Skip to Content

O Castro de Mallou

1.   

DESCRICIÓN

 

Emprazamento físico.

O Castro de Mallou está situado nun outeiro delimitado por dúas rachas tectónicas provocadas pola falla tectónica que conforma o chamado arco de Carnota.

Emprázase nunha situación intermedia: retirado lixeiramente da costa, mais non se sitúa no cordal que delimita os concello de Carnota e Muros (Fonte do Bispo), senón nunha cota mais baixa.

Este emprazamento ten unhas claras connotacións económicas, relacionadas co modelo agro-pesqueiro tradicional desta zona:

-As aldeas non se atopan a carón do mar, senón nunha posición intermedia. O uso residencial do porto de Lira é recente. Tradicionalmente tan só existían construcións auxiliares para a actividade pesqueira.

 

-O emprazamento está relacionado co aproveitamento de solos ricos no fundo de pequenos vales. Este emprazamento non impide unha intensa actividade pesqueira, senón compatibilizar as dúas e gozar dunha produción diversificada.

Emprazamento arqueolóxico

O castro está configurado por un só recinto amurallado (croa), percorrido por un foxo e unha segunda muralla (agger). Existe unha terceira estructura defensiva que protexía especificamente o acceso.

Outra medida precautoria é a existencia dun alxibe no foxo que percorre a muralla da croa, cando existen dous ríos a carón da xacida.

O interior da croa presenta trazos interesantes. Os traballos arqueolóxicos realizados en campañas precedentes, permitiron identificar un bo número de edificacións no interior:

a)Dous corpos de guarda de certo tamaño, que insisten na defensa do acceso.

 

b)Edificacións:        
- Construcións circulares: son as máis numerosas; presentan características comúns como unha superficie media de 15 m² , eixos de 5 m. de media, están emprazadas por case toda a croa.
- Construcións alongadas: non son escasas (40%), tamén mostran patróns comúns: a superficie media é de 23,8 m², e as dimensións dos eixos maiores teñen unha media de 7,2 m.

A Raíña Lupa

Recordo que a miña avoa me contaba que dicían que no castro de Mallou se atopaba o trono da Raíña Lupa (unha pedra en forma de asiento), así como unha cova onde ela se cobixaba. Dise que atoparon polos montes de Carnota restos do seu tesouro (moedas, medallas, etc). Tamén contan que no monte Pedrullo, en Quilmas, se atopaba o castelo dela, nunhas ruinas que foron que foran o castelo de San Jorge, que foi desaparecendo baixo a acción dos buscadores do tesouro da Raíña que ela esconderá alí. Segundo outras fontes a Raíña Lupa está enterrada baixo a Laxa da Moa, unha enorme rocha de cor branco.

 

A Rampoña

 

A Rampoña é un ser mitolóxico que habitaba no Castro de Mallou, esta tiña ás e unhas garras enormes. Cando se enfadaba rascaba coas garras nas pedras, de feito aínda se conserva unha coa súa marca. Din que a Rampoña vixiaba o pobo e levaba aos nenos que se portaban mal, colléndoos coas súas gadoupas polos ombros.

 

MARIO GONZÁLEZ TAJES



blog | by Dr. Radut