Inicio                         

 

 

Roteiros con arte

VISITA DA ALCALDESA E DA CONCELLEIRA DE EDUCACIÓN

Hoxe tivemos unha visita moi especial. A alcaldesa Leticia Santos e a Concelleira de Educación viñeron visitar o noso cole para ensinarlles algunhas das actividades máis importantes que fixemos no noso proxecto: a canción de "As Mariscadoras" en LSE, a exposición de "Moaña hoxe e onte" e a "Guía Paisaxística de Moaña" que fixeron o alumnado e as súas familias. 

Démoslle como agasallo un resumo da nosa Guía para que a garde como recordo. Moitísimas grazas por aceptar a nosa invitación e vir coñecernos!

PRODUTO FINAL: GUÍA PAISAXÍSTICA DE MOAÑA

Rematamos o noso proxecto "Roteiros con Arte", enmarcado dentro do Plan Proxecta "Paisaxe e Sustentabilidade" e do Contrato Programa "Edu-Sostibilidade" cunha GUÍA PAISAXÍSTICA DE MOAÑA, feita polos nenos e nenas da nosa escola. Nela, o alumnado móstrannos as distintas estatuas e zonas de interese que podemos atopar na nosa vila.

Podedes descargala na seguinte ligazón

Agardamos que vos guste!

Con esta actividade traballamos os ODS "Cidades e comunidades sostibles", "Educación de calidade", "Acción polo clima" e "Produción e consumo responsables"

     

AVALIACIÓN FINAL CO ESCORNABOT E O MBOT

Xa estamos rematando o noso proxecto e aproveitamos os nosos robots para observar todo o que aprendimos ao longo deste curso.

Por unha banda está o Escornabot, cun taboleiro con estatuas da nosa vila que tiñamos que identificar. Este xogo vai acompañado dun dado que ten un anaco dunha estatua que neste caso tiñamos que adiviñar. Unha vez lanzamos o dado temos que intentar levar o escornabot á estatua correspondente.

Por outra banda está o Mbot, co que os nenos e nenas de 5 anos debuxaron as súas paisaxes e zonas preferidas de Moaña para que o Autobús Mbot recorrese o mapa feito polo alumnado.

Con esta actividade traballamos o ODS "Educación de calidade"

ILUMINAMOS CASAS

Empregando un circuíto de cobre, unha lámpada e unha pila démoslle luz a unhas casas que debuxamos. Mirade que bonitas nos quedaron!

Con esta actividade traballamos o ODS "Educación de calidade".

MAPA DE MOAÑA

A mestra Sara fixo este mapa para xogar e aprender máis sobre a nosa paisaxe e o noso pobo. Só tiñamos que pór o Google Maps e ir seguindo o Street View para colocar as estatuas e zonas de interese no mapa que tiñamos en papel. Que divertido foi!

Con esta actividade traballamos o ODS "Educación de calidade".

ESTABLECEMENTOS DE MOAÑA

Así de ben o pasamos xogando na biblioteca coa pantalla dixital a adiviñar os establecementos máis coñecidos da nosa vila. O comercio local e as pequenas empresas axudan a que a nosa vila vaia medrando, por iso é moi importante pór en valor e ser conscientes da importancia que ten para todos os cidadáns e cidadás.

Con esta actividade traballamos o ODS 8 "Traballo decente e crecemento económico".

LETRAS GALEGAS 2022

Polas Letras Galegas quixemos rendir homenaxe ao noso pobo, á paisaxe, ás nosas raíces. Enviamos a cada familia unha fotografía antiga de Moaña que tiñan que intentar localizar na actualidade coa axuda dos avós, avoas, pais, nais... E así observar como se vai modificando a paisaxe cos cambios producidos pola acción humana e os cambios nos estilos de vida da nosa xente. 

Unha vez localizaran o sitio, quitaron unha foto dende a mesma perspectiva que pegaron debaixo da foto antiga. Con todas as fotografías fixemos unha exposición ás que estiveron invitadas todas as familias.

Acompañamos esta exposición cun pequeno anaco de poema de Florencio Delgado, autor homenaxeado polas Letras Galegas.

 

Con esta actividade traballamos o ODS "Educación de calidade"

SEMANA DO LIBRO

Pola Semana do Libro recibimos a visita dunha contacontos que viu á escola a contarnos un conto moi especial e moi relacionado co noso proxecto: Os Bolechas van a Moaña! Cantamos e bailamos as cancións compostas para este conto, que ben o pasamos! Ademais, agasalláronnos cun exemplar do conto para cada un e varios para a nosa biblioteca, moitas grazas!

Aquí vos deixamos tamén algunhas cancións do CD que podedes atopar en YouTube

Con esta actividade traballamos o ODS "Educación de Calidade"

Caranvexornal - 7ª edición

 

Xa temos unha nova edición do noso Caranvexornal. Nesta ocasións as nenas e os nenos da nosa escola comentan algunhas das propostas realizadas dentro do proxecto "Roteiros con arte".

Caranvexo TV

Agardamos que vos guste!.

AS NOSAS VIVENDAS

Despois de coñecer as diferentes construcións e vivendas que fan os animais, os nenos e nenas de 4 anos estivemos investigando sobre os nosos fogares. Diferenciamos entre casa ou edificio, rural ou urbano, pequeno ou grande, membros da familia que viven na mesma casa, as estancias e o seu uso (cociña, salón, habitación) e os materiais cos que están feitos (madeira, cemento) ....

DECORAMOS O FISGÓN

Decoramos entre todos os nenos e nenas do cole o Fisgón, estatua moi coñecida no noso pobo. Así de bonito nos quedou!

APRENDEMOS A CANCIÓN DE "AS MARISCADORAS" EN LSE

Quixemos rendir homenaxe ás mulleres do mar, ás nosas mariscadoras. Por iso aprendemos a canción de María Fumaça, "As mariscadoras", dunha maneira moi especial: en Lingua de Signos! Agardamos que vos guste

 

Con esta actividade traballamos os ODS "Educación de calidade" e "Igualdade de xénero"

        

PASEO POR MOAÑA

Como ben sabedes, levamos todo o curso investigando sobre o noso pobo e a arte que o rodea: as esculturas (estatuas, materiais...), a arquitectura (as nosas casas, edificios de interese, as bateas...)

Non podiamos deixar pasar a oportunidade de realizar un paseo por Moaña para ver e observar de primeira man todo isto que levamos tanto tempo traballando. Así que collimos as nosas mochilas e as nosas merendas, puxémonos un calzado ben cómodo e... a andar!


Con esta actividade traballamos o ODS "Cidades e comunidades sostibles"

DÍA MUNDIAL DA SAÚDE

Xa sabemos que os mexilóns son un produto moi típico en Moaña asíque que mellor maneira de celebrar o Día Mundial da Saúde realizando un obradoiro de cociña para probar e comer un paté de mexilóns

 

Con esta actividade traballamos o ODS "Saúde e benestar"

 

DIA MUNDIAL DO CONSUMIDOR

Para celebrar este día pedimos a colaboración das familias para facer unha exposición sostible con xoguetes feitos con material de refugallo. Moitas grazas familias polas vosas aportacións!

Con esta actividade traballamos o ODS "Produción e consumo responsables"

CONSTRUCIÓNS ANIMAIS

Os nenos e nenas de 4 anos estivemos investigando sobre os diferentes tipos de construcións animais. A profe Sara deixounos un libro onde aparecían diferentes casas e os animais que as facían: tobos, niños, formigueiros, colmeas, casas ás costas...

Pensamos que as construcións animais son moito máis sostibles que as que facemos os humanos, pois eles empregan material que atopan na natureza: paos, plumas, pedriñas, terra, cunchas...

Cada neno e nena elixiu a construción animal que máis lle gustaba e decidimos reproducila con materiais naturais. Primeiro fixemos un boceto, para ter as ideas ben claras, e despois puxémonos mans á obra e este foi o resultado!

 

 

 

Con esta actividade traballamos o ODS "Vida de ecosistemas terrestres"

VISITA DO AVÓ DE MATEO

Tiñamos moito interese por saber como se construían as casas e que materiais se empregan na construción e onte recibimos a visita do avó de Mateo, que veu a ensinarnos cómo funciona unha formigoneira. Aproveitamos que tiñamos o cemento listo para facer dúas torres ben xeitosiñas! 

Con esta actividade traballamos o ODS "Cidades e comunidades sostibles".

 

VISITANOS A MAMÁ E A CURMÁ DE ENZO

Fai uns días tivemos no cole unha visita moi especial. A mamá e a curmá de Enzo viñeron a ensinarnos como é unha batea, elemento característico da nosa paisaxe e moi importante para a economía do pobo. 

Traeron unha maqueta da mesma así como tamén algúns materiais que se empregan. 

Grazas familia por esta visita tan especial!

 

Con esta actividade traballamos o ODS "Vida submarina"

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA

A incorporación da muller ao mundo laboral supuso un antes e un despois na sociedade. Os dereitos conseguidos no transcurso destes anos (igualdade salarial, horario...) conseguiron que as mulleres puideran dispoñer dunha autonomía económica e social que, hoxe en día, tradúcese en mulleres empoderadas cunha gran formación académica e profesional que eran impensables séculos atrás. 

No Día Internacional da Muller Traballadora quixemos facer un homenaxe as nosas mulleres, as mulleres de Moaña, por iso realizamos un mural con fotos das nosas mamás, avoas, tías, madriñas... nos seus postos de traballo.

Moitos destes oficios están relacionados co noso pobo: a pesca, a horta, o pequeno comercio... polo que aproveitamos para relacionalos co noso proxecto de Moaña. Isto axudounos a ser conscientes da importancia e relevancia que teñen e que tiveron estos traballos nun pobo mariñeiro e costeiro como é Moaña.

Con esta actividade traballamos os ODS "Igualdade de xénero", "Traballo decente e crecemento económico"e "Redución das desigualdades".

  

ENTROIDO 2022

Durante a semana pasada celebramos no centro unha das nosas festas preferidas: o entroido!

Fixemos numerosas actividades relacionadas co noso proxecto de Moaña:

- O luns visitounos unha comparsa, grupo musical que caracteriza o noso pobo nas festas de Entroido.

- O martes tivemos un obradoiro de cociña onde fixemos filloas de Entroido, postre típico do entroido moañés e de moitas outras zonas de Galicia. Tamén decoramos unhas coroas con diferentes tipos de casas.

- O xoves mariscamos no areeiro, xa que os mandados do meco tamén estaban relacionados co noso proxecto, onde cada día ían traendo diferentes complementos para finalmente disfrazarnos de mariscadoras, figura moi representativa no noso pobo. 

- O venres celebramos a nosa festa de Entroido!

Aquí vos deixamos un pequeno vídeo de exemplo das actividades descritas.

Con esta actividade traballamos o ODS "Educación de calidade"

 

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ

O 30 de xaneiro celebramos no colexio o Día Escolar da Non Violencia e da Paz, onde investigamos e traballamos arredor da figura de Wangari Maathai, unha muller africana que loitou polos dereitos das mulleres kenianas e polo medioambiente, levando arredor do mundo o seu movemento "Cinturón Verde".

Dende a biblioteca fixemos un pequeno xogo de pistas onde descubrimos a Wangari e o traballo que fixo na paisaxe, a sostibilidade e o respecto ao medioambiente. Aquí deixamos un vídeo coas actividades feitas.

Con esta actividade traballamos os ODS "Igualdade de xénero" e ""Paz, Xustiza e Institucións sólidas".

  

 

 

DÍA INTERNACIONAL DA DIVERSIDADE FUNCIONAL

Os nenos e nenas do colexio fixemos a nosa propia adaptación do conto "Mezclados: una historia de colores". Esta fermosa historia fala da importancia da diversidade entre as persoas e nas relacións sociais. Porque ser todos iguais é moi aburrido... A diversidade enriquécennos!

Isto o fixemos para conmemorar o Día internacional da Diversidade Funcional e así traballar a sostibilidade social.

Con esta actividade traballamos o ODS 4 "Educación de calidade" e o ODS 12 "Paz, xustiza e institucións sólidas".

 

DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO

A sostibilidade non só é algo ambiental, senón que falar de sostibilidade é falar de relacións sociais, de respecto entre grupos, de paz, de convivencia...

Por iso os nenos e nenas de 5 anos fixeron este conto para traballar a sostibilidade social e o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Con esta actividade traballamos o ODS 5 "Igualdade de xénero" e o ODS 16 "Paz, xustiza e institucións sólidas".

 

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Polo Día das Bibliotecas Escolares inauguramos a nosa biblioteca para este curso 2021-2022. Este ano poñemos en marcha o préstamo semanal, e para levar os contos para casa decoramos unhas bolsiñas de tea, en vez de empregar carpetiñas de plástico. Son pequenas accións que fan que o noso cole sexa máis sostible co medio ambiente.

Con esta actividade traballamos o ODS 11 "Cidades e comunidades sostibles".

INSTALACIÓN SOSTIBLE

Hai uns días, apareceron nas diferentes aulas un pictograma da biblioteca. Como non sabiamos qué significaba, decidimos ir á biblioteca para ver de qué se trataba. Enriba da mesa atopamos outro pictograma, desta vez dunha estantería, xunto cunha peza de madeira. De ahí fomos á estantería e atopamos un picto dun coxín cunha tapa de cor verde.

E, así, fomos pasando polos diferentes espazos da biblioteca ata que chegamos ao último, unha fotografía da nosa aula de instalacións.

 

 

Ao chegar alí, descubrimos unha nova instalación! Como non podía ser doutro xeito, está relacionada cos proxectos nos que participamos este curso e que teñen como base a sostibilidade. Para iso empregamos material sostible co medio ambiente: madeira, cartón e plástico reciclado. As linternas que empregamos recárganse con batería externa para así diminuír o uso de pilas, tan contaminantes para o planeta.

Con esta actividade traballamos o ODS 4 "Educación de calidade" e o ODS 13 "Acción polo clima".

 

NON É UNHA CAIXA!

Fai uns días lemos o conto "Non é unha caixa!". Hoxe, cando chegamos ao cole, atopámonos no corredoiro un "camiño" de pedras de cartón.

 

 

 

Seguímolo para ver ata onde chegaba e atopámonos a seguinte sorpresa... Era un obradoiro de caixas recicladas!

 Con esta actividade traballamos o ODS 12 "Consumo e produción responsables".

DECÁLOGO SOSTIBLE

No noso proxecto sobre Paisaxe e Sustentabilidade non só se traballan contidos sobre lugares e sitios de interese do noso pobo, senón tamén contidos relacionados coa sostibilidade. Os nenos e nenas estivemos afondando sobre o significado da palabra "sostibilidade".

 

 

Con esta actividade traballamos o ODS 12 "Consumo e produción responsables".

INVESTIGAMOS SOBRE A NOSA PAISAXE

Aproveitamos o noso "Recanto Creativo" da Biblioteca para investigar sobre as paisaxes que apareceron no obradoiro da semana pasada. Facémonos algunhas preguntas:

Coñecémolas? Onde se atopan? Que representan? De qué están feitas? Son contaminantes para o pobo?

 

 

 

 

Con esta actividade traballamos o ODS 11 "Cidades e comunidades sostibles"

OBRADOIRO "ROTEIROS CON ARTE"

Despois de visionar o vídeo do Fisgón, os nenos e nenas fomos ao patio cuberto e alí descubrimos unha pequena sorpresa: un obradoiro con fotos das paisaxes e lugares máis característicos de Moaña. Así, rotamos libremente polas diferentes zonas (pintura, arquitectura e escultura) e fixemos as nosas propias creacións de paisaxes do noso pobo.

 

Esta actividade está relacionada co ODS 11 "Cidades e comunidades sostibles".

COMEZAMOS NOVO PROXECTO

Ola nenos e nenas! Comezamos este curso cun novo proxecto, que titulamos "Roteiros con Arte". Se queredes ver de qué trata, facede click no vídeo e estade moi atentos e atentas. 

Distribuir contido