Espazos educativos alén da aula tradicional

Presentación da Guía para a diversificación de espazos educativos na ESO desde unha perspectiva inclusiva, igualitaria e interdisciplinaria, elaborada durante unha licenza por formación no curso 2021/22
Este recurso, presentado en formato de aula virtual, pretende ofrecer ferramentas, consignas e claves que guíen o profesorado de educación secundaria na procura de novas perspectivas que excedan a aula como habitáculo para poder desenvolver o inminente modelo competencial, propiciando a introdución de perspectivas inclusivas e igualitarias a través de proxectos de traballo interdisciplinarios que sexan quen de derrubar os actuais muros.

Rosa María González Iglesias. Licenciada en Psicopedagoxía
Mestra, especialidade de Educación Especial: Pedagoxía Terapéutica
IES Manuel Murguía. Arteixo (A Coruña)
r.g.iglesias@edu.xunta.gal
Elisa Moreira García. Arquitecta
Profesora de ensino secundario, especialidade de Tecnoloxía
IES Saturnino Montojo. Ferrol (A Coruña)
elisa.moreira@edu.xunta.gal

 

 

Por que nace esta guía?

A elaboración desta guía non é casual nin anecdótica, naceu de xeito natural, a pé de clase, ao abeiro da aula de ensino medio, partindo da observación do alumnado, do seu estilo de aprendizaxe, dos seus intereses e motivacións, da reflexión sobre as relacións que se establecen con e entre elas e eles, así como entre nós como docentes. Das leccións, do espazo físico onde se imparten e de como se imparten. Do rendemento, dos resultados que acadan, de como os acadan, da avaliación, da autoavaliación… De pensar que algo non encaixa, que o ensino é outra cousa, que somos doutra época, que o ensino non evolucionou á par da sociedade, que enchemos mentes de información e que comerciamos con contidos. Semella que dispensamos saberes compartimentados en cadansúa materia; que somos dispensadores de cultura, pero só dunha parte da cultura, pois hai un nesgo importante, non hai sitio para todo, todo non cabe na aula.

A esta reflexión engádese que, a pesar de que xa hai anos que se fala de novos espazos educativos ou de escenarios de aprendizaxe, a pandemia forzounos a unha completa transformación deses lugares. Esta obrigación, xunto coa aparición de termos como ensino mixto, distanciamento social etc., amosounos a pertinencia de novos enfoques e perspectivas no relativo aos escenarios de aprendizaxe. Por unha banda, afloraron novas posibilidades e, por outra, reflectiuse a fortaleza e a necesidade de diversas opcións ás que tivemos que renunciar dada a excepcionalidade do contexto no que nos atopabamos e a debilidade de tantas outras que tomabamos como hexemónicas. Así mesmo, tamén amosou a potencialidade das TIC e a grande importancia da igualdade, a interdisciplinariedade e a inclusión como eixes vertebradores da educación.

Esta guía é o resultado da inquedanza de dúas docentes que perciben a necesidade dun cambio que xa é inminente, mais por onde empezar? A resposta a esta pregunta foi a clave: empezo por min. O cambio comeza en min.

«O simple movemento das ás dunha bolboreta pódese sentir no outro lado do mundo». Este proverbio chinés foi empregado polo matemático e meteorólogo Edward Lorenz para explicar a teoría do caos, segundo a cal un pequeno cambio pode provocar un efecto considerable e imprevisible. Con esta cita, introducimos o terceiro bloque temático da guía, «A competencia global». Conscientes da interconexión entre o local e o global, os problemas da nosa sociedade son os problemas da comunidade global. Así foi como decidimos mergullarnos nos arquivos das altas institucións europeas como a UNESCO e o Consello da UE na procura de perspectivas e referentes que nos axudasen a dar os primeiros pasos. Aprendemos que non existen receitas máxicas, senón recomendacións, obxectivos e metas que acadar que precisan a colaboración, a implicación e o impulso dos estados membros da UE. Así, debemos ser conscientes de que, do mesmo xeito que as nosas sociedades están a cambiar cara a un novo modelo, os sistemas educativos deben mudar buscando enfoques que lle permitan ao alumnado desenvolver aquelas competencias que lle permitan vivir nun mundo complexo como o actual.

Recomendacións e obxectivos da UE e das Nacións Unidas

 

A orixinalidade desta proposta reside no desenvolvemento dun recurso dixital que permite orientar a xestión dos espazos do centro co fin de dotar o labor docente dunha ferramenta relevante para a xestión da convivencia educativa. Ademais, debe terse en conta que a aposta pola creación duns espazos máis abertos, máis flexibles, máis sostibles, en definitiva, que permitan a eliminación de todo tipo de barreiras físicas e pedagóxicas supón tamén apostar pola inclusión e a igualdade desde unha perspectiva de xénero. Pero debemos saber que estas transformacións, que pretenden fomentar a escola aberta, deben ir acompañadas de mudanzas no propio proceso de ensino-aprendizaxe que lles dean sentido a esas transformacións físicas e as propicien. É aquí onde este recurso cobra sentido e pretende potenciar a construción desa nova visión.

 

Cales son os obxectivos desta guía?

Este recurso aspira a ofrecer ferramentas, consignas e claves que guíen o profesorado dos centros de educación secundaria na procura de novas perspectivas que excedan a aula como habitáculo para poder desenvolver o inminente modelo competencial fronte á división tradicional en materias. Pretende deseñar novos escenarios de aprendizaxe no centro, nas inmediacións e na contorna que propicien a introdución de perspectivas inclusivas e igualitarias a través de proxectos de traballo interdisciplinarios que sexan quen de derrubar os actuais muros opresores de espazos limitados e compartimentados.

Así, mediante esta guía, pretendemos:

  • Impulsar o proceso de transformación do modelo educativo tradicional ao novo modelo competencial.
  • Proporcionarlle ao profesorado unha perspectiva real e operativa de traballo interdisciplinario baseado nas competencias.
  • Establecer mecanismos que favorezan o achegamento do alumnado ao mundo que o rodea.
  • Realizar un estudo das posibilidades que ofrece o centro e a contorna de cara a unha diversificación de espazos de ensino-aprendizaxe.
  • Introducir perspectivas coeducativas no deseño e desenvolvemento de espazos de aprendizaxe.
  • Deseñar accións inclusivas arredor de proxectos de traballo que fomenten as relacións interpersoais e a interacción coa contorna.

 

Cal é a finalidade?

A finalidade desta guía é iniciar o camiño do cambio ao modelo competencial, un inicio concibido como o primeiro chanzo da nosa propia formación (O cambio comeza en min). Porque non hai cambio sen formación. Esta guía supón, ante todo, o compromiso e o esforzo que debemos asumir coa nosa propia formación docente para afrontar novas perspectivas educativas, actuacións, interaccións, espazos, recursos e metodoloxías. Veñen profundas transformacións e queremos estar á altura, alimentar máis, se cabe, a nosa vocación de servizo e a nosa capacidade de adaptación ás novas esixencias educativas e sociais para non defraudar o noso alumnado. O fin último é artellar as claves que nos impulsen a garantir e preservar o dereito do alumnado a unha educación en igualdade de oportunidades para todas e todos.

A través da guía aspiramos a conectar con outros centros e con outros e outras docentes, buscar a súa implicación divulgando a viabilidade das accións que propoñemos, que propoñen as altas instancias europeas e o noso sistema educativo asume e alenta, para que non quede nun caixón pechado, para que transcenda. Demostrar que non é imposible e animar a dar os primeiros pasos para o cambio, compartindo experiencias e creando redes. Asumir que somos equipo e que camiñamos na mesma dirección.

 

A quen vai dirixida e como empregar esta guía?

Cómpre aclarar que non estamos ante un recurso ao uso, para ser empregado dentro dunha única materia ou cun grupo específico de alumnado. A pesar de que o seu título fai referencia á educación secundaria obrigatoria, en canto se afonda no contido da guía, observarase que pode ser extensible a calquera etapa. O seu propósito é servir a toda a comunidade educativa para promover o cambio e a escala dese cambio, as persoas implicadas, o seu alcance… deberán ser adaptados a cada contorna.

Considerouse interesante facer referencia á educación secundaria, xa que o espazo no que se desenvolve o proceso de ensino e aprendizaxe poida que sexa o grande esquecido nesa etapa. Proponse, como posible camiño para seguir, que sexan os departamentos de orientación os que poidan facer de ponte entre os diferentes axentes implicados, para poder traballar dun xeito interdisciplinario e transversal. A idea da pedagoxía como eixe vertebrador, como a especialidade capaz de cohesionar as diferentes materias por ser o ingrediente común a todas e que concibimos como óptimo impulsor das novas propostas. Isto non quere dicir que non sexa posible iniciar o cambio proposto nesta guía desde calquera outro departamento, persoa ou grupo; toda a comunidade educativa ten cabida no proxecto proposto e non só é posible que sexa así, senón que é totalmente aconsellable, xa que será a forma máis pertinente para que o cambio sexa significativo.

Verdadeiramente, non existen solucións únicas nin receitas infalibles, polo que dificilmente poderán atoparse nesta guía. Esta amosa diferentes camiños que tomar, achega experiencias previas, facilita material e recursos para a posta en práctica e, sobre todo, invita a desenvolver un proceso completo de investigación-acción.

Polo tanto, este recurso debe empregarse como o que é, unha guía, non un receitario ou expositor de solucións infalibles. Nese sentido, axudará a atopar o posible camiño que se seguirá; dotando de ferramentas, coñecementos ou recursos que permitan ir alén dos espazos prefixados da aula tradicional.

 

Como se presenta e que contén esta guía?

Co espírito de facela accesible a toda a comunidade educativa e de fácil implementación, a guía preséntase en formato de aula virtual de Moodle para poder ser incorporada de xeito sinxelo ás contornas dixitais dos centros educativos. Así, disponse cunha configuración que resultará familiar; polo que será facilmente accesible, visual, intuitiva e permitirá unha ampla adaptación e personalización.

O recurso estrutúrase en sete grandes bloques e cada un deles constitúe un tema da aula virtual. Cómpre sinalar que todo o contido se atopa debidamente documentado a través de fontes e recursos dixitais aos que o usuario pode acceder de xeito inmediato a golpe de clic a medida que avanza polos diferentes bloques. Ademais, cada bloque temático dispón, ao remate, dunha relación de fontes bibliográficas e dixitais de interese, relacionadas co contido exposto. Para facilitar o achegamento a cada unha das temáticas, cada bloque estará estruturado en catro apartados:

 

Apartados nos que se estruturan os bloques da guía

 

Como xa se comentou anteriormente, esta guía pretende achegarse a todo o conxunto da comunidade educativa, partindo do profesorado, dun xeito interdisciplinario, e quere ser unha proposta o máis transversal posible, non dedicada a unha única materia ou especialidade. Polo tanto, non se presenta unha enumeración de contidos ou estándares curriculares ao uso, senón un abano das diferentes oportunidades que abre cada un dos apartados.

Ofrécelles ás usuarias e usuarios a posibilidade de reflexionar e autoavaliar as súas propias ideas, coñecementos ou experiencias dun xeito fácil e intuitivo. Para tal fin, deseñáronse un número considerable de recursos propios da aula virtual, como páxinas, leccións, vídeos ou H5P, que lle permiten ao usuario ou usuaria a interacción, retroalimentación e simbiose coas ideas e conceptos expostos.

Xa entrando na estrutura dos bloques nos que se divide o recurso, os tres primeiros servirán como base ou sustento para a concreción dos seguintes e son fundamentais para establecer un clima favorable a novos enfoques.

Bloques que conforman a guía

 

O primeiro deles, «Introdución», fai unha composición de lugar previa que permite ver en que se basea a guía e cara a onde se dirixe. Foi creado para ser xerme da motivación e do interese, partindo dunha toma de conciencia sobre a situación actual.

O segundo bloque, «Metodoloxías», presenta de xeito práctico e contextualizado algúns dos enfoques metodolóxicos que poden axudar á diversificación dos espazos educativos e ao proceso de transformación do modelo educativo tradicional ao novo modelo competencial. O profesorado debe estar preparado para encarar decisións relativas a que sistema metodolóxico deberá aplicar co fin de desenvolver as competencias clave do alumnado. Hai unha nova forma de aprender (perfil competencial do alumnado) e, xa que logo, unha nova forma de ensinar: novas competencias docentes, polo que o perfil docente tamén cambia.

No referente ao bloque de «Competencia global», trabállanse aspectos como a interculturalidade, a comprensión e apreciación de distintos puntos de vista e o desenvolvemento dunha interacción respectuosa cos demais. É un apartado que permite establecer aqueles mecanismos que favorecen o achegamento do alumnado ao mundo que o rodea. Propoñemos, así, diferentes posibilidades de impartir a educación para a cidadanía mundial nas nosas aulas a través de contornas globais de aprendizaxe, interconectando o noso alumnado e profesorado con outros países, outros sistemas educativos, outras culturas e outras realidades, fomentando actitudes e valores relativos á inclusión, á igualdade e ao desenvolvemento sostible. Nesta liña, a igualdade entre mulleres e homes preséntase como un dos valores centrais da UE, polo que recollemos, ademais, o impulso da Estratexia europea para a igualdade de xénero 2020-2025 que asume o compromiso de introducir a perspectiva de xénero desde os diferentes ámbitos de actuación. É necesario e está nas nosas mans asumir ese compromiso desde a escola, contribuíndo, desde a perspectiva local, aos grandes obxectivos de desenvolvemento sostible no ámbito global. A escola fai parte e contribúe, xa que logo, a solucións globais para un mundo máis tolerante e máis xusto.

Unha vez establecido o punto de partida e as bases precisas a través destes primeiros bloques, nos seguintes achéganse catro mecanismos, contextos ou realidades que fomentan a transformación perseguida neste recurso.

O cuarto bloque, «Apropiación de espazos. Rompendo os límites da aula», traballa a inclusión e o respecto pola diversidade na ocupación do espazo, achegando ferramentas que permiten introducir cambios para lograr espazos amables e acolledores para o alumnado, buscando romper os límites da aula como contedor único de aprendizaxes e saberes. Porque, para desenvolver competencias precísase traballar capacidades de pensamento crítico, de traballo en equipo, de resolución de problemas, de comunicación e negociación, de análise, de interculturalidade e de creatividade. Aí radica a importancia de repensar e diversificar espazos que propician a construción de novas situacións de aprendizaxe. Por iso, neste bloque analizamos polo miúdo a importancia do deseño de contornas de aprendizaxe desde unha perspectiva non só funcional, senón tamén, e sobre todo, multisensorial e emocional que potencie as capacidades do alumnado.

O quinto bloque, «Enfoque STEAM. Rompendo a fenda de xénero», aplica a perspectiva de xénero ao ámbito STEAM, intentando ir máis alá da recorrente visión de procurar só as vocacións científico-tecnolóxicas. Así, visibilízase a importancia do enfoque STEAM na aproximación do alumnado á resolución de problemas da vida real, pero tamén poñendo en relación o campo de acción das tecnoloxías e as ciencias coa vida cotiá na procura de solucións que incidan na calidade de vida e no benestar. Neste bloque achegamos algunhas estratexias e propostas que poden contribuír a reverter a fenda de xénero neste ámbito. Analizamos recursos e ferramentas que nos permitan a introdución da perspectiva de xénero desde o ámbito educativo, eliminando estereotipos e detectando comportamentos sexistas no día a día das aulas.

Certamente, a introdución da perspectiva de xénero é un aspecto que abordamos, non só no enfoque STEAM, senón en todos os bloques temáticos, asumindo o compromiso cos obxectivos de desenvolvemento sostible de igualdade e inclusión.

«Polos creativos. Cocreación e solución conxunta de problemas» é un bloque que centra a súa atención nas estratexias metodolóxicas para canalizar o traballo creativo do alumnado e as estratexias de expresión artística, tecnolóxica e de resolución de problemas reais, nun contexto de traballo cooperativo onde o obxectivo é a construción dun proxecto compartido e inclusivo. As competencias para o século XXI só se poden concibir inmersas en escenarios do século XXI. A aula tradicional forma parte do pasado. Na actualidade cómpre comezar a pensar en espazos de ensino e aprendizaxe onde converxen tres piares fundamentais: espazo, tecnoloxía e pedagoxía. Fernández Enguita (2018) fala de «hiperaulas», espazos acolledores e multifuncionais onde «aprender» pode identificarse co «interese» e o «benestar». Na mesma liña, Aula do Futuro é un proxecto europeo que, malia poder parecer ciencia ficción, representa unha realidade que pouco a pouco se vai introducindo en cada vez máis centros educativos da nosa comunidade. Na guía incluímos propostas para a súa posta en marcha e analizamos, de xeito pormenorizado, unha das claves para o bo funcionamento destes espazos innovadores: a colaboración docente.

Por último, o sétimo bloque, «Patios igualitarios», permite traballar a xestión do patio co fin de convertelo nun verdadeiro espazo educativo onde todo o alumnado poida canalizar as súas habilidades, intereses e expectativas dentro dun marco de convivencia que respecte a diversidade da comunidade. Certo é que a miúdo tendemos a desatender pedagoxicamente tempos e espazos de lecer a prol da espontaneidade ou improvisación do alumnado e non nos decatamos de que, como sinalan diferentes estudos, esa inacción está impedindo e limitando a igualdade de oportunidades no uso dos espazos dos nosos alumnos e alumnas.

Así, neste apartado, poden atoparse ferramentas para detectar e analizar aquelas barreiras que impiden a distribución equitativa e igualitaria destes espazos que son de especial relevancia para a socialización e a aprendizaxe. Deste xeito, incidimos na importancia da diagnose de desigualdades de xénero no uso e na ocupación do patio a través dun proceso no que participa toda a comunidade educativa coa finalidade de transformar os nosos patios en espazos igualitarios e inclusivos.

 

Que enfoque metodolóxico presenta esta guía?

A construción dun novo enfoque metodolóxico é un dos xermes e principios deste recurso. De feito, un dos primeiros bloques desta guía está integramente dedicado a el e estará presente de xeito constante nos restantes apartados.

Desde un primeiro momento, considérase fundamental conseguir construír e desenvolver enfoques metodolóxicos que favorezan a adquisición das competencias clave. Deste xeito, explóranse aqueles que poidan axudar á diversificación dos espazos educativos e ao proceso de transformación desde un modelo educativo tradicional ao novo modelo competencial. Nesta guía poden atoparse referencias á aprendizaxe baseada en proxectos (ABP), á clase invertida, á gamificación ou ao ensino mixto; pero, sobre todo, insístese en todo momento na busca e aplicación dun sistema metodolóxico contextualizado e adaptado ao alumnado que permita o desenvolvemento competencial, é dicir, que permita poñer en práctica as diferentes competencias clave.

No referente á propia metodoloxía de aplicación e posta en práctica do proposto nesta guía, establécense os diferentes pasos para poder construír un cambio significativo a través dun modelo de investigación-acción:

Metodoloxía de aplicación

 

Como se propón a avaliación nesta guía?

Tal e como se vén comentando nos anteriores apartados, no que respecta ao proceso de avaliación, esta guía intenta marcar unhas pautas xerais que promovan e axuden a acadar unha transformación efectiva e que poidan ser adaptadas a cada contexto particular.

O punto de partida é destacar que o desenvolvemento didáctico da avaliación require dun deseño previo, xa que esta debe participar de todo o que acontece nos procesos de ensino aprendizaxe e desa sintonía dependerán significativamente os resultados de toda acción didáctica.

Se o que se pretende é a impulsión do cambio desde un modelo educativo tradicional cara ao novo modelo competencial, evidentemente, a avaliación de competencias deberá ser a base fundamental para o cambio de paradigma. Polo tanto, deberán propoñerse procesos de ensino-aprendizaxe que mesturen contidos, habilidades, actitudes, valores e estratexias de aprendizaxe, é dicir, que traballen os diferentes elementos que conforman as competencias.

Tendo isto en conta, nesta guía achéganse pautas para a avaliación do alumnado, do profesorado e da propia proposta educativa que promove este recurso, como proceso de investigación-acción que é. Destácase a importancia, en cada unha destas vertentes, da avaliación inicial, dos criterios de selección dos procedementos e instrumentos de avaliación, así como dos procesos de autoavaliación, heteroavaliación e coavaliación, e de como deben involucrarse todas as partes. Ademais, inclúense recursos como cuestionarios, modelos de análise ou técnicas observacionais que poderán ser adaptados a cada contexto.

 

Algunhas experiencias propias

Como comentamos inicialmente, este recurso naceu das nosas inquedanzas e experiencias, do noso labor como docentes en centros de educación secundaria, pero tamén como psicopedagoga e arquitecta. Ademais, reflicte a nosa inquedanza e desexo de colocar o alumnado como protagonista do proceso de ensino-aprendizaxe porque o modelo tradicional non chega a todos e todas, afástanos da plena inclusión e da igualdade de oportunidades. Non se trata unicamente dun intento de seguir ás cegas as recomendacións que organismos nacionais e internacionais fan, senón de, ao mesmo tempo, dar resposta e reflectir o noso quefacer diario.

O camiño emprendido na ruptura dos límites da aula tradicional vén dándonos incontables satisfaccións. Facilitarlle ao alumnado experiencias significativas, en contacto coa súa contorna, pensando no seu desenvolvemento competencial e con metodoloxías novas amosou bos resultados tanto no aumento da motivación do alumnado, do seu rendemento e autoestima, como na mellora do clima do grupo, da inclusión ou da coeducación real e efectiva.

A creación ou participación en moitos dos proxectos e experiencias que se abordan como exemplos na guía (espazos maker ou polos creativos, apropiación doutros espazos, cocreación, enfoque STEAM, talentos inclusivos…) resultaron enormemente transformadores para o noso alumnado, que mesmo anos despois de remataren os seus estudos nos nosos centros segue a recordar e agradecer o aprendido neles e resaltan a enorme axuda que aínda supoñen para o seu desenvolvemento en estudos superiores ou no seu día a día, é dicir, para continuar cunha aprendizaxe ao longo da vida. Con todo, estas experiencias non foron unicamente transformadoras para o alumnado, senón que tamén supuxeron un enorme cambio e aprendizaxe para o profesorado, para os centros onde tiveron lugar e para o conxunto da comunidade educativa e a contorna participante nelas.

Hai que destacar que este camiño é unha andaina continua que vai cumprindo metas, conseguindo transformacións e que vai mudando e crecendo ao longo do tempo. Non pensemos en grandes recursos nin en organizacións imposibles con ratios inalcanzables. Pensemos en pequenos cambios que poden estar ao noso alcance, na redistribución do espazo e do tempo e dos recursos dos que dispoñemos. E, ante todo, empecemos polo ensino colaborativo, pola necesaria e ineludible colaboración docente. Non ten que ter unha escala ou alcance definidos e homoxéneos, senón que o importante é comezar dando pequenos pasos, ser o xerme do cambio.

 

A modo de conclusión

Desde o primeiro momento no que nos lanzamos á aventura de crear este recurso, albergamos a esperanza de que poida ser de axuda para aquelas comunidades educativas decididas a emprender un cambio real e efectivo e que sentisen, coma nós nalgún momento, que a ensinanza compartimentada en cubículos estándares e homoxéneos deixaba de ter sentido.

Esperamos que poida servir de impulso e, sobre todo, que transmita a confianza necesaria para emprender un cambio transformador como ao que se enfronta o ensino na actualidade.

Así mesmo, desexamos que fósemos capaces de transmitir nesta guía a ilusión e a motivación que nos levaron a elaborala. E animamos, tras as nosas experiencias pasadas e presentes, a emprender o cambio, por pequeno que pareza, porque pode ser completamente transformador.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Asemblea Xeral das Nacións Unidas (2015). Transformar o noso mundo: a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible.

Comisión Europea (2020). Estratexia europea para a igualdade de xénero 2020-2025. Recuperado de https://ec.europa.eu/info/policies/justice-and-fundamental-rights/gender-equality/gender-equality-strategy_es

Consello da Unión Europea (2018). Recomendacións do Consello da UE de 22 de maio de 2018 relativas ás competencias clave para a aprendizaxe permanente. Recuperado de https://eur-lex.europa.eu/legal-content/ES/TXT/PDF/?uri=CELEX:32018H0604(01)&from=SV

Fernández Enguita, M. (2018). Más escuela y menos aula. Madrid (España): Ediciones Morata.

González, R. M. e Moreira, E. (2021). Guía para a diversificación de espazos educativos na ESO dende unha perspectiva inclusiva, igualitaria e interdisciplinaria. Recuperado de https://www.edu.xunta.gal/centros/cafi/aulavirtual/course/view.php?id=3051

Instituto Nacional de Tecnoloxías Educativas e de Formación do Profesorado (INTEF): Proxecto Aula do Futuro. Recuperado de https://auladelfuturo.intef.es/que-es-el-aula-del-futuro/