NOVAS 2009

AXUDAS LIBROS DE MATEMÁTICAS 3º E 4º DE PRIMARIA

Gratuidade solidaria - Plurilingüismo

(Resumo)
O obxecto desta orde é convocar axudas para a adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico e complementario que cambien de idioma de acordo co Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, destinadas ao alumnado matriculado en 3º e 4º de educación primaria e nos catro cursos de educación secundaria obrigatoria en centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia no curso escolar 2010/2011.

  1. Estar matriculado en 3º ou 4º de educación primaria ou en 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria nun centro sostido con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, durante o curso escolar 2010/2011.
  2. Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
  3. Ter unha renda per cápita familiar igual ou inferior a 9.000 euros. Para a determinación da renda per cápita familiar terase en conta o disposto no artigo 6 desta orde. 

 application/pdf icon Orde do 26 de agosto de 2010: Axudas para a adquisición de libros de texto - plurilingüismo

FESTIVAL DE NADAL

O día 22 de decembro tivo lugar o tradicional Festival de Nadal no noso Cole. Houbo moitas e variadas actuacións: teatro, panxoliñas, contos, cancións...
Foron os presentadores David e Sabela que souberon levar a cabo o seu difícil traballo dunha maneira estupenda. 
Todas as actuacións estiveron fenomenais. No teatro, por exemplo, poidemos comprobar a calidade das actrices e dos actores -grandes e pequenos- moi ben dirixidos por Vanesa, a monitora de teatro. No pouco tempo dispoñible realizaron unha montaxe chea de calidade. 
Tamén se levou a cabo a entrega de premios do Concurso de Postais convocado pola ANPA do colexio. Ademais, os alumnos e alumnas de Infantil e 1º Ciclo recibiron unha agradable sorpresa: a visita anticipada dun dos Reis Magos. 

  VER IMAXE AMPLIADA


PUBLICAMOS UN NOVO NÚMERO DA NOSA REVISTA A PRAVIA

Nestes días de preámbulo do Nadal, o CEIP “A. Insua Bermúdez” editou un novo número da revista escolar A PRAVIA, que está dedicado preferentemente ao Capón de Vilalba: proceso evolutivo, receitas, comicapón datos actualizados desta e da última Feira… Pero tamén inclúe outros traballos interesantes. Á parte dos contos, poesías, debuxos, noticias do Cole, pasatempos, etc. –traballos todos eles realizados nas distintas aulas do colexio- nesta ocasión publícanse: 
· O Prólogo corre a cargo de FÉLIX VILLARES MOUTEIRA, sacerdote, escritor e profesor. 
· A Entrevista realizámoslla a RAMÓN VILLARES PAZ, presidente do Consello de Cultura Galega  e membro da Real Academia Galega. 
· Na sección “Falamos con…” podemos coñecer polo miúdo unha das mellores coleccións de figuras e obxectos de vacas do mundo. O seu propietario, MOISÉS CARBALLEIRA GAUTE, explícanos todo o relacionado coa mesma.  
· Outros artigos interesantes que se poden ler neste número son: Un sobre a Gripe A e a súa incidencia no Colexio; outro sobre medio ambiente, sobre a árbore da Pravia e o respecto á natureza; outro sobre asa actividades da ANPA do noso Centro, e un interesante artigo sobre a Autoestima, realizado polo Departamento de Orientación.  
· Por último, e para conmemorar a efeméride que representan 30 anos de revista, publicamos unha escolma das portadas máis significativas deste período así como unha selección de pasatempos.     

EQUIPO DE REDACCIÓN DA REVISTA “A PRAVIA”CEIP “A. INSUA BERMÚDEZ” - VILALBA

SUSPENDIDAS AS CLASES DO MÉRCORES, 16 DE DECEMBRO

15/12/2009: URXENTE: A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria decidiu, como medida de precaución, a suspensión das clases en todos os centros educativos de Galicia durante a xornada de mañá, 16 de decembro. Esta medida tómase en base á predición, feita pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), dun fenómeno meteorolóxico adverso con precipitacións en forma de neve que afectarán á Comunidade Autónoma de Galicia en cotas baixas a partir das 00.00 horas oficial do mércores 16 de decembro.


O MAGOSTO

O pasado venres, 6 de novembro, celebramos no noso Colexio a tradicional FESTA DO MAGOSTO.
Coma en anos anteriores, días antes da celebración, leváronse a cabo nas distintas clases varias actividades relacionadas coa festa do Magosto e co outono: unidades didácticas, contos, ditos, refráns, debuxos... e os cucuruchos para despois meter as castañas.
Non podía faltar tampouco a elaboración dun gran mural que incluía o lema A FESTA FEREMOS GRANDES E PEQUENOS. ARREDOR DO LUME ESTOUROS E FUME.
O propio día, unha vez que estiveron asadas as castañas, aportadas previamente por moitos dos alumnos e alumnas, demos boa conta delas na hora do recreo.
Trala degustación -que ricas estaban!- viñeron os xogos, : peonza, zancos, pano, pasimisi, carreira de sacos, o baile da  castaña...


APRENDEMOS A COOPERAR

APRENDEMOS A COOPERAR 

Este martes, 13 de outubro, foi para nós, alumnos e alumnas de 3º, 4º e 5º de Primaria, un día especial. Non por ser día supersticioso, non. Foi algo ben distinto: puidemos presenciar no Salón de Actos do Colexio unha audición-representación a cargo do Grupo de “Cooperación, música, acción” do Conservatorio Histórico de Santiago, cun motivo central que era o da COOPERACIÓN.

Ao remate do mesmo, todos xuntos cantamos o RAP DA COOPERACIÓN, escrito por Esther Sobral. A primeira estrofa dicía así:

Pola mañán e ben cediño
ao colexio eu irei
Arranxarei o meu cuarto
a meus pais eu bicarei.
Axudarei un pouquiño
outras veces me axudarán
porque na casa hai moito traballo
e entre todos ben que se fai,
porque na casa hai moito traballo
e entre todos ben que se fai. 


 

FESTIVAL FIN DE CURSO

Coa participación da maioría do alumnado
do Colexio, levouse a cabo o Festival Fin
de Curso, que serve para poñer o peche
definitivo ao ano académico 2008/2009 .
Houbo moitas actuacións, variadas  e
divertidas:  Obras de teatro, cancións,
contos, poesías. Ao remate do festival
leváronse a cabo diversas  competicións
deportivas, para finalizar coa entrega de
notas.

FELIZ VERÁN!!!. VÉMONOS EN SETEMBRO.

(Podedes ver máis fotos en GALERIAS)


EXCURSIÓNS

 

PÓDENSE VER FOTOS DAS EXCURSIÓN EN GALERÍA


ENTREGA DE PREMIOS DO XIII CERTAME BENJAMÍN PAZ E PUBLICACIÓN DUN NOVO NÚMERO DA REVISTA A PRAVIA

 

 

O pasado venres, 29 de maio, ás 19 horas, no Salón de Actos do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, organizado polo CEIP “Antonio Insua Bermúdez” coa colaboración da Asociación de Minusválidos “Benjamín Paz” e o propio Centro Cultural Recreativo, tivo lugar o acto de entrega de premios do XIII Certame Literario Benjamín Paz, que ten como fin primordial e fundamental o de lembrar a figura de Benjamín Paz Cordal. O acto está contempaldo tamén dentro das actividades que o noso Colexio programa co gallo das Letras Galegas tendentes a fomentar a creatividade artística e literaria, por un lado, e a potenciar o idioma galego cara a consecución da súa plena normalización, por outro. Asistiu ao mesmo un importante número de persoas que souberon recoñecer os méritos dos gañadores aplaudindolles á hora de recoller os seus respectivos premios nas distintas modalidades: DEBUXO, CONTO E POESÍA. Completouse o acto cun pequeno recital poético a cargo de alumnos e alumnas gañadores.

PUBLICADO UN NOVO NÚMERO DA REVISTA ESCOLAR “A PRAVIA”

Así mesmo, nestes días o CEIP “A. Insua Bermúdez” edita un novo número da revista escolar A PRAVIA, coincidindo co mes das Letras Galegas. Nesta ocasión, inclúese un traballo sobre o escritor homenaxeado este ano, Ramón Piñeiro; unha entrevista a Ángel Campos, cociñeiro do Parador de Vilalba; unha ampla reseña do XIII Certame Benjamín Paz; os traballos das aulas; as noticias do Cole; os nosos murais; a páxina de ANPA; novos artigos sobre educación musical e orientación; o apartado de recensións de libros lidos por membros do equipo de redacción e que leva por título “Que lindo é ler!”; artigos de investigación sobre a crise económica, protección civil, o deporte na escola, medio ambiente, etc. Por último resaltar de maneira especial a pequena pero cariñosa lembranza que se lle fai na revista a David, o alumno do colexio que faleceu recentemente en Belesar. Na portada e en páxinas interiores recóllense poesías e debuxos na súa memoria. A revista repártese a tódolos membros da comunidade educativa, aos centros educativos da bisbarra, ás institucións e aos organismos públicos, asociacións culturais, medios de comunicacións, etc.

VER CARTEL ENGREGA PREMIOS                                     VER PORTADA REVISTA A PRAVIA


O MERCADIÑO DO LIBRO E O FESTIVAL DAS LETRAS GALEGAS

 

Este venres, 22 de maio, celebramos no noso Colexio o Festival das Letras Galegas e o Mercadiño do Libro. Estas actividades forman parte das organizadas durante o mes de maio para conmemorar a efeméride do Día das Letras Galegas, e que culminarán coa entrega de premios do XIII Certame Benjamín Paz, o día 29 de maio no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba. Antes, xa se tiñan levado a cabo confección de carteis, murais e unidades didácticas sobre a figura de Ramón Piñeiro. Durante o Festival, cada aula interviu co recitado de poemas, contos ou cancións.
No Mercadiño do Libro, cada alumno que quixo traer un libro en galego puido cambiar por outro que non lera. 

 

Distribuir contido