Despedida Infantil

"Xa estamos chegando ó verán nun dos cursos máis atípicos que poden recordar os maiores, porque para nós é raro,  o cole acabou antes de tempo e de forma estraña, pero non temos esa experiencia de anos anteriores.

Ese tal "coronavirus"  tan perigoso do que falan os maiores, impediunos seguir aprendendo cos nosos compañeiros e profes, non puidemos colgar os nosos abrigos ó entrar, nin contar as nosas aventuras na asemblea, nin tirar area en ollo alleo no areeiro. Tampouco puidemos facer festa cada vez que escoitábamos unha nova canción, nin coñecer máis de preto a ese tal "Mozart" que empezamos a investigar, tamén tivemos que deixar de carrexar pedriñas do patio, e deixamos de entrar ansiosos no comedor esperando a ver que había de sobremesa, deixamos tamén de chamarlle "mamá" á profe, e xa non xogamos nos nosos recunchos que tanto botamos de menos.

Pero, non todo vai a ser cousas malas, porque aínda que o mundo parara, nós "non quedamos quiet@s", e vos ben o sabedes.
Sen compartir as experiencias cos nosos compis, seguimos crecendo e aprendendo, e sobre todo, gozando de tempo en familia, e que BEN o pasamos xuntos. 

Somos os máis cativos do cole, pero demostramos con moita valentía, despois de estes meses de corentena, que temos superpoderes:
- o poder de rir sen saber porqué
- o poder de entreternos con calquera cousa
- o poder de desconectar a papá e mamá do seu traballo
- o poder de poñer nerviosos aos maiores soamente co noso silencio
- o poder de ter enerxía ilimitada (sabémolo, a veces buscades o noso botón de OFF)
- o poder de encontrar tesouros onde outros soamente ven pedras ou paus
- o poder de converter unha caixa de cartón nun castelo
- o poder de esgotar as vosas ideas de manualidades
- o poder de gastar o voso nome
- o poder de retar á paciencia dos maiores
- o poder de ser espertadores automáticos
- o poder de querer sen límites

Por todo iso e por moito máis..., sabemos que somos especiais e queremos darvos un pouco da nosa enerxía.

 

Fixemos este baile tan alegre porque queremos enchervos de ledicia e de ganas de gozar, e tamén, para que ocultalo, para que vexades que temos futuro no mundo do espectáculo (ou do circo, quen sabe...).
 

Con todo o noso cariño, desexamos que aínda que sexa un verán atípico, sexa tempo de lecer, de alegría, de relaxación e tempo cheo de VIDA.

Vémonos á volta coas pilas cargadas!

Un saúdo e unha aperta virtual dos máis cativ@s"

"GRAZAS  por facer que o noso pequeno mundo sexa o MELLOR".

 

Powered by Drupal - Design by artinet