O repositorio de contidos do espazoAbalar reinicia a súa actividade O repositorio do espazoAbalar segue ampliando a súa oferta cunha selección de 11 novos contidos educativos en formato dixital, realizados con distintas ferramentas de autor e baseados en distintas tecnoloxías.
Desta forma, fan que esta ferramenta medre continuamente e responda aos intereses e necesidades de toda a comunidade educativa. Coa nova actualización do repositorio alcánzanse os 1.109 recursos para educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos en varios idiomas.
Entre as novas incorporacións cabe salientar unha Unidade didáctica interactiva para primaria e outra para secundaria que forma parte das actividades conmemorativas do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro. Ambas as dúas, cunha mesma estrutura e metodoloxía, repasan a vida e obra do poeta celanovés a través de seis etapas vitais diferentes, con textos descritivos e propostas de actividades lúdicas interactivas que os introducen tamén na súa creación poética. No desenvolvemento destas actividades os participantes acceden a fotografías do autor, aos seus textos orixinais e mesmo á voz de Celso Emilio recitando os poemas da súa autoría.
Contamos tamén, por un lado, con dúas unidades sobre primeiros auxilios en accidentes máis frecuentes nun taller de automoción e, por outra parte, sobre riscos laborais traducidos ao galego e feitos dentro do programa Arce. Por último salientar o agradecemento a Manuel Guerrero Gómez pola autorización para publicar algúns dos seus libros LIM neste repositorio.
Finalmente, aquelas persoas que elaboran material educativo e están interesadas en ceder este material para o seu uso no repositorio de contidos dixitais do espazoAbalar, dispoñen dun procedemento no que se explican os pasos a seguir.