Falar para construír coñecemento

A oralidade no marco do PDI Mens sana in corpore sano
Un camiño de ida e volta entre a oralidade e o traballo por proxectos, no que esta metodoloxía se converte nun rico contexto de posibilidades de abordaxe de distintas modalidades da oralidade, á vez que a investigación levada a cabo nel se nutre dos beneficios da linguaxe oral.

Alicia Nimo, titora e coordinadora da biblioteca
CEIP Plurilingüe de Outes (Outes - A Coruña)
alicia_nl@edu.xunta.gal

 

Presentación da campaña de concienciación sanitaria «Cóidate, cóidanos. A saúde, unha gran responsabilidade»

 

O contexto

O contexto desta reflexión que presentamos sobre a oralidade no marco da aprendizaxe baseada en proxectos é un PDI sobre saúde levado a cabo no curso 2020/21. Aínda que concretaremos sobre o xeito no que se implantaron as dinámicas relacionadas coa oralidade nas tarefas levadas a cabo neste PDI, falaremos de dinámicas moi xeneralizables e vinculadas a momentos que se deberían dar en todos os procesos de aprendizaxe baseada en proxectos e relacionados coa alfabetización informacional e mediática.

O PDI Mens sana in corpore sano nace con dous obxectivos clave no ámbito temático. Por un lado, contribuír ao entendemento das nenas e nenos desta situación pandémica que condicionou tanto a nosa vida e, por outro, evolucionar na implantación de hábitos saudables a través da súa propia investigación tras diagnosticar na nosa comunidade que había certos aspectos que o requirían.

O proxecto foi moi amplo e estivo sempre encamiñado a facer unha campaña de concienciación sociosanitaria, pero, debido á súa amplitude e tamén por cuestións relacionadas coas posibilidades que nos ofrecía no ámbito de procesos educativos, dividiuse a temática que se ía abordar en seis liñas de traballo: saúde física, saúde mental, hábitos saudables, alimentación, estudo da actual situación sanitaria, é dicir, da pandemia da covid-19 e, polo gran paralelismo que tivo con esta, abordamos tamén o enfoque histórico a través da pandemia da gripe española de 1918.

 

Algunhas características do proceso comunicativo oral

Valoramos a comunicación oral na escola como medio de construción de coñecemento e como fin en si mesma atendendo aos distintos rexistros que cada contexto require e que derivan en múltiples aprendizaxes sobre esta. Pero isto só é posible coa introdución de prácticas sociais con sentido e coa función real para a que están concibidas na vida cotiá e non só en contextos de aprendizaxe formal.

En canto a aspectos teóricos relacionados coa oralidade, sinala Cassany catro variedades lingüísticas que son falar, escoitar, ler e escribir. Destas variedades, que se corresponden con dous dos bloques curriculares de todas as linguas, serían falar e escoitar as directamente relacionadas coa comunicación oral.

Por outra banda, dentro desta podemos distinguir, con base na interacción entre emisor/es e receptor/es, entre comunicación singular (exposicións, discursos…), dual, que é a que se establece entre dous individuos (diálogos, entrevistas…), e plural, que se referiría a aquela levada a cabo no ámbito grupal e que ten outros tempos e normas (reunións e debates). 

Noutra orde, distinguimos tamén en canto á necesidade de planificación previa desa comunicación, entre comunicacións formais e informais, sendo as primeiras as que requirirían de discursos máis formais e planificados e máis elaborados en canto ao seu contido, como sinala Avendaño.

Atoparemos dentro do proceso e evolución do proxecto múltiples oportunidades que abordarían todas estas variables da comunicación oral e que presentamos a continuación organizándoas nas distintas fases do noso traballo.

 

Oportunidades de traballo da oralidade no marco do PDI Mens sana in corpore sano

O PDI vertébrase en catro etapas principais:

Presentación do proxecto, global para todo o centro.

Fase de investigación, na que cada grupo aborda a liña temática encomendada. Nesta fase intercálanse tamén, moi relacionadas coa celebración de distintas efemérides, propostas globais de centro que xa van xerando certos produtos do PDI.

Fase de elaboración de produtos, na que se cohesiona a información recollida ao longo da fase de investigación, se fai un estudo de propiedades da tipoloxía de produtos pactados e se toman decisións para elaborar os produtos propios. No caso do noso PDI, creación dun vídeo expositivo no que comunicar os resultados do proceso de investigación e, para a campaña de concienciación, un cartel ou infografía e un anuncio de sensibilización.

Fase de difusión, na que se fan públicos os produtos e se poñen en marcha distintas dinámicas para que estes adquiran función social real e relevante. No noso caso, Semana da Saúde, interna do centro, e acto de presentación e difusión da campaña en redes.

Presentación do proxecto

Atopamos nesta fase as primeiras posibilidades de traballo relacionadas coa oralidade, aínda que nos situamos neste caso no desenvolvemento de competencias máis relacionadas coa parte receptora. A presentación do proxecto adoita consistir nunha reunión na que se introduce o alumnado na temática e se lanzan os retos relacionados coa liña de investigación e os produtos que derivarán dela.

Fase de investigación

Atopamos nesta fase tres tipos de comunicación oral. O diálogo na investigación en parellas, as reunións de posta en común e os debates.

As fases iniciais do proceso de investigación, nas que se dan procesos como a determinación da información que se precisa, a selección dos recursos informativos ou a localización e recuperación da información, poden abordarse de múltiples modos na educación infantil e primaria: coa mestra como mediadora, en parellas ou de xeito individual. O simple feito de que as nenas e nenos traballen neste momento en parellas e teñan que colaborar no proceso de busca de información lévaos a poñer en marcha unha serie de estratexias relacionadas coa oralidade que se fai preciso valorar. Elixir a fonte de busca, localizar e determinar que información se vai recuperar supón diálogos nos que aparecen a negociación, a argumentación das decisións propias e a contraargumentación.

Como diciamos, outro momento importante é a posta en común de todas as informacións recuperadas. A posta en común é un momento no que a atención e a escoita activa son fundamentais para o seu éxito.

Por último, atopamos nesta fase múltiples oportunidades de debate sobre temas diversos que van xurdindo coa investigación. Nestes debates evidénciase a necesidade de estar informados previamente do tema que se vai debater, ademais de levar asociadas competencias como saber falar en público, transmitir ideas, respectar opinións alleas ou contraargumentalas, entre outras.

Déronse no caso que nos ocupa interesantes debates sobre a implementación de distintos hábitos saudables, as medidas sanitarias que se estaban a implantar debido á pandemia da covid-19 ou o que supuxo a coincidencia da pandemia da gripe española coa Primeira Guerra Mundial e as derivacións relacionadas co acceso da muller ao mundo laboral. Debatemos tamén sobre a vulneración do dereito á saúde ou sobre distintas mentiras no ámbito sanitario. Debates todos eles interesantísimos tanto desde a transversalidade do proceso oral como dos contidos abordados, ou os condicionantes relacionados coa alfabetización mediática.

Fase de elaboración de produtos

As oportunidades que ofrece esta fase son moi interesantes, especialmente se partimos de produtos con carga oral, xa que no proceso de análise de exemplos para a súa posterior elaboración se darán múltiples aprendizaxes relacionadas tanto con factores lingüísticos (contido e forma do discurso) como paralingüísticos (tipo de entoación, pausas expresivas…), que variarán en función do formato elixido.

No caso do noso proxecto eran tres os produtos que se ían elaborar por cada liña de traballo coa finalidade de crear a campaña de concienciación sociosanitaria que constituía o gran produto final do noso PDI. Destes tres produtos, dous constituían produtos audiovisuais con carga oral con moi distintas propiedades e forma do discurso. Tratábase, por un lado, dun vídeo expositivo no que recoller os resultados da investigación abordada para comunicarlla ao resto da comunidade, con linguaxe expositiva e de corte informativo. Por outro lado, estaba encomendada a creación dun anuncio de concienciación sanitaria, na que se facía imperativo empregar linguaxe publicitaria, menos neutra que a anterior e de corte persuasivo.

Vimos para a súa elaboración distintos modelos que foron comentados en cada unha das aulas. De todas as posibilidades creativas á disposición, tomáronse decisións varias relacionadas coa selección dos recursos que se ían empregar na elaboración dos produtos propios. E é salientable que moitas desas decisións versaron sobre o contido e forma da produción oral que acompañaría as imaxes de cada un dos produtos. Que se tratase de dous produtos con propiedades de diferente índole proporcionou a oportunidade de reflexionar sobre dúas tipoloxías de discurso por comparación entre elas, fortalecendo deste xeito as aprendizaxes acadadas.

Sobra dicir que nesta fase se dan outras tipoloxías orais expostas nas anteriores fases, como o debate ou a posta en común na toma de decisións e no proceso de elaboración dos produtos.

Fase de difusión

Como produto final do proxecto, e a modo de difusión do traballo realizado, deseñouse a campaña de concienciación sanitaria «Cóidate, cóidanos. A saúde, unha gran responsabilidade». Unha campaña que tiña como obxectivo o de concienciar a comunidade da importancia de adoptar hábitos saudables. 

Esta fase consistiu nunha Semana da Saúde na que cada día se fixo a presentación dos produtos de cada unha das liñas, fomentando o debate nas aulas e, por extensión en toda a comunidade, arredor de cada un dos temas que conformaban as liñas do proxecto: saúde física, saúde mental, hábitos saudables, alimentación e as pandemias actual e a de 1918.

Desde o punto de vista da oralidade, o máis interesante foi a presentación da campaña e todo o proceso da súa preparación, que correu a cargo das nenas e nenos representantes do consello escolar da infancia do centro. Nese proceso de preparación, o alumnado escribiu o guión do acto de presentación, debateu sobre as autoridades que debían ser convidadas a este e fixeron as chamadas a cada unha destas para o seu convite.

A presentación e condución dese acto constituíu en si mesma unha nova e importante oportunidade de traballo de distintas competencias relacionadas coa oralidade. O discorrer dos ensaios para esta e do propio acto no día de presentación puxeron en evidencia como contribuír a procesos da vida real constitúe a maior das motivación para a implicación do alumnado, que se mostrou rigoroso e interesado en que a súa dicción, entoación e compostura fose a máis correcta partindo do seu propio interese no éxito do devandito evento.

 

Conclusións

A oralidade constitúe unha gran e áxil ferramenta de construción de coñecemento colectivo co que practicamente todos e todas somos quen de manexarnos de xeito intuitivo e experencial e fai viable moitos procedementos de aprendizaxe que doutro xeito serían imposibles.

Por outra banda, o feito de que contextualizar estas dinámicas orais de xeito natural e coa función comunicativa e social concreta que teñen por definición fai que a súa aprendizaxe se leve a cabo con gran motivación e que ademais sexa moi transferible e implementable noutros momentos de aprendizaxe e incluso da vida cotiá, experimentando o alumnado unha constatable evolución noutras prácticas comunicativas formais ou informais de similar índole.

Queda demostrado, deste xeito, que a abordaxe da oralidade no traballo por proxectos non só é pertinente, senón incluso necesaria, á vez que unha grande oportunidade para afondar nas características e competencias precisas de varias das súas modalidades.

 

Ligazón ás publicacións no blog do PDI Mens sana in corpore sano

Ligazón á páxina web da campaña «Cóidate, cóidanos. A saúde, unha gran responsabilidade»

 

 

 

Sección: