Os días D e as semanas S

Como traballar as conmemoracións que sinala o calendario escolar
O proxecto Os días D e as semanas S é un conxunto de secuencias didácticas en contorno web para traballar con diferentes propostas interdisciplinarias as conmemoracións que sinala o calendario escolar da Comunidade Autónoma de Galicia entre cuarto de primaria e segundo da ESO.

Xosé Antón Vicente Rodríguez
Mestre do CEIP O Piñeiriño (Vilagarcía de Arousa-Pontevedra)
antonvicente@edu.xunta.gal
Twitter: @anegado

 

Contextualización

O calendario escolar sinala anualmente entre 16 e 18 conmemoracións que os centros da comunidade educativa galega poderemos celebrar nos nosos centros e incluír na programación xeral anual. Pola cantidade de datas e semanas indicadas, non é sinxelo atopar recursos adaptados ao noso alumnado e á nosa realidade. No curso 2019/20 solicitei unha licenza por formación modalidade 1 de creación de materiais dixitais curriculares na que realicei catro secuencias didácticas que completei con tres novas no curso 2021/22.

Para a realización das secuencias utilicei diferentes ferramentas de autor gratuítas como eXeLearning, EdiLIM, Genially, Imaxes interactivas, Xogamos, Brincaletras…

O 31 de xaneiro de 2020 marcou a desaparición da posibilidade de visualizar recursos con Flash Player na maioría dos navegadores, o que me obrigou a actualizar os recursos da primeira entrega con alternativas en HTML5, como foron o caso dos cadernos de traballo feitos con EdiLIM ou actividades illadas de Xogamos ou Imaxes interactivas.

 

Descrición e obxectivos da actividade

As TIC (tecnoloxías da información e da comunicación) e, de xeito máis concreto, as TAC (tecnoloxías da aprendizaxe e do coñecemento) son unha excelente oportunidade para axudar a liberarnos dunha vez por todas da escravitude que supoñen os libros de texto. Son o complemento ideal para metodoloxías de traballo baseadas en filosofías máis abertas e construtivistas e para o traballo por proxectos, algo que nunca conseguiremos se seguimos apoiando a nosa ensinanza en solucións prefabricadas pensadas para un alumnado estándar que non temos e para unha realidade completamente allea á nosa. Para a realización dos ODE, recorrín ás chamadas «linguaxes de autor» ou «ferramentas de autor», é dicir, programas informáticos sinxelos e moi gráficos que nos permiten aos docentes crear as nosas propias actividades educativas en formato dixital partindo de coñecementos básicos ou non moi avanzados de informática.

O obxectivo fundamental que persigo é complementar e incluso prescindir de cando en vez do papel en favor doutro tipo de soportes (neste caso o dixital) para o traballo en determinados temas e áreas.

Concretamente está pensado para os últimos niveis de primaria (cuarto a sexto) e o primeiro ciclo da ESO (primeiro e segundo) nas áreas de ciencias sociais, ciencias da natureza, lingua galega e literatura e valores sociais e cívicos, e en forma de secuencias didácticas en soporte dixital.

Creei este material con diferentes ferramentas de autor: EdiLIM (libros interactivos multimedia); Araword (dentro do Arasuite) e Adapro para crear os textos cos pictogramas de Sergio Palao que fixo para Arasaac; Genially (da que dispoño dun Plan EDU que me permite descargar os proxectos en local en formato HTML5) coa que fixen as follas de ruta, os escape room, diferentes trivial ou as rúbricas para a avaliación das secuencias; Brincaletras e outras ferramentas que permitan exportar en HTML5 para crear material complementario sobre as temáticas abordadas…

Porén, a ferramenta principal foi eXeLearning, pois con ela maquetei os diferentes materiais de cada secuencia. Ademais, é a ferramenta coa que elaborei as webquest de cada unidade, actividades interactivas, os glosarios ou o apartado de «Outros recursos da Rede».

Cada unha das sete secuencias didácticas ten perfecto encaixe co currículo sinalado no Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia para os niveis e áreas indicadas, pero todas elas teñen unha relación moi especial co bloque de contidos comúns nos obxectivos de:

 • Buscar e seleccionar información empregando as TIC e outras fontes (directas e indirectas), organizar, analizar, documentar o proceso (mediante uso do cartafoles) e comunicar as conclusións.

 • Empregar técnicas de estudo individual e estratexias de traballo cooperativo. Valorar o esforzo e o coidado do material.

 • Participar de maneira activa e construtiva na vida social, seguir as normas de convivencia.

 • Usar a cooperación e o diálogo como valores democráticos e recursos básicos na resolución pacífica de conflitos.

 • Utilizar a terminoloxía propia da área.

 

 

 

Secuencias didácticas

Cada unha das sete secuencias didácticas creadas ata o momento está formada por diferentes obxectos dixitais educativos (ODE).

As secuencias didácticas do proxecto

SD1: Día Escolar da non Violencia e da Paz (30 da xaneiro)

SD2: Día Mundial dos Dereitos do Consumidor (15 de marzo)

SD3: Día Mundial da Saúde (7 de abril)

SD4: A Semana das Letras Galegas (semana arredor do 17 de maio)

SD5: A Semana da Prensa (segunda semana de marzo)

SD6: O Día mundial do Medio Ambiente (5 de xuño)

SD7: A semana da Constitución e do Estatuto de Autonomía de Galicia (primeira semana de decembro)

 

Estrutura de cada secuencia didáctica

Cada unha das secuencias ten esta estrutura común:

0. Folla de ruta (o que realizaremos na secuencia) (feita en Genially).

 

 

1. Caderno de traballo: teoría sobre o significado da conmemoración, a súa importancia, ampliación da información, integración con pictogramas, actividades sinxelas de comprensión do aprendido... (cada caderno ten entre 50 e 80 páxinas e segue a filosofía REA e DUA (feita en EdiLIIM e Araword).

 

 

2. Glosario: selección do vocabulario básico e imprescindible para traballar a secuencia didáctica. As definicións son curtas, concisas e adaptadas á idade do alumnado. Cada unha das secuencias ten un glosario cun mínimo de 50 palabras. (feito no propio eXeLearning con efecto FX: «liña de tempo»).

 

 

3. Proposta de actividades colaborativas ou cooperativas (en función do obxectivo que persigamos): non necesariamente dixitais (no propio eXeLearning e acompañado dunha rúbrica maquetada en Genially e exportada como imaxe).

 

 

4. Webquest completa sobre a conmemoración (feita en eXeLearning).

 

 

5. Ampliación: propostas de traballo con dispositivos móbiles ou emprego de ferramentas e técnicas de metodoloxías emerxentes.

Teñen cabida igualmente propostas de ludificación (feitas con Brincaletras, Genially, Canva...).

 

 

 

6. Recompilación e clasificación doutros materiais dixitais con licenza libre para traballar esta conmemoración, prestándolles especial atención aos publicados no repositorio de contidos do espazo Abalar. Cando remate o proceso de actualización deste repositorio, haberá que actualizar algunha destas ligazóns. Están eliminadas xa as que foran creadas con tecnoloxía hoxe en día obsoleta como Flash Player ou Applets de Java (feito en eXeLearning).

 

 

7. Avaliación da secuencia didáctica: inclúe criterios de avaliación, instrumentos e rúbricas creadas ad hoc (creado coa axuda de Rubistar e maquetado en Genially).

 

 

8. Documentos: integrei na secuencia a seguinte documentación: a guía didáctica, o manual de uso, os documentos técnicos en galego e castelán e un documento citando a multimedia empregada.

 

 

 

Contidos traballados en cada secuencia

SD1: Día Escolar da non Violencia e da Paz (30 da xaneiro)

Persoeiros destacados: Mahatma Gandhi, Martin Luther King, Rosa Parks, Nelson Mandela, Dalai Lama, John Lennon. Símbolos da paz: pomba, símbolo CDN, movemento hippie, grúas de origami, mans brancas...

SD2: Día Mundial dos Dereitos do Consumidor (15 de marzo)

Concepto de consumo. Técnicas de márketing, dereitos do consumidor. A tenda de Brais (traballar con diñeiro e pesas).

SD3: Día Mundial da Saúde (7 de abril)

Orixe e conceptos. Campañas destacadas da OMS. Campañas de saúde pública. Hábitos de aseo e hixiene.

SD4: A Semana das Letras Galegas (semana arredor do 17 de maio)

Orixe e significado. Historia da lingua galega. Persoeiros destacados. Romance da lingua galega.

SD5: A Semana da Prensa (segunda semana de marzo)

Orixe e significado. Xéneros xornalísticos. As fake news. Prensa escrita.

SD6: O Día Mundial do Medio ambiente (5 de xuño)

Biodiversidade en Galicia. Especies ameazadas. Especies exóticas invasoras. A reciclaxe. Xogo final.

SD7: A Semana da Constitución e do Estatuto de Autonomía de Galicia (primeira semana de decembro)

Constitución: Antecedentes. A Constitución de 1978. Símbolos de España. Dereitos e deberes. Estatuto de Autonomía de Galicia. Competencias. Símbolos de Galicia.

 

Metodoloxía

As secuencias didácticas que forman parte deste proxecto teñen un carácter claramente interdisciplinario, aínda que pivotan sobre o currículo de Ciencias da Natureza, Ciencias Sociais, Valores Sociais e Cívicos e Lingua e Literatura Galegas, principalmente.

A idea é traballar algún dos apartados destas secuencias cada curso tendo en conta o nivel do alumnado. Facelo na súa totalidade nun mesmo curso sería excesivo, a non ser as secuencias dedicadas a unha temática de xeito semanal.
As secuencias seguen as directrices do DUA (deseño universal da
aprendizaxe), relacionado de forma directa cos recursos de aprendizaxe en aberto (REA) e que implica a accesibilidade universal á educación.

Á hora de utilizar estas secuencias, debemos integrar diferentes formas de presentación dos temas e responder a distintas motivacións, estilos de aprendizaxe ou intelixencias. Ademais, hai que facelo por medio de metodoloxías variadas. Neste proceso, creei uns contidos universais, tanto en relación coa forma como co material obxecto de estudo.
Establecín un obxectivo pensando en todo o estudantado, valorando que materiais, recursos e métodos poderán servir para a nosa finalidade integradora, realizando unha avaliación previa de carácter diagnóstico e unha avaliación final, unha vez implementada a lección na aula.
Nos cadernos de traballo das secuencias incluín igualmente textos con pictogramas para nenos con trastornos do espectro autista.

A lingua das secuencias e dos ODE independentes é o galego, segundo dispón o Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Estratexias de atención á diversidade

O emprego de metodoloxías activas de aprendizaxe facilita a integración do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo mediante agrupamentos heteroxéneos e a valoración da diferenza. A temática que se trata facilita este tipo de traballo, onde a curiosidade e observación serán calidades moi valoradas.

As diferentes secuencias seguen as directrices do DUA (deseño universal da aprendizaxe) relacionado de forma directa cos recursos de aprendizaxe en aberto (REA) e que implica a accesibilidade universal á educación.

No deseño universal de aprendizaxe diferenciamos tres áreas fundamentais: a representación, a motivación e a acción e expresión.

– A representación fai referencia ao contido e aos coñecementos: «que aprender». Ofreceranse distintas opcións para o acceso ao contido, tanto no ámbito perceptivo coma no comprensivo.

– A motivación implica compromiso e cooperación, supón involucrarse: «por que aprender». Proveranse diferentes formas de contribuír ao interese do estudantado, tanto para captalo coma para mantelo, promovendo a súa autonomía e a súa capacidade de autorregulación.

– A acción e a expresión responden a «como aprender». Neste caso, outorgándolle todo o protagonismo ao alumnado, mediante o emprego de metodoloxías activas.

Á hora de deseñar este proxecto, integrei diferentes formas de presentación dos temas ofrecendo opcións diferenciadas e dando resposta a distintas motivacións, estilos de aprendizaxe ou intelixencias. Ademais, hai que facelo por medio de metodoloxías variadas. Neste proceso creei uns contidos universais, tanto en relación coa forma coma co material obxecto de estudo.

Traballei cada obxectivo pensando en todo o estudantado, valorando que materiais, recursos e métodos poderán servir para a nosa finalidade integradora.

Todas as secuencias contan, igualmente, con textos con pictogramas para nenos con trastornos do espectro autista, pero tamén para aqueles aos que lles custe sintetizar unha idea, ofrecendo, polo tanto, «ideas clave» que poden serlles de axuda.

Así mesmo, nos ODE creados con EdiLIM (en formato HTML5+Javascript+css) configurei todas as posibilidades de accesibilidade que a ferramenta de autor me permite, como son texto alternativo en todas as imaxes e vídeos para os nenos con discapacidade visual que utilicen lectores de pantalla como JAWS ou NVDA, skins con maior contraste para os botóns do libro, son naquelas páxinas que poidan precisalo para que o alumno poida acceder a cada un dos contidos en diferentes formatos (visual, auditivo…), poñendo texto alternativo avisando das páxinas que se abran nunha nova ventá…

 

 

Avaliación

Realizaremos o proceso avaliativo en tres momentos:

- Unha avaliación inicial ou diagnóstica cando iniciemos a aplicación de cada secuencia didáctica onde os docentes e o propio alumnado deberemos determinar o grao de coñecementos sobre o tema co que contamos previamente, prexuízos, falsas crenzas…

- Avaliación continua de carácter formativo durante as sesións precisas, na que revisaremos como evoluciona o traballo, se se cumpren os obxectivos ou deben ser revisados ou rectificados.

- Unha avaliación final ao remate da secuencia didáctica, a partir da cal extraeremos conclusións prácticas de cara a posteriores temáticas para traballar.

Atenderemos especialmente os seguintes criterios na avaliación:

 • Grao de coñecemento acadado por parte do alumnado nos temas traballados.

 • Grao de implicación do alumnado nas tarefas propostas (tanto individuais coma grupais).

 • Incidencia do uso das TIC e das TAC na práctica docente.

 • Atención aos intereses e motivacións do alumnado.

Instrumentos de avaliación: aínda que os propios recursos presenten páxinas con actividades interactivas con autoavaliación e teñamos a posibilidade de rexistrar todos estes resultados se integramos as secuencias nunha aula virtual, estes informes non deberían ser utilizados nunca como instrumento de avaliación e si como un reforzo e estímulo para o alumnado. Recomendo outro tipo de instrumentos como son a realización de rúbricas nas que cada alumno ou grupo valore o seu progreso ao longo de toda a actividade e incluso a avaliación entre pares.

 

Aplicación na aula

En cada unha das secuencias didácticas poderemos navegar e acceder aos diferentes contidos. Están perfectamente empaquetados en zip, en scorm 1.2 e catalogados en LOM-ES. Así, poderemos integralas na nosa aula virtual (por exemplo no LMS Moodle), no noso blog de aula, nun CMS como Drupal, no servidor de centro dunha aula Abalar… ou executalos directamente en local mediante o correspondente arquivo index.html.

Se alguén quixese, podería utilizar só partes da secuencia para organizar novos contidos e facer obra derivada.

Polo tanto, cada docente poderá integrar este recurso no seu esquema de clase.

Inclúo, ademais, en cada secuencia didáctica propostas para poder traballar cada contido mediante metodoloxías activas de aprendizaxe (aprendizaxe baseada en proxectos, en retos, clase invertida ou flipped classroom, design thinking, gamificación, escape game…). O importante é que o alumnado sexa o protagonista da súa propia aprendizaxe e que os recursos que lle presentamos, á fin e ao cabo, sexan tan só unha escusa, un punto de partida ou un catalizador desta actividade.

En todas as secuencias inclúo igualmente unha webquest para desenvolver estratexias de investigación utilizando a Rede.

As catro primeiras secuencias levan xa dous anos no repositorio de contidos do espazo Abalar. As tres últimas son de publicación recente, pero puideron visualizarse desde un servidor propio que intento promover nos días próximos a cada conmemoración. Tamén teño feedback co meu grupo de alumnado e de compañeiros e compañeiras. En xeral, os resultados son moi satisfactorios. Son máis utilizados os apartados con contidos interactivos ou de ludificación tipo escape room, Trivial, Brincaletras... As propostas de traballo colaborativo e cooperativo, ao estaren deseñadas para varias sesións, teñen menor acollida aínda que si son valoradas.

Por último, os cadernos de traballo son do máis empregado, pero non en todas as temáticas por igual e depende do nivel educativo. Por exemplo, en primaria son moi empregados os cadernos do Día Mundial do Consumo, do Medio Ambiente ou do Día da Paz, pero non tanto os da Constitución e do Estatuto de Autonomía, por exemplo.

 

Conclusión

Visto con perspectiva, as secuencias realizadas son útiles e atractivas, pero o proxecto non está rematado por completo, pois hai conmemoracións que se repiten ano tras ano que non están traballadas. De continualo nun futuro, penso que se debería manter e estrutura para darlle unidade, aínda que os cadernos de traballo poderían ser de menos páxinas e, tocante ás propostas de traballo, procurar que sexan de menos sesións.

Algunha das secuencias é de actualización permanente pois, por exemplo, o persoeiro ao que se lle dedica o Día das Letras cambia cada ano ou a temática traballada no Día Mundial da Saúde.

Outro aspecto que hai que mellorar é o de incluír audio nas páxinas do caderno e tamén poderiamos crear algunha imaxe con intelixencia artificial (a partir de motores tipo DALL-E), xa que usando só repositorios de imaxes libres tiven verdadeiros problemas con algunha das temáticas.