INFORMACIÓN SOBRE A AVALIACIÓN PARA O CURSO 2022-2023

INFORMACIÓN SOBRE A AVALIACIÓN PARA O CURSO 2022-2023

 

 

 

 

1. CURSOS NON TERMINAIS DE NIVEL (A1, A2.1, B1.1, B2.1 e C1.1)

 

PROBA FINAL DE PROMOCIÓN

  • A proba final de promoción realizarase en convocatoria ordinaria no mes de maio ou xuño. A cualificación terá un valor porcentual do 70% da cualificación final do curso. 
  • En caso de que a cualificación global de xuño sexa superior á da proba de progreso, e para aqueles alumnos que non realizasen a proba de progreso, a nota da proba de promoción (xuño), terá un valor do 100%.
  • A finais d¡o mes de xuño haberá unha convocatoria extraordinaria na que o alumnado só terá que examinarse das partes non superadas na convocatoria ordinaria. Terá un valor do 100% para todo o alumnado.

 

Puntuación e cualificación

  • A1 e A2.1: 
    • A puntuación máxima será de 100 puntos. 
    • As probas constarán de catro partes (comprensión de textos orais; produción, coprodución e mediación oral; comprensión de textos escritos; e produción, coprodución e mediación escrita), e cada parte terá un valor de 25 puntos.
    • Para promocionar de curso, o alumnado terá que acadar, polo menos, 15 puntos en cada unha das catro partes. O alumnado que en xuño non acade o mínimo do 15 puntos en cada parte, deberá examinarse daquelas nas que non obtivera 15 puntos na convocatoria extraordinaria.

 

  • B1.1, B2.1 e C1.1: 
    • A puntuación máxima será de 125 puntos 
    • As probas constarán de cinco partes (comprensión de textos orais; comprensión de textos escritos; produción e coprodución de textos orais; produción e coprodución de textos escritos; e mediación), e cada parte terá un valor de 25 puntos.
    • Para promocionar de curso, o alumnado terá que acadar, polo menos, 12,5 puntos en cada unha das partes, e unha puntuación mínima do 65% do total da proba (81,25/125). O alumnado que non acade o mínimo do 65% na convocatoria ordinaria de xuño, ademais de examinarse daquelas partes nas que non obtivera 12,5 puntos, poderá examinarse tamén daquelas outras nas que non acadara a puntuación mínima do 65% (16,25/25). Neste caso, se a cualificación obtida na convocatoria de xuño é superior á que se obteña na extraordinaria (setembro), manterase a cualificación máis alta para o cálculo da nota final.

 

En todos os cursos e niveis, o alumnado que non promocione deberá repetir curso e ser avaliado de novo de todas as actividades de lingua.

 

 

 

2. CURSOS TERMINAIS DE NIVEL (A2, B1, B2, C1 e C2)

 

PROBAS TERMINAIS ESPECÍFICAS DE CERTIFICACIÓN

  • A proba terminal de certificación terá lugar a finais do mes de maio ou durante o mes de xuño.
  • Estrutura e contido
    • As probas correspondentes ao nivel básico A2 estruturaranse en catro partes: comprensión de textos orais; produción, coprodución e mediación oral; comprensión de textos escritos; e produción, coprodución e mediación escrita.
    • As probas correspondentes ao niveis intermedio e avanzado (B1, B2, C1 e C2) estruturaranse en cinco partes: comprensión de textos orais; produción e coprodución de textos orais; comprensión de textos escritos; produción e coprodución de textos escritos; e mediación.
    • O alumnado examinarase de todas as partes da proba e ningunha delas será considerada eliminatoria para a realización do resto delas.

 

• Puntuación e cualificación

    • A puntuación total da proba final de certificación do nivel A2 será de 100 puntos. Cada unha das catro partes nas que se estrutura a proba terá un valor de 25 puntos. A cualificación será positiva cando se acaden, polo menos, 15 puntos en cada unha das catro partes da proba.
    • A puntuación total da proba terminal de certificación para os niveis B1, B2, C1 e C2 será de 125 puntos. Cada unha das cinco partes nas que se estrutura a proba terá un valor de 25 puntos. A cualificación será positiva cando se acaden, polo menos, 12,5 puntos en cada unha das cinco partes da proba e se obteña unha puntuación mínima do 65% no total (81’25 puntos) da proba.
    • Haberá unha convocatoria extraordinaria a finais do mes de xuño. O alumnado que non acade o mínimo do 65% da puntuación total da proba na convocatoria ordinaria, ademais de examinarse das partes nas que non obtivera 12,5 puntos, poderá examinarse tamén daquelas partes nas que non acadara a puntuación mínima do 65% (16’25 puntos). Neste caso, se a cualificación obtida na convocatoria ordinaria é superior á que se obteña na extraordinaria, manterase a cualificación máis alta para o cálculo da nota final. De non obter a cualificación de apto en todas as partes da proba na convocatoria extraordinaria, ou de non acadar o mínimo de 65% total, o alumnado oficial deberá repetir curso e ser avaliado de novo de todas as partes da proba.

 

 

CONVOCATORIAS E PERMANENCIA

 

O alumnado oficial poderá permanecer en cada un dos niveis o dobre de anos establecidos para cada un deles pola lexislación vixente. Logo de esgotadas as convocatorias o alumnado non poderá cursar as ensinanzas en réxime presencial pero poderá inscribirse para realizar as probas terminais de certificación polo réxime libre.

 

 

Normativa

 

  • Real Decreto 1/2019, de 11 de xaneiro, polo que se establecen os principios básicos comúns de avaliación aplicables ás probas de certificación oficial dos niveis intermedio B1, intermedio B2, avanzado C1 e avanzado C2 das ensinanzas de idiomas de réxime especial.
  • Decreto 81/2018, do 19 de xullo, polo que se establece o currículo dos niveis básico A1, básico A2, intermedio B1, intermedio B2, avanzado C1 e avanzado C2 das ensinanzas de idiomas de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia
  • Circular 3/2019, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para a preinscrición, admisión, matrícula e organización académica nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no curso 2019-2020
  • Circular 8/2019 pola que se ditan instrucións para a elaboración e administración das probas de certificación das ensinanzas de idiomas de réxime especial para o curso 2019- 2020.