Resultado de imagen de logo fse en galego

Historia do centro


O IES Ramón Menéndez Pidal estableceuse nun lugar histórico que no seu día ocupou o Hospital de Caridade, que englobou ademais, no seu momento fundacional unha Sala de Partos Secretos, Casa de Expósitos e Hospicio ou Casas de Misericordia.

O Hospital de Caridade fora fundado pola Congregación do Espírito Santo e Santa María das Dores segundo vontade e legado testamentario de Teresa Herrera, que obtivo permiso para o seu establecemento por Real Célula do Consello de Castela de 24 de decembro de 1790.

O labor do Hospital foi moi beneficioso para a cidade, pero quizá a súa xesta máis significativa foi a súa participación na Expedición Balmis que saíu do porto da Coruña o 3 de novembro de 1803 como portadora  da vacina a América. Foi a primeira expedición sanitaria de carácter internacional que deu a volta ao mundo. A ela contribuíu a Casa de Expósitos con 18 dos 22 nenos que portaron a vacina polo procedemento de “brazo a brazo” e coa propia Rectora da Casa de Expósitos que se responsabilizou do coidado dos nenos durante a viaxe.

O IES Ramón Menéndez Pidal comezou as súa actividade académica o 6 de novembro de 1972. Foi deseñado para unha capacidade de 1500 alumnos, pero ese curso iniciouno con só 400, impartíndose os niveis de 3.º a 6.º de Bacharelato e pospoñendo a implantación do COU para o curso seguinte.

Debe a súa orixe ás necesidades educativas que presentaba a cidade, pero materialízase grazas ás esixencias da UNESCO e do Banco Mundial, que estaban levando a cabo unhas actividades co Ministerio de Educación e Ciencia en materia de asesoramento a proxectos educativos e a concesión dun crédito que posibilitase a reforma do ensino que se está deseñando (Libro Branco, Lei Xeral de Educación).

Na visita que os expertos destes organismos internacionais realizan á cidade (días 25, 26 e 27 de xuño de 1969) ditaminan a necesidade de catro novos Centros de Ensino Medio.
Isto instrumentalízase por parte do MEC:

  • Transformando as seccións delegadas da Agra do Orzán e Monelos en Institutos Nacionais de Ensino Medio (Consello de Ministros de 4 de xullo de 1969).
  • Creando dous novos institutos que se levantan nos novos polígonos de Zalaeta e Elviña.

E por parte do Concello da Cidade:

  • Concedendo ao Ministerio de Educación os terreos de propiedade municipal, xerados pola implantación destes polígonos (A.M.C. Libro de Acordos, 16 de decembro de 1969).
  • Pleno Extraordinario: “Concesión ao MEC dun terreo sito sobre o parcelario que pertencera ao Hospital de Caridade e casa de Misericordia, nunha finca de 9500 m2  para a creación dun Centro de ensino medio”

Últimos Artigos

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer