DÍA DE ROSALÍA


 

24 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

 


  • A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) anima á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía de Castro.

  • Este ano fanse os 175 anos do nacemento da autora.

  • A AELG convida a centros de ensino e concellos a participar do Día De Rosalía de Castro organizando actividades de promoción da obra da nosa escritora para conmemorar o aniversario do seu nacemento.

  • O 24 de febreiro está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura.

  • A AELG solicitou aos concellos que declaren ese día 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro e que o recollan nas súas programacións culturais. A AELG anima a toda a cidadanía a participar desas actividades.

 


A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, pola súa parte, está organizando nas principais cidades e vilas lecturas públicas da obra rosaliana, nas que se lerá un manifesto solicitando a difusión do coñecemento da obra de Rosalía de Castro, en especial entre as xeracións máis novas que colectivamente contribuímos a coeducar, pois a súa poesía ou prosa reflexiva son base indispensábel para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural.


 

Estes son os actos confirmados até o momento (esta información actualizarase diariamente; se quere colaborar a difundir algún dos actos, prema no formato que desexe):

 

Santiago de Compostela, Panteón dos Galegos Ilustres, 18:00 (PDF, JPG)

A Coruña, Kiosko Alfonso, 18:30 (PDF, JPG)

Lugo, Salón de actos do IES Lucus Augusti, 10:30 (PDF, JPG)

Ourense, Liceo, 19:00 (PDF, JPG)

Ferrol, Galería Sargadelos, 19:00 (PDF, JPG)

Vigo, Museo de Arte Contemporánea (MARCO), 19.30 (PDF, JPG)

A Rúa, Biblioteca Pública Municipal, Casa da Cultura, 18.30 (PDF, JPG)

Pontevedra, Casa das Campás, 18.00 (PDF, JPG)

A Estrada, Sala de conferencias e exposicións CaixaNova, 19.00 (PDF, JPG)

Monforte, Centro do viño, 21.00 (PDF, JPG)

 

 

 Máis iniciativas aquí.


 

 


Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.


 

A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.

 

Por todos estes motivos a difusión do coñecemento da súa obra é necesaria para as galegas e os galegos, en especial para as xeracións máis novas que colectivamente contribuímos a coeducar, sendo a súa palabra feita poesía ou prosa reflexiva un dos procedementos máis eficaces para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural.