ALFIN

Formación de usarios e usuarias

Unha das funcións esenciais da biblioteca escolar e dotar o alumnado de recursos suficientes para moverse con fluidez polo mundo da información, e moi especialmente, polas fontes informativas presentes nas bibliotecas e nos repositorios, directorios, etc. dispoñibles a través de Internet. As actividades puntuais son importantes pero son aquelas que se planifican e levan a cabo de forma sistematizada, a través de programas de formación de usuarios, as que poden dar resultados. Velaquí dúas mostras:

1. IES Pedro Floriani (Redondela, Pontevedra): o departamento de Filosofía, xunto coa biblioteca,  programan sesións de formación de usuarios para o alumnado de 1º de BAC.  Podemos ver os contidos e unha reportaxe fotográfica no seu blogue.

2.  IES Universidade Laboral (Culleredo, A Coruña): Imaxes da sesión de formación de usuarios para o alumnado de 1º de Bacharelato, novo no centro. 

Proposta: A Gran Guerra en Galiciana (1914-1918)

 

Desde a Biblioteca de Galicia, e máis concretamente desde Galiciana, a Biblioteca Dixital de Galicia chéganos unha proposta para o aproveitamento dos recursos dixitais dispoñibles. Trátase dunha iniciativa integrada nunha proposta máis ampla, Add Your Story!, que xorde en Europeana, a Biblioteca Dixital Europea, na que se integran tanto HISPANA como GALICIANA

Búscase dar a coñecer os recursos de Galiciana e, ao mesmo tempo, estimular ao alumnado dos institutos de ensino secundario de Galicia para que contribúa a crear contidos para esta biblioteca dixital. 

O tema de traballo que se propón é a I Guerra Mundial, a través dos contidos dispoñibles en Europeana, e a súa contextualización en España e  máis concretamente en Galicia, a través dos materiais recollidos en Galiciana.  Proponse tamén investigar sobre algunhas mulleres pioneiras como a xornalista Sofía Casanova

Os destinatarios son os alumnos e alumnas de 4º de ESO e 1º de BAC, así como os Departamentos de Ciencias Sociais e Linguas Estranxeiras  dos institutos galegos. 

PÓDESE CONSULTAR A PROPOSTA COMPLETA CON TODA A INFORMACIÓN 

Aplicación para formación de usuarios - CEIP Condesa de Fenosa

Actividade de formación de usuarios: Manual de Sony ReaderDesde o CEIP Condesa de Fenosa (O Barco de Valdeorras) poñen a disposición de todos nós esta actividade LIM sobre o uso e manexo dos lectores electrónicos. Unha boa actividade de formación de usuarios en liña destinada a que o alumnado coñeza, antes de empregalos, os e-readers e as súas partes e operacións máis básicas.


Podedes acceder á aplicación desde o seguinte enlace: Manual lector electrónico.

 

 

Maio, mes das Letras: Xosé María Díaz Castro - III

Recompilamos aquí diversos materiais elaborados e difundidos desde os centros educativos galegos e as súas bibliotecas escolares, para conmemorar o Día das Letras Galegas 2014, relacionados co poeta Xosé Mª Díaz Castro.

 


 

Esa lus, canción para Díaz Castro desde o IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz

Xornada técnica sobre a biblioteca escolar na formación profesional.

 

O vindeiro luns 12 de maio de 2014, o profesorado responsable das bibliotecas dos 19 Centros Integrados de Formación Profesional da Comunidade Autónoma, reuniranse en Santiago de Compostela (CIFP Compostela), nunha xornada técnica que afondará no papel e nas posibilidades que ofrece a biblioteca nos centros que imparten ensinanzas de formación profesional. 

Esta actividade, que xorde como proposta desde o programa de bibliotecas escolares da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,  como resultado das necesidades observadas, é froito da colaboración entre a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. 

Durante toda a xornada, os participantes  poderán coñecer as experiencias da biblioteca de tres centros (dous galegos e un portugués), así como as experiencias doutros dous centros de ensino secundario, neste caso especificamente no tratamento das competencias informacionais e o fomento da lectura entre o alumnado xove e e as persoas adultas, mediante a fórmula dos clubs de lectura. Haberá, así mesmo, tempo para o debate e a reflexión conxunta, da que se extraerán as pertinentes conclusións. 

Xogos tradicionais. IES Rafael Dieste (A Coruña)

Excelente documentación sobre xogos tradicionais elaborada por alumnado e profesorado participantes no proxecto interdisciplinar coordinado desde a biblioteca do IES Rafael Dieste, de A Coruña, neste curso 2013/2014. No blogue da biblioteca podemos ver o programa da Semana Cultural, dedicada aos xogos tradicionais e que, segundo nos informan, está a transcorrir con grande éxito.



Maio, mes das Letras: Xosé María Díaz Castro - II

Outros materiais elaborados desde o CPI dos Dices (Rois, A Coruña), para achegar a figura e a poesía de Xosé María Díaz Castro ao alumnado neste ano 2014.

 



Biblioteca Escolar e Traballo por Proxectos


Esta inforgrafía é froito do traballo realizado no curso "Biblioteca Escolar. Educación Documental II. Os Proxectos Documentais" celebrado nos últimos meses no CFR de Pontevedra, e ao que asistiron 40 docentes da zona de Pontevedra. Despois de falar da biblioteca escolar para o desenvolvemento do currículo e das alfabetizacións múltiples, o traballo dos docentes centrouse en deseñar un proxecto para desenvolver no seu propio centro e, a través de experiencias de calidade contrastada, chegar a identificar os aspectos clave para conseguir a planficación e a posta en marcha dun proxecto de carácter interdisciplinar desde a biblioteca escolar no que puidesen participar as diferentes aulas/ciclos/departamentos do centro, desenvolvendo tarefas integradas arredor da idea principal do proxecto, tratando sempre contidos curriculares e procurando a adquisición de competencias básicas e habilidades no uso e produción da información. Este material pode moi ben servir de orientación para outro profesorado interesado e difúndese nun bo momento, pois estes días tamén publicábase a convocatoria do Concurso de Traballo por Proxectos, ao que poden presentarse traballos antes do 30 de xuño de 2014.

Concurso de Traballos por Proxectos

O Portal Educativo publica a Convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, dun "Concurso de Traballos por Proxectos" baixo a coordinación da biblioteca escolar ou coa súa participación, e destinado aos centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para proxectos realizados durante o curso 2013/2014. Esta iniciativa está encadrada no Plan LÍA 2010/2015 de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información, Aprendizaxe) e busca "estimular, mediante o recoñecemento de boas experiencias de traballos por proxectos, o deseño e desenvolvemento de proxectos de carácter interdisciplinar ou de proxectos de investigación, baixo a coordinación do equipo de biblioteca escolar ou co apoio desta, na liña da metodoloxía de aprendizaxe baseada en proxectos (ou ABP)". 

Contémplanse dúas modalidades: 

  • Proxectos de carácter interdisciplinar, ou "Proxectos Documentais Integrados", coordinados desde a biblioteca escolar e que conten coa participación dun mínimo do 40% de grupos-aula existentes no centros (ou un 40% dos departamentos).
  • Proxectos de investigación dirixidos por profesorado dun grupo/nivel; traballos dun ciclo/departamento, ou traballos elaborados na materia de "Proxecto Interdisciplinar" de 1º Curso de ESO. Os traballos poden desenvolver temáticas curriculares de carácter xeral ou do ámbito científico específicamente.

Os centros interesados teñen ata o 30 de xuño para o envío da solicitude e  dunha breve memoria do proceso levado a cabo no desenvolvemento do proxecto, así como copia de materiais elaborados polo alumnado. 

A convocatoria contempla varios premios por modalidade e temática que se recibirán en forma de asignación para apoiar o funcionamento da biblioteca escolar, nas súas actividades de educación en información e de fomento da lectura. 

CONVOCATORIA 

+ INFORMACIÓN

 

 

8 de marzo, Día Internacional da Muller

O día 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller, unha data que cómpre seguir lembrando en favor de maiores cotas de igualdade na sociedade para un colectivo que supón algo máis da metade da sociedade galega, sen ir máis lonxe. 

As bibliotecas escolares aproveitan esta data para realizar propostas de traballo para a educación en valores, a prol da igualdade de alumnas e alumnos, e para o recoñecemento das importantes achegas que as mulleres fán á sociedade e que carecen, en moitos casos, de visibilidade. Velaquí algúns exemplos: 

* A imaxe que ilustra esta entrada é de Mónica Carretero

Os ecosistemas da Terra. Un traballo documental en 5º de Primaria


 

Desde a biblioteca do CEIP Milladoiro (Malpica de Bergantiños, A Coruña), chéganos información sobre o traballo que estiveron realizando as alumnas e os alumnos de 5º curso de Primaria, dentro do proxecto "Os Ecosistemas da Terra". "Trátase dun traballo documental que puideron escoller presentar en papel ou presentación electrónica. Tiveron catro semanas para elaboralo. O deseño incluía descriptores da competencia de CM, linguística (texto expositivo e exposición oral, diversos tipos de lectura...), tratamento da información e autonomía persoal. O traballo, unha vez finalizado, tivo que ser exposto oralmente ao resto do grupo así como recibir a avaliación deles."

No blogue do alumnado de 3º ciclo, insertado no blogue da biblioteca, podemos ver as distintas presentacións elaboradas no contexto deste traballo: unha labor seria de educación para a competencia informacional e para unha aprendizaxe significativa.

Recursos electrónicos na biblioteca escolar

 

Unha das funcións máis importantes da biblioteca escolar é a de seleccionar recursos electrónicos en función das necesidades do centro, sempre ao servizo do desenvolvemento do currículo e a formación de lectores competentes. Estes recursos deben estar clasificados cun estandar, como a CDU, e dispoñibles para toda a comunidade educativa (por exemplo, a través do blogue da biblioteca escolar, integrado así mesmo na páxina web do centro). 

Nno blogue da biblioteca do CPI Luís Díaz Moreno (Barralla, Lugo) atopamos unha sección titulada Recursos CD, na que aparecen recollidos unha importante cantidade de espazos web e materiais, seleccionados e clasificados segundo os distintos apartados da CDU, e tamén, dispoñibles para tod@s. Un bo exemplo, sen dúbida. 

Cómprenos agora establecer un sistema para integrar nun só espazo os recursos seleccionados por distintas bibliotecas, co fin de rendabilizar esforzos e aproveitar todos a enerxía posta nestas actividades. Niso andamos. 

Formación de usuarios básica (pero esencial)


Vídeo sobre a CDU realizado pola biblioteca do IES A Xunqueira II, de Pontevedra, e empregado nas primeiras sesións de formación de usuarios.

Libros electrónicos no CEIP A Gándara, de Monforte de Lemos

 

 A biblioteca do CEIP A Gándara de Monforte de Lemos ofrecen xa lectores electrónicos ao seu alumnado. Velaquí os materiais informativos que prepararon para a posta en marcha deste novo "servizo" da biblioteca destinado a ofrecer aos nenos e ás nenas unha nova experiencia de lectura. 

NESTA LIGAZÓN reúnense recursos de diferentes centros relacionados co uso dos libros electrónicos

10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos

Desde a biblioteca do CEIP A Maía, de Ames (A coruña) chéganos esta presentación sobre Nelson Mandela, unha boa forma de homenaxear á figura deste home que hoxe despide o mundo entre declaracións diplomáticas, alardes informativos e sentimento desbordado, mentres os dereitos humanos polos que el sempre traballou seguen pendentes para moitos miles de persoas en todos os recunchos da terra. É unha boa maneira tamén de lembrar, neste 10 de decembro, que se pode construír aínda unha sociedade xusta coa urdimbre que ofrece a Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
As bibliotecas escolares galegas estanse sumando a esta homenaxe a Nelson Mandela, con entradas nos seus blogues e actividades diversas nos centros. Velaquí algúns exemplos:

Axudantes da biblioteca, unha forma de adquirir competencias ALFIN

APRENDENDO A TRABALLAR CO "MEIGA" by Slidely Slideshow

Formar un grupo de colaboradores da biblioteca escolar é unha das fórmulas máis axeitadas para conseguir vincular o alumnado á biblioteca, aos beneficios e ás posibilidades da biblioteca escolar. Pero, ademais, cando ese grupo de colaboradores se forma a comezo de curso, e se responsabiliza de tarefas complexas como o préstamo de libros a través do programa informático, están adquirindo destrezas dixitais e de uso da información de gran interese. Velaquí o exemplo dunha sesión de formación "para aprender a usar o Meiga" na que participaron nenas e nenos de 3º ciclo de Primaria do CEIP Santiago Apóstolo, de Franza (Mugardos). Despois, estas nenas e estes nenos serán quen de realizar o préstamo aos seus compañeiros e compañeiras, pero sobre todo están aprendendo minimamente a manexarse cunha base de datos, a seguir un proceso, a identificar categorías, etc., etc.
Na meirande parte dos casos, o profesorado da biblioteca complementa estas sesións de formación cunha guía de colaborades ou axudantes. Podemos ver algúns exemplos

Educación dixita e astronomía: "Con brillo de cometa". Alfabetización informacional, desde o IES de Porto do Son.

 

Un recurso para a alfabetización informacional, ALFIN, para a formación do alumnado na adquisición da competencia denominada "tratamento da información e competencia dixital" nos actuais currículos. Trátase dunha ferramenta elaborada polo equipo de biblioteca do IES Porto do Son (Porto do Son, A coruña), como resultado dun Seminario Permanente no curso 2012/2013. 

Baixo o título: "Con brillo de cometa". Educación dixital e astronomía, ofrécennos un material que serve para iniciar ao alumnado de ensino secundario no mundo das fontes informativas, dos traballos de investigación, e aprenderlles a obter o máximo de rendemento dos recursos informativos existentes na biblioteca ou en internet. Contén múltiples recursos e informacións e pode accederse a través deste enlace (entrar como convidado na aula virtual).  Agradecemos a xenerosidade dos seus autores por poñelo a disposición da comunidade educativa.

A lus do mundo. Redescubrindo ao poeta Díaz Castro


Chéganos, desde o IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz (Lugo), este documental sobre o poeta que dá nome ao centro, Xosé María Díaz Castro.  A lus do mundo. Redescubrindo ao poeta Díaz Castro "inclúe entrevistas e enquisas na rúa, ademáis dun apartado musical importante con varios temas que inclúen os versos de Díaz Castro e son interpretados pola aula de música do centro. O documental foi realizado por alumnos de 2º, 3º e 4º da ESO dentro dun proxecto enmarcado nos programas da Consellería de Educación de fomento da excelencia..

Dende a escrita do guión, ata a realización das entrevistas, todo o documental foi realizado polo alumnado co apoio de profesores e máis de Cristina de la Torre, xornalista e realizadora en Pasen y Vean Comunicación, quen se encargou de dirixir o obradoiro. A directora do centro, Olga Aguiar, destaca que o resultado superou con moito as expectativas e agardan que a curtametraxe lle dea repercusión ó traballo educativo que se realiza cos alumnos do rural galego, ademais de axudar a difundir a figura de Díaz Castro: “Un autor aínda moi descoñecido e que precisa recuperar o seu lugar no imaxinario cultural galego”. Sandra Tenreiro, a profesora de música e que compuxo as cancións, destacou a creatividade e implicación dos rapaces, ata o punto de que un alumno de bacharelato versiona e rapea un dos poemas. Tódalas cancións terán licenza Creative Commons e estarán dispoñibles en Internet. "

Sumámonos á biblioteca do centro na difusión deste excelente traballo que fala por sí só da creatividade e da capacidade do alumnado, cando está ben acompañado por un profesorado atento e sensible, consciente do seu papel  no momento educativo que nos toca vivir. Parabéns!

Día da Arte Galega na Escola - A Mariña

 

A iniciativa do CEIP DE CERVO (Cervo, Lugo) varios centros da Mariña luguesa embarcáronse neste curso na celebración dun Día da Arte Galega na Escola, arredor do 1 de xuño, data na que se conmemora o nacemento de Luís Seoane. A intención última é a de coñecer pouco a pouco aos grandes artistas plásticos galegos e abrir a escola aos artistas locais, creando vínculos de colaboración coa cultura do medio máis próximo. 

Coma este ano, o 1 era sábado, pasaron a celebración para a primeira semana de xuño. Comezan a chegar as noticias sobre as actividades que están levando a cabo, que difundimos polo seu interese e por ser un exemplo de colaboración intercentros; amosan tamén as posibilidades que o medio ofrece para traballar contidos curriculares, pero tamén para a adquisición de habilidades e competencias básicas, como é a competencia cultural e artística

Investigando no máis próximo co apoio da biblioteca escolar


A comunidade educativa do CEIP A Sangriña (A Guarda, Pontevedra) están inmersa nun proxecto documental impulsado desde a biblioteca e baixo o título COÑECE O TEU POBO. A través do blogue da biblioteca podemos acceder ás crónicas sobre os traballos que andan a facer e tamén ver algúns dos materiais que entre todos, e como resultado das súas investigacións, van elaborando. Un traballo que aproxima ás nenas e aos nenos ao seu medio máis próximo e lles aprende a mirar e a sentir o pobo no que viven. O que debera ser, na nosa opinión, un proxecto obrigatorio para todos os centros, e que debera acometerse de forma periódica, polas súas posibilidades e pola urxencia de procurar a comprensión das claves de cada colectividade. Xogos antigos, lavadoiros, patrimonio relixioso, praza de abastos,peixe seco, casas indianas, redeiras... eses son os aspectos que escolleron desta vez para investigar e que, como se desprende das imaxes, ofrecen oportunidades de aprendizaxe e práctica de habilidades e competencias imprescindibles.

O rap da Educación 2.0


No VII Encuentro Internacional de Educación 2012/2013, da Fundación Telefónica, foi presentado este Rap de la Educación 2.0, realizado por Yllana, con produción musical de El Langui e Keru Dj. Cómpre escoitar os protagonistas do proceso educativo, neste momento, falando da urxencia por introducir a tecnoloxía na educación, xunto con valorees e formas de comunicar actuais; seguramente representan neste rap as necesidades da gran maioría de rapaces que asisten ás aulas en institutos e centros de formación profesional. Desde logo, debera ser unha chamada de atención máis, unha máis das que nos están facendo a cotío, formándose pola súa conta, en contextos informais e non precisamente rigurosos con valores e criterios de veracidade ou fiabilidade.  Desde as bibliotecas escolares estase facendo un esforzo importante por conectar con estas necesidades e achegar a todas e todos recursos e oportunidades de aprendizaxe 2.0. Pero aínda queda moito por facer. 

Roberto Vidal Bolaño: o teatro protagoniza as Letras Galegas 2013

A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2013 a Roberto Vidal Bolaño, autor, director, actor e escenógrafo, entre outras mil actividades que levou a cabo; home de referencia para o teatro, o audiovisual e a cultura galega en xeral. El mesmo defíníase como "un señor maior con sombreiro e bigote, que de xeito absolutamente irresponsable, persiste na estúpida teima de vivir por e para unha das profesións, hoxe en día, máis absurdas do mundo e sen embargo por iso máis grandiosas."

As bibliotecas escolares galegas iniciaron xa o seu labor de sensibilización, información e apoio ao profesorado dos seus respectivos centros, co fin de que o alumnado coñeza e goce da obra deste autor e procurando, tamén, que aprendan a amar a través das actividades, un xénero literario e unha expresión cultural esencial para unha sociedade democrática e unha poboación culta. Seleccóns de recursos, propostas de actividades, materiais para a busca documental, iniciativas para espertar o gusto polo teatro, comezan a difundirse. Velaquí algúns exemplos:

Outros recursos dispoñibles:

- Seminario Galán (Seminario Permanente do CEIP Galan, Oseiro-Arteixo): Roberto Vidal Bolaño

Telexornal Vidal Bolaño, desde o CPI dos Dices Rois


Os mozos e mozas do CPI dos Dice-Rois (Rois, A Coruña) remítennos o seu telexornal sobre a figura de Roberto Vidal Bolaño, adiantando xa o que serán os labores do Día das Letras Galegas. Trátase dunha actividade de documentación que se expresa finalmente en forma de "telexornal", unha iniciativa que se encadra perfectamente na formación para a competencia mediática e informacional, impulsada polos currículos actuais e recoñecida polas institucións educativas internacionais  como o gran reto para o sistema educativo dos próximos anos. Luís Aldegunde, o profesor que guía estes traballos no centro, realizou tamén un documental sobre Vidal Bolaño, que apoia as actividades para coñecer a este autor que poidan levarse a cabo nas bibliotecas escolares. Parabéns a todos e todas, e o noso agradecemento pola xenerosidade de poñer estes materiais a disposición de todos os centros. 

Mulleres galegas. IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra)

Desde a biblioteca do IES Frei Martín Sarmiento, de Pontevedra, chéganos esta presentación sobre MULLERES GALEGAS, froito dos traballos de investigación do alumnado de PDC de 4º Curso de ESO. A biblioteca como espazo de investigación e de apoio aos proxectos de aula.

Mulleres galegas from ies frei martin sarmiento on Vimeo.

Aprender a buscar na rede. Un recurso para a autoformación e para a formación do alumnado. Un recurso ALFIN


Froito da xenerosidade e da colaboración de dúas profesoras, responsables das bibliotecas escolares dos seus centros, Olga Rodríguez, do CEIP Milladoiro, de Malpica, e Charo Sánchez-Gabriel, do IES Sánchez Cantón, de Pontevedra, podemos contar con este recurso de gran interese, e de gran calidade, para a formación ALFIN do alumnado: "Aprende a buscar na rede con eficiencia". Constitúe, así mesmo, unha ferramenta para a autoformación do profesorado como usuario da rede, e unha oportunidade para compartir coñecemento entre os distintos sectores da comunidade educativa. Agradecemos a estas dúas profesoras a difusión do seu traballo, en beneficio de todas as persoas interesadas na multialfabetización e, en particular, do colectivo das bibliotecas escolares galegas.