Carta do director

Estimados membros da comunidade educativa:

Esta carta nace da necesidade de expresar en voz alta os meus pensamentos neste difícil, dificilísimo, comezo de curso.

Para empezar polo principio gustaríame agradecer a toda a comunidade educativa o esforzo que están a facer neste momento tan complicado que nos tocou vivir.

Grazas, en primeiro lugar, ó alumnado, que como sempre, están a darnos unha lección a todos co seu exemplo de superación. Nun momento no que todos nos estamos a queixar, os nenos e nenas adáptanse e seguen adiante.

Grazas ás familias, polo seu apoio e comprensión das dificultades e o reto que supón para todos nós adaptarse ás circunstancias actuais, e tamén á Asociación de Nais e Pais do Alumnado por seguir traballando incansablemente e de maneira desinteresada para manter os servizos que a consellería non oferta ó alumnado do noso centro.

Grazas ó profesorado, polo seu esforzo para reinventarse e tratar de dar a mellor resposta posible ó alumnado, especialmente a esa porcentaxe de mestres e mestras que igual que o noso conserxe, non queren saber cales son as súas funcións, só queren saber como poden axudar.

Grazas ó persoal de comedor, acollida, ludoteca e limpeza, por escoitar e colaborar en todo canto se lle pide.

Grazas ó inspector e á xefa territorial pola súa continua preocupación polas problemáticas do centro e tamén a nivel persoal polo seu apoio.

Pero chegados a este punto, e aínda a risco de abusar, tamén me gustaría “pedir”.

Ó alumnado pídolle que me conte o que necesita, creo que podo presumir, e presumo, de non deixar de escoitalos. Non sempre podo ofrecerlles o que desexan, pero teño en conta as súas necesidades e procuro o seu benestar por encima de todo.

Ás familias pídolle que entendan as limitacións do meu cargo. O meu cargo está cheo de trámites e “papeleo”, que a pesar do “corta e pega” e a colaboración entre os centros, ocupa unha cantidade inxente de horas, pero realmente o meu “poder” é bastante limitado. Eu non podo: cambiar as leis educativas, elixir o profesorado nin impedir a súa mobilidade, non controlo as baixas laborais e tampouco podo esixir nada que non marque a lexislación vixente. Informo, animo, recomendo, propoño, motivo, comunico e levo a cabo as instrucións que recibo.
Por outro lado tamén pediría cautela á hora de facer declaracións subxectivas que poidan prexudicar a imaxe do centro, xa que pode comprometer un futuro que non nos pertence, nós estamos de paso, pero o colexio das Mercedes debe continuar.

Ó profesorado pídolle que estea moi en contacto coas familias, sempre, pero agora máis que nunca. As familias necesitan estar informadas, ter medios de comunicación directa co profesorado dos seus fillos e fillas, especialmente coas titoras, para coñecer toda a información de primeira man evitando malos entendementos.

Á inspección pídolle que nos continúen axudando, orientando e corrixindo se nos equivocamos.


Á consellería e ó concello pídolles que non nos dean “por imposibles”. Estamos moi contentos e agradecidos coas melloras na biblioteca e no patio que se acometeron neste verán, pero o centro quédase pequeno, xa que o alumnado triplicouse na última década. Ademais o comedor escolar depende de que se renove anualmente o convenio de colaboración coa residencia de estudantes para poder usar unha parte do seu recinto, cousa que este ano foi denegada.
Desde o Consello Escolar, órgano que representa a toda a comunidade educativa, levamos feitas numerosas propostas ó longo destes últimos 4 anos: facer no patio dúas alturas para crear un espazo de usos múltiples, adaptar o “claustro” para o seu uso polo noso alumnado, arranxar e poder usar a “capela” durante o horario escolar, redución da ratio por curso,.... e aínda podemos facer máis: aproveitamento baixo cuberta no tellado do edificio, facer un espazo de usos múltiples no patio cunha cuberta practicable, buscar un edificio próximo e separar as dúas etapas educativas que se imparten no centro...
Respectamos, aínda que non sempre compartimos, os motivos polos que estas actuacións non se puideron levar a cabo, pero tampouco teñen que ser estas, estamos abertos a escoitar as posibles solucións que nos propoña o persoal da consellería e/ou do concello, que ten a preparación e os coñecementos para buscar solucións viables. Cónstame que hai interese polas partes para mellorar un dos centros con máis historia da cidade, pero o certo é que aínda non acadamos os obxectivos, só pido que non se deixe intentar, que non se deixe de buscar.

Non me quero despedir sen mencionar as miñas compañeiras no equipo directivo, para resumir, os tres somos un. Xuntos temos moitas fortalezas, seguro que tamén moitos defectos. Imos seguir á fronte deste barco por responsabilidade, pero sen ánimo de aferrarnos ó cargo. Estamos dispostos a dar un paso a un lado cando outro equipo, con forzas renovadas, veña a mellorar a xestión do centro.

Grazas.



Daniel Pascual Feijoo

Powered by Drupal - Design by artinet