Skip to Content

AVISOS

Estimadas familias:

Recomendámosvos que mañá e os vindeiros días mandedes ao colexio aos vosos fillos e fillas ben abrigados, xa que a caldeira da calefacción hoxe non funcionaba porque, parece ser, que foi encendida nas vacacións de Nadal por persoal alleo ao equipo docente cando nos encontrabamos de vacacións; razón pola cal descoñecemos por qué falla e non puidemos tomar as medidas oportunas antes. O técnico encargado de revisala e arranxala xa está avisado e pasará mañá sobre as 11:00h.

Un saúdo e desculpade as molestias.

A Responsable de centro

Felices Festas!!

Esperamos que pasedes unhas FELICES FESTAS e que o novo ano 2018 sexa moi próspero. 

As clases retomaranse con normalidade o día luns 8 de xaneiro de 2018 

Falamos con Papá Noel!!!

O pasado 19 de decembro fomos á aula CEMIT do Concello de Beariz para ter unha videoconferencia con Papá Noel. Fomos con moita ilusión a pedirlle o que queremos que nos traia por Nadal , porque é mellor decirlle as cousas en persoa que por carta!!! Ao rematar, fomos visitar, como en anos anteriores, a Residencia San Antonio, para ver o Belén que alí poñen e felicitar o Nadal ás persoas maiores alí residentes. 

 

Deporte Escolar

O pasado 30 de novembro participamos na primeira actividade de Deporte Escolar do ano. Consistiu nunha proba de Campo a través en Puzo do Lago - Maside. Os máis pequenos estaban moi emocionados porque era a primeira vez que participaban, os maiores querían correr para entrar en calor. Aínda que non quedamos de primeiros, houbo varios dos nosos rapaces e rapazas que uedaron entre os primeiros 20 clasificados! PARABÉNS!! 

Velaquí algunhas fotos do evento. No seguinte enlace podedes ver as clasificacións e buscarvos nelas: BLOGUE ASOCIACIÓN DEPORTIVA ARENTEIRO

Aprendemos sobre xoguetes non sexistas.

O pasado luns 20 viñeron a darnos unha charla dende a mancomunidade do Carballiño para aprender máis sobre os xoguetes non sexistas, co fin de respectar as preferencias de nenos e nenas en canto a xoguetes. Tamén vimos o vídeo de Oliver Button é unha nena, para concienciar ao alumnado sobre o respecto aos compañeiros/as. 

Co resultado final fixemos un cartel entre todos. 

Magosto, pasado o San Martiño!!

O venres 17 de novembro celebramos no colexio o Magosto. Pasamos un bo rato cuns xogos populares, comimos castañas, cantamos cancións galegas e mesmo fixemos un pouco lume mentres aprendiamos a facer sombreiros de papel.

O día da Biblioteca!!

O pasado 24 de outubro o alumnado do colexio visitou a biblioteca co gallo do seu día de celebración. Ademais, aproveitaron para coñecer a Barcia, a toupa mascota da biblioteca do CEIP de Beariz. Este novo amigo, invitaráos a realizar moitísimas actividades para fomentar a lectura e para aprezar os libros cos que conta Beariz.

Maxia en Beariz!!

O pasado venres 10 de novembro veu a visitarnos o Mago Martín!! 

Fixo unha parada especial no noso cole para visitar á nosa mascota da biblioteca, que se chama Barcia, e para animarnos a ler, pero deixounos abraiados cos seus trucos!! Non podíamos crer o que veíamos!! Gustoulle tanto o noso público que ata nos deixou o seu autógrafo asinado nun as de corazóns xigante!!

 

Samaín no cole

O pasado 31 de outubro o colexio foi invadido polo Samaín, de feito chegaron ao colexio moitos espíritos desexosos de aprender moito. As cabazas foron as anfitrionas da festa, pois fixeron gala de variadas artes decorativas. Ademais, os rapaces e rapazas visualizaron unha película e realizaron un obradoiro de manualidades terroríficas. 

Velaí algunhas fotos.

             

Inicio horario outubro

Infórmase ás familias que a partir do 02 de outubro comezamos co horario habitual de 9:30 h a 15:45 h. 

Distribuir contido


by Dr. Radut