Skip to Content

EDUsostibilidade

EcoPatrulla

ECOPATRULLA

Dende o curso pasado detectamos un problema no noso patio que debiamos solucionar. Ao rematar os recreos moitos envases, plásticos e papeis quedaban tirados no chan. Asique este curso decidimos poñerlle solución cunha campaña de concienciación activa.

Como o fixemos? Creamos a EcoPatrulla.

Que é a EcoPatrulla?

Un equipo de nenos e nenas de Primaria, identificado con chalecos e equipados con luvas e bolsas (destas as menos posibles para evitar contaminar), distribúense polo patio e van recollendo o lixo que van atopando e concienciando o resto de alumnado de manter limpo o noso entorno.

Os xoves que o tempo nolo permite, os nenos e nenas de cada grupo (cada xoves un grupo de Primaria) vístese para realizar esta labor tan importante.

Aquí un pequeno adianto da iniciativa.


A EcoPatrulla é o noso primeiro paso para contribuir a un planeta menos contaminado.

Dixemos que este equipo estará identificado con chalecos. E para facelos máis especiais e significativos quixemos poñerlles o noso propio logo, para o que convocamos un concurso entre o alumnado de Primaria. 

Foi moita a participación e a creatividade.

                        

O CONTEDOR MARRÓN

 

Un curso máis, o equipo de Sogama, dirixiuse ao centro para achegar aos nosos nenos e nenas ao uso do contedor marrón, xa que dentro de pouco aparecerá nas nosas rúas.

Nesta charla, refrescamos a información que nos presentaron o curso pasado e aclaramos dúbidas que nos xurdiron.

Recordamos a importancia de manter comportamentos ecolóxicos e de coidado e protección do medioambiente.

E saber onde botar cada tipo de lixo que producimos é un primeiro paso.

 Ao finalizar, na hora TIC, os máis maiores seguiron afondando no tema mentres desenvolvían habilidades nas novas tecnoloxías.

TALLER CREATIVO. EDUSOSTIBILIDADE.

 

 

É certo que cando desfrutamos facendo algo o tempo pasa moi rápido, o sangue flúe máis rápido e o sorriso asoma ás nosas caras. Hoxe quedou demostrado que a creatividade parte do sentimento e da emoción.

Grazas a tod@s por participar!

P.D.: O taller continuará para darlle luz aos días de choiva.

Mariña Ambiental. Limpeza do noso entorno.

MARIÑA AMBIENTAL

LIMPEZA DO NOSO ENTORNO

"Mariña Ambiental" é un proxecto a pro do planeta que xorde da colaboración da UDC e a Fundación Alcoa. Como era evidente, dada a nosa preocupación, decidimos solicitalo. 

Polo tanto...

Onte, os nenos e nenas de 3º, 4º, 5º e 6º saimos do cole para contribuir ao coidado do medioambiente.

Pensamos na zona onde se realiza a feira porque sempre quedan residuos. 

Asique puxémonos mans á obra. Puxemos as luvas e...

... e alucinamos! Atopamos de todo!

Polo que, unha vez limpa a zona, deixamos un cartel para concienciar aos usuarios de que é un espazo de todos e que debemos mantelo limpo para poder desfrutalo.

"A SOSTIBILIDADE É O NOSO OBXECTIVO"

UN PATIO SOSTIBLE (II)

UN PATIO SOSTIBLE (II)

Despois de crear xogos populares para que os nenos e nenas de infantil poidan xogar, desfrutar e achegarse á tradición popular, centramos os nosos esforzos en fomentar a actividade física nos recreo, aproveitando as características naturais e orográficas que caracterizan o noso patio.

Asique decidimos que ese sería o noso obxectivo para este curso (o equipo de Edusostibilidade):

Crear retos físicos a través dun percorrido marcado polo noso patio, no que o noso alumnado poñerá a proba as súas habilidades físicas, así fomentando unha socialización sá e o compañeirismo, posto que deberán axudar a aqueles que o precisen.

Para que esta iniciativa parta deles pedímoslles que eles e elas mesmas marcaran o percorrido a realizar.

UN PATIO SOSTIBLE

UN PATIO SOSTIBLE

Desde o equipo de Edusostibilidade, quixemos empregar o noso esforzo para incidir no patio, mediante a creación de xogos populares feitos con material de refugallo coas nosas propias mans.

Comezamos elaborándoo coa axuda dos nosos mestres e mestras e pintándoos de bonitas cores.

Practicamos como lanzar os aros.

E, finalmente, quedaron a disposición dos nenos e nenas de infantil para que desfruten del. E foron un éxito!

Continuaremos creando máis!

 

SOGAMA

SOTAVENTO

 

No primeiro trimestre tivemos a sorte de poder contar co equipo de Sotavento, que nos trouxo e nos achegou un ano máis ás enerxías renovables e á importancia do seu fomento para o medioambiente.

Quixemos que os nosos alumnos e alumnas vivenciasen a forza da natureza e que se concienciasen de que con pequenas accións podemos cambiar a difícil situación que estamos atravesando co cambio climático.

Foron dúas xornadas nas que os nenos e nenas aprenderon e se divertiron moito.

Descubriron como coa luz solar podemos producir enerxía.

Mollando as mans fixeron xirar unhas aspas para percatarse da forza que ten a auga.

Degustaron un chocolate quentiño que o propio sol nos axudou a atemperar.

Teorizaron sobre o mal uso da enerxía nuclear e o desaproveitamento das enerxías renovables.

 

QUE FACEMOS POLA SOSTIBILIDADE?

QUE FAS TI POLA SOSTIBILIDADE?

Despois de facer as charlas de iniciación, de achegamento, aos conceptos básicos da sostibilidade e aos obxectivos do desenvolvemento sostible, quixemos comprobar ata onde entenderan a amplitude deste termo.

Concluímos que se centraran naquilo que coñecen e ao que están acostumados a traballar: reciclaxe, reutilización, aforro de auga, doazón de roupa e calzado...

Así a participación neste mural foi bastante elevada.

 

Que máis podes facer ti pola sostibilidade?

Esta pregunta resultoulles máis complicada de contestar e non tivo o éxito esperado, polo que concluímos que hai conceptos que se deben reforzar.

SOSTIBILIDADE abrangue o coidado da natureza, por suposto; pero tamén o coidado integral da persoa, facendo fincapé na igualdade a todos os niveis e na educación de calidade.

ACHEGAMENTO Á SOSTIBILIDADE

A pasada semana puxémonos mans á obra e comezamos a traballar no noso proxecto de sostibilidade comezando por un breve achegamento á mesma.

Que é o "Desenvolvemento Sostible"? é a pregunta da que quixemos arrincar para sentar as bases do resto de actividades; así como, cales son os obxectivos (ODS) que nos guían.

Realizamos catro charlas: dúas cos maiores e outras dúas cos máis pequeniños, para facer unhas exposicións adaptadas ás diversas idades.

Somos a xeneración do cambio!

Esta foi a presentación coa que empezamos e que contén algunhas actividades, vídeos e ligazóns para ampliar coñecementos. 

 

Pica na imaxe

Distribuir contido


by Dr. Radut