Lecturas compartidas no CEIP A Escardia

No noso centro, intentamos favorecer vivencias de lecturas compartidas, porque cremos que axudan a interiorizar os coñecementos, formar mentes críticas e persoas dialogantes. Ao mesmo tempo, contribúen a mellorar a competencia lectoescritora.

CEIP A Escardia. Vilagarcía de Arousa
Centro urbano con tres unidades de educación infantil e seis de primaria
Jesusa Martínez Rodríguez - Equipo de biblioteca

Beneficios das interaccións no proceso lector

Resulta interesante observar como, ademais da relación íntima e persoal que os lectores teñen cos libros, existen outras posibilidades que transcenden o texto.

Á intencionalidade da mensaxe que deriva da lectura silenciosa súmase a posibilidade da reflexión compartida. Cando a lectura se fai diante e cos outros, os contidos do pensamento lido toman corpo. Deixan de ser entes e pasan a ser constructos manipulables, debatibles, mudables, enriquecibles e incluso transformables en produtos finais moi diversos (escritos, comunicacións, materiais plásticos, mediáticos etc.).

Neste sentido o profesorado de A Escardia apoia decididamente todas as iniciativas que desde os diferentes departamentos e desde a biblioteca contribúen a diversificar o proceso lector en diferentes contextos coparticipados.

A intención é posibilitar o gozo da lectura, de xeito que forme parte das vivencias de aprendizaxe e de lecer e á vez posibilite unha información crítica, sensible e respectuosa coas diferenzas.

Neste artigo compartiremos algunhas das experiencias e proxectos que están activando procesos de lectoescritura e contribuíndo a dinamizar A Escardia.

 

Visitas guiadas á biblioteca

Na formación de usuarios, son os encargados os que, xunto coas responsables de biblioteca, lle achegan os diferentes recursos ao alumnado. Os titores interveñen apoiando as normas acordadas para o uso de bibliotecas, as quendas de préstamo, as lecturas da Hora de Ler e a participación nos proxectos de centro.

Este curso, co gallo da celebración do Día das Bibliotecas, organizáronse presentacións sobre os diferentes espazos e utilidades da biblioteca, adaptadas aos diferentes niveis. A nosa mascota, Pirimpompolo, tivo un papel principal cos máis cativos.

A experiencia quedou recollida en vídeos que nun futuro se compartirán con toda a comunidade e que poderán ser utilizados como un recurso divulgativo. Neles poderemos ver como os encargados explicaron a historia da nosa mascota, como localizar os libros na biblioteca, as normas de uso e préstamo ou como entrar no Meiga desde un ordenador.

Este último apartado espertou moito interese entre o alumnado de cuarto, quinto e sexto, posto que lles axudou a saber localizar os libros da nosa biblioteca desde a casa e a buscar informacións nas enciclopedias do sitio Meiga.

O feito de facer este percorrido apoiados polos “maiores” e poder comentar o proceso cos compañeiros fixo que a experiencia de aprendizaxe resultase moi satisfactoria.

Hora de Ler

Todos os días despois do recreo o alumnado ten un tempo de lectura silenciosa no que poden gozar da biblioteca da aula e dos libros collidos en préstamo na biblioteca do centro ou dos que teñen na maleta temática (libros que “aumentan” as informacións sobre un tema concreto).

A norma acordada é que, cando un alumno escolle un libro, é para lelo, ao longo dos días, ata o final. A lectura só pode “abandonarse” se se leva un terzo do libro lido e non resulta satisfactorio. Neste caso, logo de falar co profesor que acompaña a aula, pódese buscar outra lectura diferente.

No terceiro ciclo, cada alumno leva un rexistro das lecturas que se fan nesta hora. Nel recóllense datos como: título, autor, número de páxinas e valoración da lectura. Isto ofrece moita información persoal e xeral sobre os intereses do alumnado e axuda a avaliar a adecuación da bibliografía dispoñible.

Os mércores son especiais. Na Hora de Ler, o alumnado fai de público e escoita. Len os mestres. A intención é promover libros adecuados a cada nivel ou que son interesantes por diferentes motivos. Aprovéitase tamén para presentar novidades, destacar algún autor determinado ou promover un xénero determinado. Á vez, os nenos e nenas observan as pausas, a modulación da voz, os diferentes estilos efectos, os efectos especiais etc. e téñenos en conta á hora de ser eles os lectores,

Os últimos mércores de mes son diferentes: cada mes, un grupiño de cada aula vai ler sobre un tema determinado nunha aula diferente da súa. Séguese unha quenda e un calendario.

Os lectores escollen un libro sobre un centro de interese, adaptado á idade dos nenos aos que vai dirixido. Así, por exemplo, no mes en que se conmemoran os dereitos da infancia, as lecturas xiran sobre os valores. No mes en que se conmemora o día do teatro, lese teatro e o mesmo pasa con outros temas como a poesía, o Día das Letras Galegas ou o medio. Os titores axudan a preparar esta lectura compartida. Ao longo do curso vanse rotando pequenos grupiños co fin de que toda a clase participe. Estas lecturas, ás veces, acompáñanse de efectos musicais, pequenos decorados ou outros apoios visuais. Resultan moi motivadoras, tanto para os que len como para os que escoitan.

Ao finalizar a Hora de Ler, faise unha valoración de 0 a 3 puntos sobre o que se escoitou e sobre o libro en cuestión e anótase no formulario que cada aula ten para este efecto. Deste xeito, cos comentarios que se fan, foméntase tamén a lectura crítica e a mellora de aspectos relativos á expresión corporal, vocalización, autocontrol da postura, adecuación dos tons de voz etc.

Un bo número dos libros lidos os mércores son solicitados en préstamo para ler na casa.

A observación dinos que coa motivación mellora a fluidez e a calidade da lectura dos lectores.

Apadriñamentos lectores

Forman parte das iniciativas programadas para o presente curso. Os apadriñamentos lectores organizaranse de xeito que a relación de apoio na lectura que se dá espontaneamente entre algúns maiores cos máis pequenos, por razóns de afinidade, atope dentro do horario un espazo para ler.

Os padriños e madriñas serán nenos e nenas de quinto e sexto de primaria que queiran “ler” con algún neno máis pequeno. Terán un recanto nas aulas de 5 anos, primeiro, segundo e terceiro. Leranse os libros que soliciten os nenos “afillados”. A actividade desenvolverase os martes no primeiro cuarto de hora da Hora de Ler.

Esperamos que esta iniciativa teña boa acollida e que favoreza o gozo do momento de lectura.

 

Mochilas viaxeiras

É unha das opcións que se lles dá ás familias para compartir fondos da biblioteca cos seus fillos. Ademais do préstamo ao alumnado, todas as aulas de educación infantil e primaria dispoñen de dúas mochilas que rotan e que están nas casas durante unha semana. As mochilas conteñen narrativa, poesía, audiovisuais e libros sobre natureza e ciencia. Tamén levan unha enquisa de opinión e un “caderno” no que escribir ou expresar artisticamente todo o que este material evocou. Estes cadernos de recordos son moi apreciados. Forman parte do fondo do revisteiro situado na entrada da biblioteca e son moi comentados.

 

Maletas viaxeiras

Utilizamos as “maletas viaxeiras” que oferta a Consellería, como unha achega externa que apoia os proxectos do centro. Así se fixo, por exemplo, cos proxectos Con+ ciencia+arte e estase a facer con O colexio en cifras.

Utilizáronse as respectivas maletas de ciencia e matemáticas para primaria. Neste caso, foron os encargados e encargadas os que atenderon as reservas dos libros que se lían na Hora de Ler, controlando cun sistema de fichas en que aulas estaban os libros e quen os tiña en uso.

As películas da maleta xestionáronse desde as titorías e víronse na hora de visita semanal á biblioteca.

 

Os proxectos de centro

O encadramento dos proxectos de centro nas programacións xerais non sempre resulta doado nin está especialmente ligado aos contidos conceptuais. Non obstante, resulta moi formativo competencialmente.

Cada proxecto de centro nace dun xeito diferente. A orixe pode estar nun debate sobre os dereitos dos nenos e nenas (Proxecto Malala), nun libro (Sadako), nunha biografía (Maruja Mallo ou Seoane), unha nova no xornal local sobre o estado do río Con, arredor dun tema (a ciencia) ou ben nunha carreira solidaria (feira da solidariedade: as ONG).

Cando se empeza un proxecto, non se sabe o percorrido que vai ter. Algúns, como os mencionados, saen dos parámetros programados. Resultan transversais, multidisciplinares e ilusionan durante meses a comunidade educativa. Outros apenas van máis aló do inicio.

O procedemento xeral comeza cunha investigación desde todas as arterias da comunidade (alumnado, familias, equipo de biblioteca e profesorado).

No claustro articúlase o esqueleto do proxecto e defínese a súa finalidade. Os equipos de biblioteca, directivo, de dinamización e de orientación perfilan os obxectivos, as competencias que se van desenvolver e as tarefas para emprender. Organízase unha previsión temporal no calendario e estúdase o nivel de dificultade das actividades que se abordarán.

Noutro intre, faise o repartimento das tarefas complexas das que se ocupará cada aula. Ás veces varias aulas comparten unha mesma tarefa complexa en diferentes estadios ou colaboran segundo as súas posibilidades. Así, por exemplo, en educación infantil pode facerse unha recollida de datos diaria sobre a temperatura e na aula de sexto un estudo estatístico que utiliza estes datos.

Os soportes e os espazos onde se desenvolven estes produtos finais son variados e diferentes, dependendo do proxecto. Nun caso pode ser unha exposición interactiva da obra dunha pintora nas escaleiras, no vestíbulo, na biblioteca e na aula de informática, onde xunto ás láminas hai xogos de asociación, LIM, xogos de completar datos (a partir da biografías elaboradas polos nenos), quebracabezas, pescuda de tesouros, reinterpretacións plásticas das obras pictóricas, obradoiro literario arredor dunha determinada pintura etc.

Outro proxecto podería desembocar nunha explosión de centos de grúas de papel colgadas do teito do colexio, como o símbolo da paz nipón, e outro na organización de postos informativos abertos ao público e situados no ximnasio.

O equipo da biblioteca traballa na proposta de proxectos, na súa dinamización e coordinación e achega documentacións e contactos, así como os materiais que os diferentes equipos lle demandan (maletas temáticas, folletos, enderezos web etc.). Así mesmo, o equipo da biblioteca colabora nos proxectos promovidos polos outros departamentos do colexio.

As familias son parte implicada no traballo por proxectos. As súas contribucións son moi valiosas, motivan os nenos e nenas e poñen en valor o tema que se trata.

Os proxectos son diferentes, pero a metodoloxía de traballo é parella. O traballo é colaborativo. As aulas deixan de ser illas e comparten os seus achados co resto do centro.

Hai catro anos que o profesorado revisou a súa metodoloxía de traballo e decidiu formarse na aprendizaxe cooperativa. En maior ou menor medida todas as aulas veñen aplicando esta metodoloxía. En A Escardia cremos que a formación de equipos compensados favorece o crecemento persoal á vez que enriquece a aprendizaxe coas achegas de todos os equipos de aula. Cremos que o traballo cooperativo é integrador e consideramos que promove a resolución dos problemas dun xeito dialogado e autorregulado polo propio equipo.

O derradeiro proxecto abordado no centro foi a organización dunha “feira da solidariedade” con motivo da celebración do Día da Paz. Desenvolveuse paralelamente a outras actividades e tivo unha duración de tres meses.

 

A feira da solidariedade

Nun primeiro momento escolleuse un formato común que servise para informar o resto do centro de que son e para que están as ONG. Os formatos comúns propostos para todos os cursos foron o cartel e o díptico informativo. Os contidos formais xiraban arredor do texto informativo e as exposicións orais.

As diferentes liñas de traballo superaron a idea inicial e desembocaron na organización dunha “feira da solidariedade” aberta a toda a comunidade.

Cada aula montou un “posto” con produtos explicativos da ONG escollida. Achegáronse obxectos, vídeos e adhesivos elaborados polo alumnado e outros produtos facilitados polas diferentes institucións ou polas familias. As nenas e nenos explicáronlles aos visitantes (familias e alumnado das diferentes aulas) as problemáticas abordadas polas diferentes ONG (WWWF, Green Peace, Unicef, Acnur, Fundación Ferrer, Asociación Protectora de Animais de Vilagarcía, Médicos sen Fronteiras e outras).

A actividade, segundo se recolleu na rúbrica final, resultou moi gratificante para toda a comunidade educativa.

No ámbito da aula, o traballo cooperativo supuxo unha organización na que os compoñentes dos grupos seguiron un plan de equipo acordado. As dificultades foron consultadas cos titores, pero pouco a pouco foron solucionándose dun xeito cada vez máis autónomo.

No referente á lectura, atopámonos cunha fase de pescuda de información e de recollida de achegas que traspasou o papel e foi cara a outros “medios”. A interacción facilitou progresos tanto na competencia dixital como na lectoescritura. En xeral, o apoio entre compañeiros mellorou a lectura automática (nos primeiros niveis), a lectura comprensiva e a presentación e calidade dos textos escritos.

A consulta de “especialistas”, sitios web e todo tipo folletos informativos foi clave para a elaboración dos produtos que se presentaron.

Considérase que a calidade da experiencia lectora é moito máis rica cando implica unha relación con persoas alleas ao ámbito da aula. Neste contexto a comprensión e a fluidez lectora vense beneficiadas.

Obsérvase que o traballo por proxectos favorece a investigación e a estruturación da información.

O traballo por proxectos contribúe a desenvolver, dunha banda, a capacidade de síntese e, por outra, a organización de esquemas diferentes, segundo se prepare unha exposición oral, escrita, nun formato plástico, ou nunha presentación en pantalla.

Na rúbrica o profesorado tamén valorou que as lecturas e as pescudas compartidas nos equipos favorecen interaccións complementarias entre alumnos que, por coñecementos, iniciativa e personalidade son moi distintos entre si. Nas observacións feitas sublíñanse os diferentes beneficios que a cooperación lles reporta a cada un deles.

O profesorado tamén destacou a mellora que se observa na estima propia e na de compañeiros e compañeiras nos que descubriron habilidades e capacidades non valoradas anteriormente.

Na rúbrica tamén se recoñece o nivel de satisfacción persoal e comunitario que orixina o traballo por proxectos e o feito de compartir os procesos de aprendizaxe e os produtos elaborados.

Este proceso puido ser coordinado grazas ao apoio do equipo directivo e á implicación de todo o profesorado e das familias.

 

Conclusión

A biblioteca pode contribuír, cos seus medios, a formar unha comunidade educativa máis participativa e integradora.

Sección: