Free tour Vigo

Rapazada de 2ºESO gozou do Free Tour Vigo by Borja Concheiro polo Centro Histórico en lingua inglesa o martes 19 de marzo de 2024.

O Departamento de Inglés organizou esta saída que tiña como obxectivo, entre outros, fornecer o estudantado cunha experiencia de inmersión lingüística e así expandir as súas competencias en lingua inglesa.

Divididas e divididos en tres grupos con cadanseu guía, fomos en diversas rutas descubrindo episodios interesantísimos da nosa cidade, como a batalla de Rande, a orixe da toponimia e nomes do rueiro ou características e anécdotas de determinados edificios, como a casa de Arines, o edificio máis antigo da cidade, ou a imprenta de Juan Compañel onde Rosalía publicou Cantares Gallegos.

O alumnado tivo un comportamento excelente e prestou moita atención. Ao rematarmos a primeira actividade, fíxemos ademais un concurso de vocabulario bilingüe galego-inglés tomando como temática o urbanismo do Centro Histórico. Rapazas e rapaces participaron con entusiasmo e recibiron lambetadas como premio na volta ao centro educativo.

Unha mañá para abrir as cabeciñas e airealas neste comezo de primavera. Esperamos poder repetir esta experiencia os próximos cursos!