxico porque, partindo dun marco lúdico, fomentan o traballo en grupo, exercitan a creatividade, propician o coñecemento do formato do manifesto e contribúen a seguir forxando o uso e transmisión do galego. 
Só nos resta darlles as grazas á organización e a todo o profesorado e alumnado implicado. Procuraremos recuncar!

 



page | by Dr. Radut