Ler entre reixas

Neste artigo relátase a experiencia da EPAPU Nelson Mandela, integrada no Centro Penal da Lama, co club de lectura que se leva a cabo cos internos e internas. Aquí poderedes coñecer o funcionamento, así como o que buscamos conseguir poñendo en marcha esta iniciativa neste contexto.

Judit Ucha García
EPAPU Nelson Mandela (A Lama-Pontevedra)
juditucha@edu.xunta.gal

 

 

A EPAPU Nelson Mandela encóntrase no Centro Penal da Lama (Pontevedra) e imparte formación nas seguintes modalidades educativas: español para estranxeiros, ensinanzas básicas iniciais, educación secundaria para adultos e bacharelato. Este alumnado é maioritariamente masculino e heteroxéneo, xa que procede de máis de cincuenta nacionalidades diferentes e ten unha formación académica moi dispar. Ademais, hai que ter en conta que o 25 % destas persoas ten necesidades específicas de apoio educativo e incluso hai discentes diagnosticados de enfermidades mentais, entre outras.

Como podedes comprobar, estamos nun centro un pouco peculiar onde se mesturan o sistema penal, que busca o castigo e a disciplina, e o sistema educativo, que busca o desenvolvemento persoal e, especialmente neste contexto, a reinserción. Inda que mesturar estes dous aspectos parece algo complicado, é algo que o profesorado do noso centro está capacitado para superar e unha proba disto é a posta en marcha, un ano máis, do club de lectura da EPAPU Nelson Mandela

Tendo en conta todo isto, e grazas á Consellería de Educación, Cultura, Formación Profesional e Universidades, decidiuse seguir levándoo a cabo en busca deses obxectivos principais que ten a educación dos internos e internas dun centro penal, como son:

  • Conseguir a integración na sociedade de persoas en risco de exclusión social.
  • Promover novos coñecementos que melloren a súa inclusión social.
  • Xerar un clima de respecto e traballo.
  • Aumentar a autoestima e o autoconcepto.

 

 

Pero... que é un club de lectura? Para o noso centro é un grupo de persoas que len e fan reunións periódicas para comentar o lido. Pero non só iso, é un acto no que os sentimentos íntimos e persoais que nos transmite o libro, como pode ser o físico das personaxes, os lugares..., se completan coa percepción, igualmente persoal, doutro punto de vista doutra persoa ou incluso do autor ou autora.

Consideramos esta oportunidade unha posibilidade de aprender a través da lectura, de fomentar valores importantes para a súa volta á sociedade, de propiciar relacións positivas entre as e os internos e, sobre todo, mellorar a súa educación emocional, tan necesaria neste contexto de encerro. Non obstante, como pode axudar a lectura a conseguir isto?

A nosa proposta lectora partiu, sobre todo, dos intereses e motivacións do alumnado, buscando crear espazos de liberación e abstracción a través da educación literaria. A partir desta metodoloxía, establecéronse oito obxectivos fundamentais:

  • Educar desde a literatura. 
  • Fomentar o hábito lector. 
  • Apreciar a lingua, a literatura e a cultura de Galicia. 
  • Propiciar a reflexión e o debate. 
  • Favorecer actitudes de participación, convivencia, tolerancia, colaboración e respecto. 
  • Traballar as emocións. 
  • Debater sobre o papel das mulleres nas obras e como escritoras. 
  • Promover valores para a formación de cidadáns inclusivos.

O club de lectura foi unha proposta que se expuxo no claustro e do cal decidiron participar catro docentes. Despois disto, fixéronse varias reunións entre eses catro membros para decidir aspectos importantes sobre a xestión do club de lectura, como, por exemplo: 

  • Establecer un calendario. 
  • Establecer as posibles datas de reunión. 
  • Propoñer os libros e as editoriais que se queren presentar. 
  • Contactar coas editoriais. 
  • Preparar o material publicitario. 
  • Organizar os lugares de encontro.
  • Decidir o número mínimo e máximo de participantes.

Unha vez pactados todos estes puntos, fixéronse carteis que incluían a seguinte información sobre os libros elixidos para o primeiro trimestre: o autor ou autora,  o título e o xénero da obra, así como unha sinopse. Estes carteis colocáronse polo centro educativo e polos módulos onde se imparte docencia; e foise informando en todas as aulas das características do noso club. Tamén se promoveu esta iniciativa a través do Instagram da EPAPU. Así, neste primeiro trimestre contamos con catro obras: Golpes de Luz, de Ledicia Costas; La novia gitana, de Carmen Mola; Beleza vermella, de Arantxa Portabales; e Atranco no banco, de Núñez Singala.

 

 

Nos seguintes trimestres presentaranse outras catro obras entre as que o alumnado volverá ter que elixir en función dos seus gustos e a mediados de marzo volverase facer unha reunión. A última xuntanza, con outras catro propostas, realizarase previsiblemente a finais de maio e así finalizará, un ano máis, o noso club de lectura.

Grazas á variedade de xéneros coa que contamos neste primeiro trimestre, hai apuntadas case 70 persoas de todos os niveis educativos que imparte o centro e dos módulos onde se imparte docencia. Debemos ter en conta que están matriculadas na nosa escola arredor de 300 persoas, pero desas, 104 pertencen a ensinanzas básicas iniciais, o que implica persoas sen estudos básicos ou estranxeiras que non coñecen o idioma. Polo tanto, o 30 % das persoas con estudos básicos decidiu apuntarse ao noso club. A repercusión disto é que animamos a ler un grupo de xente, maiormente masculino, con necesidades educativas e que ten necesidade de evadirse da situación pola que está pasando. Tal e como expón Berrosqui Bocanegra (2018), a lectura é unha cura para a soidade. Cando o libro é interesante, atrae toda a nosa atención e a soidade desaparece.

Pola súa parte, Camarena (2021) recorda que a lectura non só lle dá información ao lector ou lectora e axuda ao seu desenvolvemento académico, senón que crea hábitos de análise, esforzo, reflexión, concentración..., ademais de entreter e distraer.

Co club de lectura perseguimos, a maiores, crear un espazo desde o que exteriorizar e tender pontes entre as persoas participantes, xa que o comentario das obras literarias contribúe a desvelar puntos de unión e distanciamento entre as persoas. A través disto melloraremos a súa educación emocional, validando e aceptando todas as opinións que se escoiten no noso club, vendo as cousas desde distintos puntos de vista e, aprendendo que, a pesar das diferenzas, todos e todas temos cousas en común.

Os libros xa foron repartidos e o alumnado estará lendo nestes días chuviosos, onde as actividades no centro penal se reducen, algunha desta obras elixidas por eles e elas para que, en decembro, se leve a cabo a primeira reunión co alumnado para realizar actividades como:

- Debates onde se fale de posibles propostas de mellora dos libros, se o título é acorde co texto, se cambiarían algo da portada...

- Postas en común para saber cales foros as partes que máis gustaron, as que menos, se cumpriu as expectativas, cales foron as emocións que sentiron ou se lle recomendarían o libro a outro lector ou lectora.

- Lecturas dramatizadas. Aproveitando a radio do centro penal e que unha das lecturas propostas é un teatro cómico en galego, realizaranse lecturas dramatizadas co grupo que elixiu Atranco no banco co fin de mellorar a súa expresión oral, pronuncia, espontaneidade, dicción, entoación, enfrontamento ao medo escénico...

- Proxección de vídeos relacionadas cos libros, sobre todo de La novia gitana, xa que se emitiu o primeiro capítulo da serie relacionada con esta novela negra. Ademais, esta foi unha das obras máis elixidas polo alumnado por diversos motivos: en primeiro lugar, polo interese que teñen eles sobre o tema do libro; en segundo lugar, polo furor que causou coñecer que Carmen Mola eran tres homes; en terceiro lugar, pola proximidade do libro á cultura xitana e; en cuarto lugar, porque existe a serie.

Ademais, grazas á Editorial Galaxia, poderemos ter con nós unha das autoras dos libros, Arantxa Portabales, que acompañará o alumnado que leu o seu libro en busca de resolver todas as dúbidas que teñan e transmitir o gusto pola lectura. O resto de autores e autoras que nos acompañarán decidirase nas próximas reunións do equipo do club de lectura, unha vez analizadas as propostas do alumnado e as recomendacións de mellora unha vez que se faga a primeira reunión con eles e elas.

O pracer de poder contar cunha autora axudará tamén a traballar aspectos relacionados co papel das mulleres na sociedade, a súa importancia e demais aspectos relacionados coa igualdade entre homes e mulleres. Ademais, poderán facerlle preguntas e reflexionar con ela sobre diversos aspectos da lectura cunha conversa en lingua galega que poderá mellorar o seu interese pola lingua e o respecto cara a ela.

Polo tanto, esta é a nosa intención ao longo deste curso: ir proporcionando a opción de elixir unha das catro obras propostas, a súa lectura individual nas súas horas libres e a realización do club de lectura coa visita dun autor ou autora.

Pola miña parte, e a dos meus compañeiros e compañeiras que participan no club de lectura, poñer en marcha esta iniciativa un ano máis supón un reto por seguir mellorando, por seguir crecendo e por seguir proporcionándolle  ao noso alumnado unha alternativa pedagóxica que o axude en todos os seus aspectos da vida. Non é un camiño fácil, xa que temos moita mobilidade de alumnado (novos ingresos, traslados, xente que se vai en liberdade...) e un alumnado que, no seu día a día fóra do cárcere, non collería un libro para gozar da lectura dunha boa obra. Así e todo, o noso alumnado é moi agradecido e xeralmente participa en todas as actividades que propoñemos desde o centro, incluso nesta que ten carácter voluntario, o que nos motiva a seguir facendo o esforzo para que esta iniciativa saia adiante da mellor forma posible. 

A maiores, o club de lectura cada ano é diferente e non só porque cambien os libros, se unan máis persoas ou alguén xa non siga, senón porque algúns dos nosos alumnos e alumnas teñen a posibilidade de volver participar e iso fai que toda esta experiencia se enriqueza máis a través da axuda, apoio e opinións desas persoas que xa foron «formadas» no noso club.

 

 

E para rematar, como di Carmen Álvarez-Álvarez (2016) nas conclusións da súa publicación:

Los clubs de lectura en España constituyen una práctica relevante cada vez en muchos más espacios, teniendo una proyección muy favorable en bibliotecas autonómicas y municipales, centros cívicos, residencias de ancianos, centros educa-tivos de niveles obligatorios y postobligatorios, empresas, cárceles, centros sociales y culturales, librerías, asociaciones, grupos de mujeres… En estos espacios pueden provocar un tiempo enriquecedor de encuentro, intercambio, socialización, debate y reflexión entre la ciudadanía que es muy interesante si tenemos en cuenta que en España los índices de lectura son muy inferiores a los deseables.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Álvarez Álvarez, C. (2016). Clubs de lectura: ¿Una práctica relevante hoy? Información, cultura y sociedad, 35, pp. 91-106.

Berrospi Bocanegra Sonia, C. M. M., Cóndor Bernal Melany, D. S. Y., & Vargas Rodríguez Karyn, V. C. C. (2018). Fases y beneficios de la lectura.

Camarena, M. J. H. (2021). El que no ha leído, no ha vivido: Beneficios de la lectura. Normalista Hoy, 3, pp. 4-4.

 

 

Sección: