Recomendacións

AXUDA AO DESENVOLVEMENTO EMOCIONAL EN TEMPOS DE CRISE

Ola a tod@s. Como este confinamento se prolonga no tempo, vou expoñer unhas recomendacións que poden ser do voso interese.

Orientación

Queridas Familias:

Nesta situación límite para todas as persoas, hoxe máis ca nunca, gústanos sentir que somos un equipo e que imos cara o mesmo obxectivo, superar esta crise coas menores secuelas posibles. Aínda que para as nenas e nenos os primeiros días, a idea de estar fóra da escola durante unhas semanas lles soara incrible, probablemente imaxinaron algo tan divertido coma unhas vacacións, hoxe, a  realidade é ben distinta, están atrapadas/os na casa e non ven ás amigas e amigos. Pode que xa teñades un horario máis ou menos estrito para as vosas fillas e fillos, pode que teñades altas expectativas de aprendizaxe, incluíndo actividades en liña, repasar materias, rematar traballos … sempre poñendo límites ao uso da tecnoloxía e das pantallas en xeral. As nosas/os nenas e nenos  senten tanto medo coma nós agora mesmo e poden escoitar todo o que está a suceder ao seu redor,  senten a nosa tensión e ansiedade, polo que podemos ver un aumento dos problemas de comportamento na casa, xa sexa ansiedade, ira ou protesta porque non poden facer as cousas habituais con normalidade, isto sucederá! Tamén veredes máis desgustos e levarán máis a contraria do habitual... Isto é o esperado nestas circunstancias. 

Para mellorar as relacións familiares lembrade algunhas orientacións para unha disciplina positiva na casa:

É importante facer unha asemblea, reunión diaria da familia  para  falar do que sinten e axudarlles a falar e expresar as súas emocións, dúbidas, medos, inquedanzas... Tamén serve para decidir que actividades se van realizar. Algunhas das actividades realizaranas todos os días e non están suxeitas a modificación nin a negociación (horario de comidas, tarefas escolares e responsabilidades familiares).

A actitude que vos vexan é a que van adoptar os vosos fillos e fillas, procurade manter a calma nas conversas e nos actos.  Transmitídelles que a responsabilidade neste momento é de todas/os, empezando pola propia casa, onde cada un/unha terá as súas. 

Procurade xestionar racionalmente o tempo da dedicación ás redes sociais e ás pantallas en xeral. É aconsellable que escriban un diario no que plasmen as súas emocións, dúbidas, medos e  inquedanzas.

Pensade en positivo para sacar dos vosos fillos  o mellor que teñen.

Informade á familia a partires  de fontes fiables (Consellería de Sanidade, de Educación e dos correspondentes Ministerios).

Non escollas pelexar coas/cos fillas/os porque non queiran facer tantos exercicios! Non lles berres por non cumprir todo o horario nin lles obrigues  horas de traballo se se resisten!

Na medida das posibilidades,  xogade con elas/eles e facede paseos de conversa arredor do maior perímetro co que contedes. Facede galletas, pintade cadros... xogade a xogos de mesa, vede películas xunt@s...,  buscade viaxes virtuais. Comezade un libro e lédeo xunt@s en familia. É importante aprender a “aburrirse”, a estar sin facer nada… As nenas e nenos precisan agora máis ca nunca   sentirse aceptadas/os, apoiadas/os e queridas/os. Sentirse seguras/os e protexidas/os diante desta situación, sentir e saber  que todo vai estar ben. Pode axudarnos que non nos sintamos presionadas/os  por programacións horarias perfectas e que deixemos máis espazo a algo tan importante como é amosar todo o  amor e respecto que sentimos polas persoas coas que convivimos, nenas e/ou  maiores. Non vos preocupedes por se quedan atrás  na escola. Lembremos que toda a comunidade está pasando por unha situación de estrés transitoria e non todo son cuestións académicas, non esquezamos o eido emocional do alumnado. Gustaríame compartir esta opinión con toda a comunidade educativa: ao remate de todo isto, a saúde mental dos rapces será máis importante que o seu rendemento académico e o que sintan e vivan  durante este tempo, quedará sempre na súa memoria, dos “deberes” que fagan vanse esquecer. O prioritario é a xestión das nosas emocións, teñamos isto presente todos e cada un dos días que dure esta situación! Quedade NA CASA a salvo, mental e fisicamente, todo o posible!

Un cordial saúdo,

Mª Luz Cangado Castro

Distribuir contido