Contos a dúas voces

Como xa vén sendo tradición no noso instituto, o luns 29 de xaneiro, o alumnado de 1º Bacharelato asistiu a unha nova sesión de contacontos en inglés e galego da man de Charo Pita e Alice Fernbank.

Dende lendas tradicionais celtas até historias de Oriente, a doce voz escocesa de Alice levounos moi lonxe, até as terras das fadas ou ás tribos de África. Ao seu carón, Charo ía traducindo e interpretando cun galego preciso e cheo de matices uns contos que por veces remataban cun final feliz, por veces facíano de maneira aberta e mesmo nos deixaban noutras ocasións con puros dilemas inesperados.

Interesantísima posta en escena, sinxela e poderosa a un tempo, que conseguiu unha vez máis captar a atención de todos e todas, recoñecendo este tributo á tradición oral.

En definitiva, todo un pracer para os sentidos poder saborear en inglés e galego esta recreación da tradición narrativa universal.