Historia do centro

O CEIP San Benito de Lérez está situado no lugar de O Cruceiro na parroquia de O Divino Salvador de Lérez, Concello de Pontevedra; esta parroquia pertenceu antigamente ao Concello de Alba.

San Salvador de Lérez destaca por ser un dos escasos lugares por onde o Camiño Portugués a Santiago coincide totalmente co trazado da antiga calzada romana. Linda con Alba, Cerponzóns, Verducido, Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Monte Porreiro e Mourente. Ten uns catro mil habitantes asentados nas entidades do Arco, Casaldorado e Cernadas, Casalnovo, Castelo, Cendona, Cimbelo, Couso, Cruceiro, Fontaiña, Gándara e Xunqueira, Laxiña, Outeiro, Pedra Picada, Piolla e Regueira, Porta da Coxa, Ramallás, Ferreira e Torre.

O termo está situado a unha distancia media de aproximadamente tres quilómetros da capital municipal comunicándose por dúas estradas locais e recentemente por unha nova ponte.

Os accidentes xeográficos máis importantes son o río Lérez e o regueiro de Vilarcorvo.

No lugar de Casaldorado encóntrase o chamado Monte do Castelo, castro de considerables dimensións con boas defensas que se adaptan á configuración natural do terreo. Actualmente aparece moi desfigurado polos traballos agrícolas e a intensa repoboación forestal. Non foi escavado.

Segundo conta a tradición no lugar da Santiña encóntrase a casa na que se atendeu ao apóstolo Santiago cando peregrinou por Galicia. Por este motivo, na procesión do Día de Santiago ofrécenselle as uvas desta casa na que se ve unha cepa que madura moito antes que outras, baixo a crenza que foi unha intercesión do Santo por ter sido atendido. A escasos metros desta zona, emprázase o fermoso Cruceiro do Cristo (1822).

Tamén hai constancia da existencia dunha importante fortificación coñecida como Cedofeita, edificada para facer fronte a numerosas incursións dos viquingos e dos musulmáns entre os séculos IX e XI.

O principal signo de identidade é o mosteiro beneditino de San Bieito de Lérez, construído nun outeiro dende o que se divisa o curso do rio Lérez e onde viviron personaxes de relevancia como o Pai Sarmiento e o Pai Feijoo. Téñense noticias documentais da súa existencia nos últimos anos do século IX e primeiros do X. A finais do século XIX os monxes son obrigados a abandonar o mosteiro e a igrexa convértese en parroquia. Actualmente consérvase pegado á igrexa un dos lados do claustro monacal.

O primeiro edificio do colexio rematouse de construír no ano 1971 e comezou a funcionar como Colexio Público Comarcal de Educación Xeral Básica de 16 unidades. Absorbía ao alumnado das parroquias de Lérez, Verducido, Santa María de Xeve, Santo André de Xeve e San Vicente de Cerponzóns. Chegou a ter máis de 800 alumn@s, polo que algúns se tiveron que repartir posteriormente nas parroquias e finalmente se creou un novo centro para desdobre en Santo André de Xeve.

En febreiro de 1993 cambiou o seu nome anterior de Pedra Picada polo actual CEIP de San Benito de Lérez.

En xaneiro do ano 2004 ocupouse o actual edificio construído sobre os terreos que ocupaba o colexio anterior.

 

Podes descubrir máis información sobre o patrimonio histórico e cultural da parroquia de Lérez premendo neste enlace da web Tesouros do Tempo.