Skip to Content

Economía

Despedida curso 2020/21

 

Non queriamos deixar pasar este final de curso, sen escribir unhas liñas e facervos chegar as nosas sensacións e sentimentos.

Estamos moi agradecidos de compartir este curso convosco. Foi duro, raro e complicado pero ao mesmo tempo emotivo, ilusionante e moi gratificante.

 

Vós, todos, sodes os grandes heroes deste curso.

Adaptástesvos a vivir con máscaras durante unha chea de horas e render en todo momento.

A convivir sen compartir, como ata o de agora ensinabámosvos.

A ter barreiras físicas que vos separaban de amigos e compañeiros doutras clases.

A ler as nosas felicitacións nos nosos ollos, sen poder ver o noso sorriso.

A abrazar coa mirada.

A dar tanto, sempre, coa vosa alegría, que nos fixestes sentir en todo momento que nos dedicamos á profesión máis bonita do mundo. E este ano, máis que nunca.

 

Acabamos o curso moi felices. Vímosvos crecer en tantos aspectos que só podemos ter unha lectura positiva de todo.

Déstesnos tanto que simplemente podemos estarvos agradecidos.

Xa sodes parte de nós e esperamos ter un lugar en todos e cada un de vós a partir deste intre.

 

Podedes contar connosco sempre. Os "profes" sempre somos profes e estamos aí aínda que pasen os anos (e con moitas ganas e moitísimo agarimo). 

E sen saber con seguridade que nos vai a deparar o próximo curso, só podemos dicir que esperamos atoparvos no camiño que aínda vos queda por diante.

Grazas, de corazón, por facernos máis sinxelo o día a día.

 

Feliz verán a todos. Esperamos que gocedes cada momento e que volvades en setembro cheos de historias marabillosas que contar.

As tarefas máis importantes son rir, gozar e compartir experiencias cos que máis vos queren.

 

De despedida só un sinxelo GRAZAS, con maiúsculas. Para o que necesitedes…

Un abrazo moi forte e unha chea de bicos enormes.

ADAPTACIÓNS DA PROGRAMACIÓN PARA O TERCEIRO TRIMESTRE. CURSO 2019 - 2020.

ADAPTACIÓNS DA PROGRAMACIÓN PARA O TERCEIRO TRIMESTRE. CURSO 2019 - 2020.

Venres 3

É o último día da semana e ademais comezamos o descanso de Semana Santa, así que durante este período, non se van a colgar tarefas na aula virtual, pero como sempre, vos lembramos que seguimos en contacto a través do correo para o que puidésedes precisar.

Todos nós, estamos a ver o traballo que están a realizar diferentes colectivos para axudarnos a superar esta crise. E esa axuda tamén nola ofrecen coa música a través de todas as emocións e sentimentos que nos transmiten en diferentes momentos da nosa vida.

Hoxe e como "ata logo" propoñémosvos unha peza musical a través da cal nos entregan unha mensaxe de esperanza. Posiblemente xa a coñezades, pero querémosvola facer chegar á vez que reflexionamos que "na vida, unindo esforzos somos mellores".

"Sé un NIMROD, un rebelde, non te rendas"

Edward Elgar (1857-1934) «Nimrod», Var. nº 9 de «Variaciones enigma» op. 36

 

 

Coidádevos moito durante estes días.

Xoves 2

 

 En la adversidad despertamos cualidades, que en la comodidad hubieran permanecido dormidas!!!!!!”

Quixésemos facervos caer na conta de que este momento que estamos a vivir ofrécenos a oportunidade de descubrir moitas das nosas cualidades, que, en circunstancias normais, quizá non chegaríamos a coñecer.

Estamos convencidos de que moitos estaredes a aproveitar estes días para poñer en práctica algún novo hobby, escoitar un xénero musical descoñecido para vós, iniciarvos na lectura de libros acerca de novas temáticas, ....

E por iso hoxe na aula virtual colgaremos varias lecturas, para que agora que xa coñecedes os alicerces fundamentais e algúns conceptos crave da economía, poidades entender mellor que hai detrás de todos estes termos que como sempre dicimos en clase, "... están tan, tan, tan, presentes no voso día a día!".

Esperamos que aproveitedes esta oportunidade e carguedes as vosas "mochilas" de coñecementos e anécdotas.

 

Botámosvos moito de menos.

Mércores 1

Estamos xa terminando o mércores e hoxe enviámosvos unha imaxe coa que poder reflexionar ao final deste día.  "No está todo cancelado".
 
 
 
A corentena ás veces tráenos a sensación de que estamos a nos perder moitas cousas.
Vemos que, mentres estamos na casa, ao noso ao redor cancélanse multitude de experiencias: eventos deportivos, programas, actividades, paseos, visitas; con todo, o realmente importante non está cancelado: o amor, o agarimo, a bondade, a esperanza....
E é unha ocasión estupenda para mostrar estas virtudes.
 
 
Un abrazo e moito ánimo.


Martes 31

Hoxe convidámosvos a empezar o día reflexionando con este fragmento dun libro marabilloso: "O Principiño", do autor francés Antoine de Saint- Exupéry.

 

 

Recomendámosvos a súa lectura porque a pesar de ter menos de 100 páxinas, é unha lección de vida e as súas leccións non caducan, polo que calquera momento é bo para conmoverse e atoparse a un mesmo entre as palabras de Antoine de Saint- Exupéry.

O traballo programado para hoxe, xa está colgado na aula virtual.

Luns 30

Hoxe gustaríanos empezar a xornada con estas palabras de John Maxwell:
 
                                      "A medida que o desafío crece, a necesidade de traballar en equipo aumenta".
 
O traballo en equipo fai posible a superación dos obstáculos máis difíciles, aceptando a cada persoa tal cal é, coas súas virtudes e os seus defectos.
Esperamos que vos sirva de estímulo para afrontar os desafíos desta semana coa valentía e a enerxía debidas.
 
Moito ánimo!, estade orgullosos co voso grao de compromiso e traballo ata o momento, nesta complicada situación.

Xoves 26

 

Ilustración de Juan Carlos Fernández, que aparecía nun artigo do xornal dixital Marca.com o pasado luns 23.

"Mulleres e homes que xogan en primeira liña este partido crucial no que todos e cada un de nós tamén sumamos".

Un forte abrazo

Mércores 25

É mércores, chegamos ao ecuador da semana.
 
Hoxe convidámosvos a comezar a mañá reflexionando coa seguinte cita:
                   "Non facer nada por medo a equivocarse é a maneira máis segura de equivocarse"
 
Nestes momentos que estamos a vivir pasan por nós unha infinidade de emocións, entre as cales, seguro que ás veces vos xorde o medo.
É algo normal e humano, pero, non debe nunca frearnos nin ser un obstáculo no camiño.
 
Como cada día, tedes a pauta do traballo na aula virtual.  
 
Mandámosvos un gran abrazo. Coidádevos moito e soride porque os sorrisos escorrentan o medo.
Distribuir contido


by Dr. Radut