ENCONTROS COAS AVOAS

           ENCONTROS COAS AVOAS

8 DE MARZO

 DÍA INTERNACIONAL DA MULLER 

Desta volta vimos de celebrar o Día Internacional da Muller con nove mulleres super importantes: as avoas do noso alumnado da ESO.

As mulleres, tanto no espazo familiar coma no laboral tiveron, e seguen a ter, numerosas tarefas e responsabilidades, constituíndose nun eixo vertebrador das familias e da sociedade, nun piar básico da súa construción. Porén, as ditas tarefas e responsabilidades estiveron sempre, e seguen estando, relegadas a un segundo plano en importancia. O centros educativos temos a obriga de traballar a prol da igualdade de xénero, visibilizando o papel das mulleres, e fomentando a reflexión e análise sobre as desigualdades que existiron, e aínda existen, entre ambos.     

Para iso, este ano quixemos adicarlle un espazo e un tempo no noso CPI, dándolle presenza e voz, a mulleres moi próximas a nós. Tivemos a sorte de contar coa visita dalgunhas das avoas do noso alumnado, que nos contaron cousas relevantes da súa infancia, adolescencia e vida adulta; en definitiva, das súas vidas como mulleres e da súa importante achega á sociedade. Igualmente, déronlle ás rapazas e rapaces, consellos sabios e cheos de sensatez relacionados co respecto mutuo entre homes e mulleres, co respecto cara os pais, avós e profesorado, e coa importancia de formarse e ser traballadoras e constantes nas metas que pretenden conseguir. Estas avoas, como tantísimas outras mulleres, sexan nais e avoas ou non, constitúen as mellores representantes da muller traballadora; non fai falla ir máis lonxe para comprobalo!  

Podemos dicir que foi unha xornada intensa e moi bonita, na que non faltaron os risos, numerosos aplausos, e tamén momentos cheos de emoción, tanto coa intervención das avoas como cando despois lles tocou aos propios netos e netas falar sobre elas; houbo que tirar de panos en varias ocasións!

Non nos queda máis que agradecerlles que fixeran este esforzo por agasallarnos cun anaco do seu tempo e cun anaco das súas vidas.

 

Deixámosvos aquí algunhas imaxes dos momentos que compartimos con estas marabillosas mulleres e tamén as reflexións de parte do noso alumnado. Esperamos que vos gusten!

 

    

    

    

    

    

    

    

 

 

Igualdade, Convivencia e Inclusión