Skip to Content

Prevención e tratamento dos piollos (pediculose)

Con máis frecuencia da que a todos nos gustaría, aparecen nos colexios casos de piollos. Cando isto sucede, e unha vez que no centro temos coñecemento facemos unha nota de aviso.

Nestes casos é importante seguir as seguintes recomendacións da Consellería de Sanidade:

 

 

Medidas a adoptar nos fogares:

Cando se sabe que un neno ten piollos hai que iniciar o tratamento rapidamente, e se o neno acude á escola avisarase desta situación o máis axiña posible. Tamén é preciso revisar a cabeza de todas as persoas que viven no fogar.

Ademais tomaranse as medidas seguintes:

Lavar a roupa interior, toallas, roupa de cama en uso e outras roupas e obxectos do neno infestado usados dende dous días antes. Na máquina cun programa de temperatura mínima de 55ºC. Aquela que non se pode lavar (peluches monecos, cintas para o cabelo...) pecharanse nunha bolsa durante dúas semanas ou ben lavarase en seco. En calquera caso, débense afastar do contacto corporal polo menos 72 horas.

Fregar cepillos e peites con alcohol ou ben con auga, quente a 55ºC, ou con xabón polo menos durante unha hora. Hai que educar aos nenos para que non compartan peites e outros obxectos persoais.

Aspirar alfombras e mobles tapizados.

Non compartir roupa deportiva, bufandas, cintas para o cabelo...

 

Tratamento da pediculose: As locións pediculicidas (para os piollos) constitúen o tratamento de elección da pediculose. O tratamento consta de dúas aplicacións, unha no día do diagnostico, e outra unha semana despois, dado que a aplicación inicial non mata a todos os ovos e pode quedar algún ovo vivo. Deberase de tratar cando se diagnostique infección activa (ver apartado diagnóstico)

O tratamento máis recomendado polo seu poder ovicida, alta acción residual e escasos efectos adversos é a Permetrina ao 1%. , que pertence ao grupo das piretrinas, cuxa acción sobre o piollo é neurotóxica.

Aplicarase segundo as indicacións feitas polo fabricante do produto. En xeral, recoméndase:

Aplicar a loción co cabelo seco, con maior atención na caluga e detrás das orellas. Cubrir a cabeza cun gorro de ducha, e deixar actuar o produto durante toda a noite.

Pola mañá, lavar a cabeza con xampú e aclaralo ben con auga. É convinte realizar o penúltimo aclarado con vinagre branco diluído en auga (unha parte de vinagre e dúas de auga), xa que axuda a disolver a unión da lendia co cabelo.

Peitear o cabelo cun peite metálico para lendias, para quitar as lendias e os piollos mortos. Deixar secar o cabelo ao aire. Non usar secador, xa que pode degradar a acción do pediculicida.

 

Como complemento ao tratamento, recoméndase, realizar cada 2-3 días, durante 15 días dende a primeira aplicación do tratamento, a revisión e peitado do cabelo húmido co peite específico para lendias. Revisar sobre todo a caluga e detrás das orellas.

No caso de nenos menores de dous anos, é mellor consultar sempre co pediatra.

Algo moi importante é que os tratamentos pediculicidas non deben empregarse como tratamento preventivo.

Un consello xeral: revise a cabeza do seu neno, de vez en cando, co pelo húmido e

cun peite específico para lendias.

 

Exclusión da escola: Non é necesaria.

Para calquera dúbida consulte co seu médico ou farmacéutico

Pódese descargar o folleto informativo orixinal da Consellería de Sanidade aquí

AdxuntoTamaño
FolletoPiollos.pdf135.69 KB


book | by Dr. Radut