La furia de la lectura

Por qué seguir leyendo en el siglo XXI

Autor: Joaquín Rodríguez López
Tusquets editores, colección Condición Humana, Barcelona, 2021

Autor da recensión: Javier Pintor Elizalde
jjpinel@edu.xunta.es
Centro de Formación e Recursos da Coruña

Joaquín Rodríguez, doutor en Xeografía e Historia (Antropoloxía Cultural) leva anos investigando sobre os cambios que o paradigma dixital ocasionou no mundo da edición, da lectura e da cultura. Froito destas preocupacións foron o espazo web e as publicacións Los futuros del libro (Editorial Melusina, 2007), Bibliofrenia (Editorial Melusina, 2010) e Primitivos de una nueva era (Tusquets, 2019). Nestes textos exploraba como as distintas formas de transmisión da cultura e os cambios nas formas de ler debido á irrupción de internet conforman a nosa percepción da realidade.

Algunhas destas ideas aparecen espalladas agora en La furia de la lectura (Tusquets, 2021) aínda que o propósito deste libro é moi diferente. Tal como indica o subtítulo do libro, «Por qué seguir leyendo en el siglo XXI», o autor intenta atopar as razóns desa visión redentora e beatífica que moitos estudosos lle atribúen á lectura. Todo o libro é unha longa disertación arredor do poder ético e emancipador da lectura.

Segundo o autor, La furia de la lectura é tamén unha homenaxe a Jorge Semprún e ao seu libro La escritura o la vida (1994) que a tantas xeracións de lectores influíu. O libro arranca con Semprún no recén liberado campo de concentración de Buchenwald restituíndo tres libros a petición do encargado da biblioteca deste sinistro lugar. Conmóvenos co amor e o respecto que, fronte á barbarie, dous reclusos senten polos libros. É difícil atopar unha imaxe máis poderosa que esta sobre o poder da lectura como ferramenta de liberación e reeducación. Pero o autor tamén nos interroga sobre como é posible que algún destes xenocidas fose un apaixonado lector.

A lectura por si soa non consegue formar cidadáns íntegros e honrados, non é en si mesma un emblema de respectabilidade. Non estaremos atribuíndolle á lectura responsabilidades que non lle corresponden, interpélanos o narrador. Co exemplo do Quixote podemos pensar que ler é perigoso porque produce perturbacións de distinta índole na nosa forma de comprender o mundo, aínda que nisto repousa, tamén, uns dos seus principais proveitos: o poder que ten a lectura para ensanchar o noso pensamento.

La furia de la lectura lanza sobre os docentes algúns interrogantes que nos deben levar á reflexión. Que tipo de textos damos a ler ao noso alumnado? Por que non repensamos os canons? Por que non utilizamos máis os textos dramáticos para a aprendizaxe da lectura? Por que non xestionamos mellor a tensión entre medios escritos e medios audiovisuais esquecendo case sempre a inclinación das novas xeracións cara aos dispositivos dixitais?

Coincido co autor en que deberiamos deixar de culpar e menosprezar aos que non len, e preocupármonos máis por buscar fórmulas que acheguen á lectura os que amosan apatía por ela. Unha das posibles solucións sería situármonos preto dos centros de interese dos mozos e mozas, que rexeitan a lectura e amosarlles patróns culturais cos que se identifiquen.

A lectura é unha ferramenta pedagóxica e formativa cun enorme potencial, que crea espazos de liberdade e de gozo. Este ensaio, tan estimulante, fainos reflexionar sobre axiomas asentados na nosa sociedade que é preciso revisar.

 

 

 

Sección: