blogue deadmin

Taller de Hixiene Bucodental

Todo o alumnado de primaria recibiu unha charla moi interesante sobre hixiene bucodental da man da hixienista Cristina.
Falamos das partes da boca, do número de dentes que temos, dos alimentos que debemos reducir en consumo e do que non debemos comer por resultar prexudicial para os dentes. Logo fixemos un obradoiro de cepillado para aprender e corrixir certos hábitos que podemos ter á hora de lavarnos os dentes e todo o alumnado puido practicar o uso do cepillo e a seda dental.
Para rematar, Cristina falounos da gran cantidade de azucre que conteñen moitos alimentos que consumimos e do que non somos conscientes.

Excursión Fin de Curso - Puebla de Sanabria

O xoves 6 de xuño viaxamos ata Puebla de Sanabria para visitar o Centro do Lobo Ibérico Félix Rodríguez de la Fuente. Puidemos coñecer moitos datos interesantes sobre os lobos, así como ver de preto varios dos exemplares que alí se atopan.
Ademais desfrutamos dun estupendo baño no lago de Sanabria aproveitando o bo tempo que nos acompañou.

"Contos Envasados" - Generación Eco

Durante este curso formamos parte da "Generación Eco" que ten como obxectivos a sostibilidade e a redución do impacto ambiental.

Participamos no reto "Pensando en vidrio" do programa Ecovidrio realizando a actividade "Contos envasados" na que xuntamos a reciclaxe de vidro e A Biblio da Toña.
Así cada grupo de alumnos escolleu o conto que máis lle gustaba e deulle vida en 3D. Sabedes que conto é cada un dos botes?

Lembra... Reduce, reutiliza e recicla! 

Andaina "Pista do Marroquí"

Este venres 31 de maio viaxamos ata Laza para facer unha andaina pola "Pista do Marroquí" entre Toro e Correchouso xunto ao CEIP O Castiñeiro de Laza. Contamos coa presenza de Miriam, Alexis e don Hermógenes que nos contaron datos moi interesantes da contorna.

Foi unha estupenda xornada coa que pretendemos enriquecer a nosa cultura e fomentar hábitos de vida saudable tan importantes e tan esquecidos na actualidade.

Mulleres admirables - Polos Creativos 2024

O alumnado de 5º e 6º realizou unha presentación sobre mulleres admirables. A rapazada de 1º, 2º e 3º escoitou con moita atención!

Visita ao IES Castro de Baronceli

O martes 21 de maio, o alumnado de 6° de primaria visitou o IES Castro de Baronceli nunha xornada na que coñeceron as instalacións e o funcionamento do instituto, agora que xa quedan poucos meses para comezar os estudos de secundaria. Ademais algunhas alumnas e alumnos de 1° ESO contestaron ás preguntas que eles formularon no cole en días previos sobre dúbidas de horarios, materias, uso do móbil, sancións, excursións...

Foi unha xornada moi produtiva!!!

Visita a Cabreiroá

Este luns 20 de maio, o alumnado de infantil e de 5° e 6° de primaria visitou Cabreiroá para coñecer de primeira man como é o proceso de tratamento e embotellado da famosa auga de Cabreiroá. Ademais tiveron a oportunidade de probala no seu estado máis puro e ... á maioría non lles agradou moito o sabor. É bastante diferente á que beben das botellas e como agasallo levaron unha botelliña da edición especial de Star Wars.

Tamén aproveitamos a visita para coñecer os arredores do manancial e desfrutar dunha xornada de xogos no parque.

FONDO LIBROS 2024 - 2025

Comeza o prazo para solicitar o fondo solidario de libros de texto e as axudas para adquirir libros de texto e material escolar.

Prazo de solicitude: do 21/5/2024 ao 21/6/2024.

 

- FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO: pode solicitalo o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria.

- AXUDAS PARA ADQUIRIR LIBROS DE TEXTO: pode solicitalas o alumnado de 1º e 2º de primaria.

- AXUDAS PARA ADQUIRIR MATERIAL ESCOLAR: pode solicitalas todo o alumnado de primaria. 

 

CONTÍA DAS AXUDAS

A contía das axudas para adquirir libros de texto (alumnado de 1º e 2º EP) será:

1º. Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 €: 240€.

2º. Renda per cápita familiar superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €: 160€.

 

A contía das axudas para adquirir material escolar (toda primaria) será:

1º. Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 €: 75€.

2º. Renda per cápita familiar superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €: 60€.

 

DOCUMENTACIÓN

     - Anexo I e Anexo II 

     - Aplicación Fondolibros

 

FORMAS DE PRESENTACIÓN

Ademais da presentación de forma presencial no centro, poderase realizar a solicitude na sede electrónica da Xunta de Galicia, accedendo ao procedemento ED330B, que enlaza coa aplicación Fondolibros. Unha vez que estean cubertos todos os datos, poderase gardar e obter o número de solicitude. Despois, dispoñen de varias formas de presentación da documentación:

- No centro:  neste caso imprimirase a solicitude e o anexo II e presentarase no centro (debidamente asinados).

- Na Sede Electrónica da Xunta de Galicia.

 

Máis información   https://www.edu.xunta.gal/fondolibros/ 

 

Excursión a Madrid - Fin de curso 2024

O alumnado de 5º e 6º de primaria viaxou ata Madrid xunto aos compis dos colexios de Castrelo do Val e de Oímbra. Ao longo destes días visitaron o Safari Madrid, o estadio Santiago Bernabéu e o parque Warner. 

Podedes ver no seguinte vídeo o ben que o pasaron e o moito que desfrutaron coa experiencia!!!!

 

Polos Creativos Construción "Peza a peza"

O alumnado de infantil e de 1º, 2º e 3º de primaria foi o encargado, nesta ocasión, de experimentar coa construción utilizando depresores de madeira.

Os nenos e nenas de infantil construíron elementos simples coma os cadrados e os triángulos e tamén deixaron voar a súa imaxinación para crear outras formas e figuras diferentes.

O alumnado de 1º, 2º e 3º tamén construíu celosías, que son estruturas reticulares compostas por elementos entrelazados que forman patróns xeométricos. Son importantes na construción de pontes porque proporcionan resistencia e estabilidade ao distribuír cargas de maneira eficiente.

Encantoulles a actividade e agora queren seguir xogando coa construción sempre que poden!

Redes Sociais

Programas

 

Actividades biblioteca


Feito con Drupal 6

 


Proxecto Webs dinámicas

Xunta de Galicia - Consellería de Educación, 2013