Unha experiencia de inclusión educativa no CEIP Juana de Vega de A Coruña

Belén García Varela
belen.garcia.varela@edu.xunta.gal

 

Contexto educativo

A formación do profesorado na inclusión educativa de todo o alumnado é un dos eixes vertebradores do CEIP Juana de Vega. Desde hai tres cursos escolares o noso centro participa no Plan de Formación SEMGAL. O que pretende, mediante o traballo por proxectos, é a promoción do talento de todo o alumnado implicado.  Por iso, o proxecto realizado polo alumnado de terceiro de educación primaria durante o curso 2020/21 foi a inclusión real na aula dunha nena con NEAE, que se encontra nunha modalidade de escolarización combinada e acode dous días á semana ao centro.

 

Desenvolvemento da experiencia

Aínda que levaba un curso académico escolarizada no centro, as actividades realizadas coa alumna eran practicamente individuais e a relación con seus iguais podía considerarse moi escasa. Por iso, decidimos cambiar a dinámica e promover que o alumnado e titora fose o seu grupo de referencia dentro do centro, evitando que só aceptase con ela as mestras de PT, AL, orientador e coidadora. O período de adaptación da nena alongouse durante o primeiro trimestre, xa que rexeitaba a presenza de calquera persoa que non fosen a coidadora ou as mestras de PT e AL.

Pouco a pouco, comezamos a realizar actividades fóra da aula, no patio cuberto do centro e na aula de usos múltiples, para fomentar a súa relación cos demais compañeiros.

A partir do mes de decembro, e unha vez a nena estaba máis cómoda na aula, comezou a ensinarnos, coa axuda da mestra de AL, a linguaxe de signos española (LSE). Deste xeito, aprendemos o abecedario e nos puxemos un nome en LSE para que a nena recoñecese os seus compañeiros e compañeiras polo seu signo ou inicial do nome. Tamén traballamos linguaxe específica, como os días da semana, as cores, descricións físicas, roupa, animais... aproveitando os contidos que se estaban a traballar en clase.

Ademais, fíxose un importante traballo de concienciación do alumnado da aula para que comprendese como era a nena: por que se comportaba así, que podían facer para axudala, como actuar se se poñía nerviosa, cales eran os seus intereses, que precisaba en determinados momentos da mañá... Tamén recibiron formación por parte das mestras de PT e AL acerca dos pictogramas e buscaron información sobre eles na web de ARASAAC e en www.pictotraductor.com.

Gran parte dos materiais que se empregaban na aula facíanse adaptados para a nena, e incluíanse pictogramas neles. As explicacións máis teóricas realizábanse os días que ela non acudía e, os días nos que contabamos coa súa presenza, mediante o uso do EDI, todos os compañeiros/as lle ían lendo as presentacións coa información que había que traballar, como se observa nesta imaxe.

Por outra banda, comezamos a instaurar momentos de lecer para todo o grupo mediante cancións, posto que son un dos intereses da nena, en diferentes momentos do proceso educativo. Deste xeito, establecemos a seguinte rutina:

1. Toda a aula tiña que traballar nas súas tarefas, ás veces en gran grupo e outras de xeito individual.

2. Ao pasar certo período de tempo, establecido pola mestra titora e as mestras de apoio, un dos compañeiros debía acudir á mesa da nena para preguntarlle en LSE se traballara moito.

3. En caso de que si, a nena tiña que trasladarse diante dos seus compañeiros á zona do EDI, para signar en LSE para o resto da clase que era o que quería (a maioría das veces, unha canción).

Os estudantes comezaron a facer recursos para a nena a medida que avanzaban no seu proceso de ensino-aprendizaxe. Por exemplo, no momento no que clasificabamos animais vertebrados e invertebrados seguindo certos criterios, iamos procedendo a subliñar de palabras clave para, posteriormente, buscalas en ARASAAC e crealas en pictogramas.

Como a nena estaba cada vez máis integrada, decidimos interpretar para ela as súas cancións preferidas en LSE: “Todos somos capitáns”, de Maxín Blanco, e “El sapo Pepe”, dos Cantaxogos. Ao rematar a actuación, puidemos ver como a nena felicita e abraza os seus compañeiros/as, algo que non conseguiramos que se producise antes. Este foi o punto de inflexión para conseguir a inclusión da nena dentro da aula: xa non rexeitaba os seus compañeiros.

O avance na concienciación sobre a inclusión do grupo cara aos nenos/as con NEAE foi incrible. Cantábanlle, xogaban con ela, aceptaban os seus momentos de pausa,  facíanlle regalos, lían con ela... A partir da volta de vacacións de Semana Santa, a figura do orientador durante a Hora de Ler deixou de facer falta, pois eran os seus compañeiros e compañeiras os que lle lían libros adaptados. A nena aceptou perfectamente a figura dos seus iguais durante este momento de lectura, polo que pouco a pouco a fomos alongando no tempo e era unha actividade máis a realizar en momentos de lecer. Deste xeito, ela tamén nos leu un conto, Ana va a la granja, en LSE coa axuda da mestra de AL: Eva signaba mentres a mestra lía a historia.

Ademais, como primeiro produto final do proxecto, decidimos que cada compañeiro crease un conto curto para a nena e fixese un debuxo relacionado con este. Queríamos regalarlle este conto o último día de clase e que logo este traballo pasase a formar parte da biblioteca do centro. Os contos foron escritos no seu caderno individual en galego; despois, e para traballar a figura de Xela Arias como tradutora, traducíronos ao castelán e, por último, a pictogramas a través da web www.pictotraductor.com.

Como dominaban o envío de tarefas a través da aula virtual, mandáronllos á titora e esta imprimiunos. Nesta ligazón  pódense observar aspectos diferentes desta tarefa. Entre estes están os diferentes contos en PDF, imaxes do momento no que cada estudante lle lía á nena o seu conto curto e un pequeno vídeo do momento no que o grupo lle entrega o regalo á nena o último día de clase.

Outro dos produtos finais realizados neste proxecto anual foi a creación dun vídeo interpretando a canción de “Todos somos capitáns” en lingua de signos, onde cada alumno tiña o seu papel na actuación. Este vídeo foi enviado ás familias como regalo de fin de curso.

 

Conclusións finais

Este proxecto desenvolvido no noso centro posibilitou que a nena estivera feliz e a gusto co seu grupo de iguais, aceptando o seu achegamento e as súas explicacións. Ademais, xa non precisaba da compañía da mestra de apoio para baixar ou subir ao patio ou esperar na fila para ir para a casa: era o seu grupo de iguais o que a guiaba e acompañaba neses momentos, xogando con ela e cantándolle cancións. A figura das mestras cada vez volveuse máis difusa respecto da nena. Foi moi reconfortante e ilusionante ver como o alumnado imitaba as nosas condutas para tratala e facer que se sentise nun clima cómodo e seguro para ela.

O traballo feito ao longo deste curso serviulle a toda a comunidade educativa para comprender que a inclusión real é posible, adaptando contidos propios do nivel ao alumnado con NEAE. Podemos dicir que os vídeos e imaxes expostos na ligazón anterior nos fan crer nunha educación de calidade que acepta as diferenzas.

 

 

Sección: