Proxecto Silandeira.

Actividades de coñecemento do medio en EdiLim para educación primaria: unha proposta metodolóxica para o quinto curso Abalar
Este artigo presenta un proxecto de actividades dixitais e bilingües encamiñadas á mellora do proceso de ensino-aprendizaxe da materia de Coñecemento do Medio para quinto curso de educación primaria por medio de actividades elaboradas coa ferramenta de autor EdiLim. O proxecto engloba un total de 15 unidades didácticas e atópase dispoñible para o seu uso no espazo Abalar da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Mónica Obelleiro Pérez
Mestra de Educación Física no CEIP de Vilaverde (Pontevedra)
nikyobpz@edu.xunta.es

Iván Prieto Lage
Mestre de Educación Primaria no CEIP da Laxe (Marín, Pontefvedra)
ivanprieto@edu.xunta.es

 

CONTEXTUALIZACIÓN

Este proxecto de traballo xorde ante a inminente necesidade de dotar de recursos dixitais o profesorado que imparte docencia nas aulas Abalar. Como sabemos, o noso alumnado pertence ao que podemos denominar era dixital, algo que tamén se fai palpable ao comprobar a proliferación de normativas e leis que así o indican, como pode ser a inclusión da competencia dixital nos currículos da educación obrigatoria da LOE.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nun intento de mellorar a calidade do ensino galego, está realizando diversas actuacións co obxectivo de maximizar e optimizar os recursos interactivos. Como elemento fundamental do novo modelo educativo que expón o proxecto Abalar, preténdese dotar o profesorado, así como o resto da comunidade educativa, de contidos e recursos educativos dixitais desde diferentes eixes:

  • Facilitando o desenvolvemento de novos modelos pedagóxicos e a incorporación dos últimos avances tecnolóxicos na educación.
  • Aproveitando as mellores prácticas desenvolvidas nos centros máis avanzados, pondo en valor todo o traballo e coñecemento do profesorado galego.
  • Fomentando o espírito colaborador e participativo dos docentes para establecer unha comunidade de desenvolvemento de contidos propios.
  • Pondo en marcha un repertorio de información que se alimentará con contidos internos e externos á Xunta de Galicia, tanto públicos como privados, e totalmente integrados no espazo Abalar.

Esta proposta conxuga os principios deste novo modelo educativo dixital e os valores do plurilingüismo, ofertando a posibilidade de abordar a materia de coñecemento do medio desde unha perspectiva global, interactiva e bilingüe.

 

OBXECTIVOS

O obxectivo deste proxecto foi deseñar e facer unha recompilación de actividades modernas, de carácter interactivo, dixital e intuitivo, que poidan servir de complemento para os docentes de quinto curso na área de coñecemento do medio, tanto coa lingua ordinaria da materia, como para aqueles que estean inmersos nun proxecto de seccións bilingües ou plurilingües en inglés.

O proxecto contribúe a que o alumnado reforce os contidos na materia, se familiarice e utilice as diversas ferramentas informáticas derivadas das novas tecnoloxías, tanto de hardware (ordenadores, encerado dixital, impresora, escáner, cámara de fotos e de vídeo, canón de proxección) como de software (sistema operativo Windows ou Linux, navegadores de internet, buscadores de información, programa de ofimática, de edición de vídeo e imaxe etc.).

 

DESCRICIÓN DA ACTIVIDADE

Neste proxecto abórdanse un total de 15 unidades didácticas, as cales integran os contidos das editoriais máis relevantes presentes nos centros de ensino de Galicia, e teñen como referente, en todo momento, a LOE e o currículo de educación primaria vixente en Galicia. As actividades propostas para estas unidades didácticas abranguen unha diversidade maior ca o contido xeral dunha que poida ser desenvolvida para unha temporización habitual, co propósito de adaptarse ás necesidades particulares de cada centro de ensino en función da súa programación de aula.

Cada unidade didáctica conta cun total de catro libros Lim coa seguinte estruturación:

  • Libro de actividades en lingua galega. Deseñado para o reforzo e ampliación da unidade didáctica traballada na clase. Estes libros contan con 25-40 actividades.

  • Libro de avaliación en lingua galega. Deseñado para comprobar se se cumpriron os obxectivos previstos. Estes libros teñen 15-20 actividades aproximadamente.

  • Libro de actividades en lingua inglesa (activity book). Tradución do libro de actividades de lingua galega.

  • Libro de avaliación en lingua inglesa (evaluation book). Tradución do libro de avaliación de lingua galega.

 

 

Os temas tratados nas actividades interactivas dixitais elaboradas son os seguintes:

 

METODOLOXÍA E ORIENTACIÓNS DIDÁCTICAS

Silandeira é un conxunto de actividades deseñado para ser empregado para a mellora na aprendizaxe na materia de Coñecemento do Medio en quinto curso.
Este proxecto permite abordar e afondar na maioría dos contidos que se tratan neste curso escolar na materia sinalada. Ten un carácter interactivo e motivador, xa que o alumnado poderá traballar a través dun ordenador de forma autónoma ou parcialmente guiado. Tamén cabe a posibilidade de interactuar en parellas ou pequenos grupos e tratar de obter as respostas adecuadas de forma colaboradora. Ademais, é un proxecto de carácter bilingüe, polo que permite adquirir vocabulario técnico e conceptos no idioma galego, así como abordar o coñecemento da terminoloxía desta materia en inglés, á parte de mellorar a súa competencia lingüística.

Este material está especialmente pensado para traballar en centros Abalar, aínda que nos centros educativos que non estean integrados neste proxecto tamén poderán beneficiarse do contido elaborado, empregando tales actividades como material de reforzo ou ampliación, integrándoo en blogs ou traballando directamente en gran grupo ou pequenos grupos na aula nun encerado dixital ou incluso fóra de liña.

As actividades propostas abranguen unha diversidade maior ca o contido xeral das que poden ser desenvolvidas para unha temporización habitual, isto é así para poder adaptarse ás necesidades particulares de cada centro de ensino en función da súa programación de aula. Polo tanto, a temporización proposta é orientativa e non secuencial, de modo que cada profesional do ensino pode empregar estas actividades na orde e secuencia máis conveniente segundo a súa programación de aula. Recoméndase, loxicamente, que o libro de avaliación de cada unidade didáctica sexa empregado despois do das actividades.

Hai varias maneiras de facer uso deste material. Por exemplo, pódese usar como material complementario do libro de texto, a modo de actividades dinámicas e divertidas para realizar tras a explicación dunha parte do tema. Poderíase tamén empregar como un material de reforzo ou ampliación do temario. Así mesmo, tamén cabe a posibilidade de usalo como medio para a investigación, de maneira que o alumnado teña que buscar a solución ás preguntas propostas no libro de actividades mediante o uso do libro do texto ou doutro material complementario, como textos, páxinas webs, libros da biblioteca etc.
Mostramos unha relación do tipo de actividades que se propoñen nas unidades didácticas:

Mostramos unha relación do tipo de actividades que se propoñen nas unidades didácticas:

  • Arrastrar, clasificar, ordenar, identificar, relacionar imaxes e textos.

  • Escoller entre varias opcións.

  • Completar, relacionar con frechas, facer series.

  • Responder a preguntas, respostas múltiples.

  • Nunha imaxe: etiquetar, escribir, arrastrar, unir, seleccionar, segundo conveña.

  • Crebacabezas, sopa de letras, memoria visual, buscar parellas, raios x.

 

 

En cada unidade didáctica, o libro de avaliación debe ser usado tras a conclusión do proceso de ensino-aprendizaxe dese tema. En función do número de respostas correctas, o programa dá unha puntuación de 0 a 100, na que se expresa numericamente a porcentaxe de acerto. Cada vez que contesta unha pregunta, pode facer clic na V da parte inferior dereita. Se a resposta é correcta, recibirá un feedback positivo e poderá seguir coa páxina seguinte; se non é así, mostrarase que hai erros e volverá intentalo. Unha vez que contesta todas as preguntas, pode comprobar ata que punto acadou os obxectivos desa unidade didáctica se preme no botón de información que se encontra na parte superior dereita do libro de avaliación (tamén sucede no de actividades).

 

AVALIACIÓN

Cada unha das 15 unidades didácticas do proxecto Silandeira conta cunha media, no repositorio de contidos Abalar da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dunhas 4.000 visitas desde marzo de 2013, momento no que se deu de alta, ata novembro deste mesmo ano, o que reflicte que está sendo bastante empregado nas aulas galegas. A valoración de todas as actividades neste espazo acada, na maioría das ocasións, a máxima puntuación.

O alumnado, en xeral, nos diversos centros onde hai constancia do seu uso, amosa interese polo tipo de actividades elaboradas para cada temática, destacando, sobre todo, a facilidade e a simpleza no seu uso e o estilo directo das actividades, o que lles resulta un medio ideal que facilita a aprendizaxe de cada unidade didáctica, á vez que permite empregar as novas tecnoloxías para preparar unha materia de maneira lúdica.

Os diferentes mestres e mestras que se puxeron en contacto cos autores do proxecto resaltan a simplicidade e interactividade das actividades, e destaca que é un moi bo reforzo e ampliación do tema que se trata, ao ser un compendio de diferentes editoriais e mostrar sempre algún dato que o alumnado descoñecía.

Por outra banda, cómpre indicar que convén facer unha revisión dalgunhas cuestións de certas unidades didácticas para evitar os erros derivados de aspectos técnicos (non se ve toda a pregunta ou parte dunha resposta -normalmente asociado ao tipo de resolución de pantalla-) ou didácticos (erro na resposta por equivocación á hora de introducila no programa EdiLim ou solucións moi difíciles).

 

CONCLUSIÓNS

  • O proxecto Silandeira preséntase como un recurso útil ou unha posibilidade didáctica interesante para abordar o estudo da materia de Coñecemento do Medio no terceiro ciclo de educación primaria por medio das novas tecnoloxías, especialmente para facer uso e aproveitamento do equipamento Abalar.

  • As unidades didácticas deseñadas tiveron boa acollida na comunidade educativa desde que están activas no repositorio de contidos do espazo Abalar. Docentes e alumnado destacan o carácter simple, limpo e directo das actividades.

  • Como perspectiva futura, preténdese ampliar este proxecto a outras materias do currículo de educación primaria, así como ao segundo curso do terceiro ciclo.