A masculinidade: mediación, inclusión e resolución de conflitos

A deconstrución da masculinidade será un elemento imprescindible na mellora da inclusión e na redución do fracaso escolar
Os modelos da masculinidade cargan os nenos cunha mochila de mandatos e obrigas e teñen como consecuencia unha vida afastada dos afectos con consecuencias desastrosas para o seu desenvolvemento persoal e afectivo. Mostrar desde os docentes modelos de homes alternativos e disidentes dálles as ferramentas para saír do círculo da masculinidade tóxica e favorece a inclusión dos diferentes.

Pepe Cabido Pérez
xcabido@edu.xunta.gal
Profesor de Filosofía do IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela-A Coruña)
Membro do equipo de igualdade e apoio LGTBIQ+

 

Pode o discurso actual sobre a formación da masculinidade heterenormativa favorecer a inclusión educativa? A resposta a esta cuestión é un enunciado afirmativo, xa que tanto no plano teórico como no práctico a experiencia nos leva a esta conclusión. Como podemos conseguir uns resultados mellores na inclusión e na convivencia nos centros? Actuando naqueles homes proclives a sufrir acoso escolar por parte doutros homes ao mesmo tempo que atendemos aqueles homes candidatos ao fracaso escolar por escoller un dos modelos permitidos para un home: o modelo «malote».

Para a argumentación da tese anterior debemos desenvolver unha breve exposición sobre o discurso da masculinidade e da heteronormatividade xunto coa análise de como se constrúe e o camiño que temos que percorrer na escola para deconstruíla, ao igual que facemos con valores ou hábitos nocivos do noso alumnado.

Desexo comezar cun pouco de historia formativa para comprender a orixe primeira de todo o proceso. Existen tres datas claves, das cales dúas teñen que ver con plans de formación:

No curso 2012/13 desenvolveuse no IES Fontexería de Muros A mediación escolar: unha estratexia clave na mellora da convivencia e resolución de conflitos (S1206003).

No curso 2019/20, dentro do Plan de formación do mesmo centro, coa inestimable colaboración da asesora do CAFI, desenvolvemos o seguinte PFPP: S1906035, PFPP S1931038 Deconstruírnos para construírnos como iguais.

Aos anteriores plans de formación hai que sumarlle unha experiencia que viñamos desenvolvendo no IES Fontexería: o traballo en igualdade realizando obradoiros separados por sexos nos curso de terceiro da ESO e cuarto da ESO.

Pois ben, con estes tres datos xa temos o cóctel para comezar a xustificar a tese inicial: axudar o alumnado a coñecer a orixe do seu comportamento como un mandato da masculinidade e desde o coñecemento mudar a súa actitude. O que se pretende atender é a mellora da inclusión, a convivencia nos centros e a resolución de conflitos desde a prevención. Estes obradoiros realizáronse maioritariamente nas horas de titoría de cada nivel.

Defendía Sócrates ao expoñer a súa doutrina ética a necesidade do coñecemento para obrar o ben e conseguir a virtude. Esta doutrina ética coñécese co nome de intelectualismo moral e defínese como aquela que identifica a virtude co saber. Sócrates confiaba en que a formación na virtude (no ben) provocaría o desexo de querelo, polo que iamos actuar necesariamente ben. O seu discípulo Platón construíu sobre esta base un ideal de estado que era ante todo unha institución educativa para a consecución da virtude e o ben común. Se nos preguntamos que lles debemos á nosa rapazada, eu, con Platón, apostaría polo ben común e este ben común teriamos que enchelo de paz, afecto, pracer, seguridade, igualdade, felicidade...

A escola e a sociedade en xeral debe transitar cara a estas metas e nós como docentes somos un elemento esencial desa construción. Debémoslle ao noso alumnado unha atención específica para comprender o seu comportamento. E nesta atención quero determe nos homes: como se constrúen como homes e que dano lles facemos nesa construción? Que é a masculinidade?

A masculinidade forma parte do que denominamos proceso de socialización, proceso mediante o cal os individuos adquirimos as normas e valores que orientan a nosa conduta. Esta socialización non é idéntica para homes e mulleres. Os homes somos socializados de xeito distinto e as mensaxes que recibimos desde a infancia cos nosos referentes masculinos, nos contos e filme

Poderiamos seguir imaxinado numerosas ocasións onde o modelo do home risco está ben valorado e mesmo potenciado polas familias e o grupo de iguais.

Desde a nosa infancia somos socializados coa idea de que os nosos xenitais determinan ou deben determinar o noso comportamento. Esta nefasta idea vese apoiada, desde o ámbito académico, polas teses bioloxicistas fomentadoras da idea de que nacemos cunha condición biolóxica que determina a nosa psicoloxía e o noso comportamento. Deste xeito os homes non choran, os homes non son «maricóns», os homes non son nenazas, os homes non son débiles, os homes son decididos, intelixentes, sexualmente máis activos e «coidan» da familia (como home provedor) e da súa seguridade. A esta socialización tradicional de familia e grupo de pares hai que engadir a potenciación destes valores e estereotipos a cargo da publicidade e medios de comunicación en xeral: socialízasenos no poder e no dereito a exercer ese poder sobre outros homes e, con máis dereito, sobre as mulleres.

Este discurso patriarcal non só lles provoca dano ás mulleres, senón que tamén provoca moito sufrimento nos homes. Os homes e os nenos, en especial os que non responden ao modelo normativo, sofren a ideoloxía machista da que non nos damos liberado, por unha banda, polas resistencias sociais aos cambios (negacionismo) e, por outra, por ser beneficiarios dos privilexios da desigualdade, o que provoca que debamos loitar non só contra a estrutura que sustenta o discurso patriarcal, senón tamén, e isto faino más difícil, contra nós mesmos. A primeira parte podemos resumila no seguinte: somos socializados na idea da superioridade entre os sexos e ao mesmo tempo nun condicionamento tóxico do noso comportamento como homes.

Todo docente debería coñecer o discurso da masculinidade tradicional para identificar os comportamentos tóxicos e comprender as actitudes dos nosos nenos para mostrarlles outros modelos de ser homes. Os docentes, e en especial os varóns, debemos ser referentes e modelos na escola doutra masculinidade afectiva e coidadora.

Desde que fixemos o curso sobre a mediación escolar aprendemos a escoitar de xeito máis activo os nenos e comprobamos dúas realidades moi claras: os conflitos de carácter máis violento son masculinos, o fracaso escolar é masculino e a dificultade para facer visible a dor tamén é masculina, o que entorpece o labor de detectar sufrimentos que redunden negativamente na inclusión.

Cos datos da mediación e a partir da información obtida nos obradoiros separados por sexos comezamos a facer actuacións específicas cos nenos. Toda esta experiencia levounos a distintas conclusións que paso a resumir:

- Necesidade de facer unha pregunta crucial para un neno: como é o teu pai?

- O teu pai preocúpase dos teus estudos, estado de ánimo...?

- O teu pai é agarimoso contigo e expresa ese cariño en apertas e palabras? Diche que te quere? ...

Podo afirmar con rotundidade que a maioría dos nenos disruptivos do centro teñen modelos de pais non afectivos e heteronormativos e, cando lles preguntas por esta figura, en moitos casos aparece a emoción e o pai ausente, castrado e castrador das emocións. Temos que ter en conta, como xa dixen, que os nenos deben coñecer que o modelo da masculinidade está construído en negativo, por oposición ao feminino e ao homosexual, e que nesta construción está constantemente vixiada e castigada a disidencia. O grupo de pares é o primeiro que se burla dos nenos fisicamente inadecuados para o modelo masculino tipo, dos que son máis sensibles, dos máis covardes ou menos deportistas, dos máis efeminados... ou dos que se declaran homosexuais. A masculinidade é fráxil, está constantemente vixiada e hai que demostrala de modo continuo. Unha das formas de demostración da masculinidade nos centros educativos é o modelo «malote»: os que non estudan e fracasan reciben incluso un certo respecto por parte do grupo. Ese respecto procede case sempre do mesmo lugar: identificar o respecto coa violencia. De aí que os malotes son respectados por cumprir ese patrón e moitas veces por medo ao castigo ou a saír do grupo. Temos que realizar constantes mostras da masculinidade e un exemplo é o comportamento disruptivo, que será aplaudido polo grupo de homes sobre os que se exerce poder.

Nesta situación, cal é o papel do profesorado? Despois do coñecemento do discurso debemos pasar á acción e á posta en práctica da nosa deconstrución masculina. O primeiro é saber que o modelo disruptivo busca o enfrontamento para o que está construído como home. Nesa situación o docente debe evitar o enfrontamento e explicar a orixe do comportamento do alumno. Empregar palabras de agarimo funciona mellor que as medidas correctoras disciplinarias. O emprego de expresións como: «eu non vou entrar no conflito que buscas, eu estou aquí para axudarche» ou mesmo «eu quérote» son camiños e ferramentas que lles ofrecen unha saída aos nenos que ninguén lles ensinara antes. O enfrontamento entre os dous homes alumno-profesor, tal e como está previsto por ser masculinos, só provoca sufrimento: aos nenos, aos docentes, ás familias e ao sistema, xa que aumentan os expedientes disciplinarios e o fracaso escolar.

Na miña experiencia como docente e como xefe de estudos considero que a mediación apoiada na óptica da masculinidade pode favorecer a inclusión en xeral e a convivencia no centro. Por iso, podemos rematar dicindo que a mediación e o traballo de igualdade en obradoiros separados por sexos provoca:

  • Unha mellor vida no centro para as mulleres.
  • Mellor inclusión dos nenos que non cumpren os patróns heteronormativos.
  • Aumento do respecto e do afecto cara ao profesorado implicado nestes programas.
  • Redución do fracaso escolar.
  • Expedientes académicos e expulsión dos centros case inexistentes: houbo cursos rematados con 0 expedientes.
  • Axuda ante a prevención dos conflitos e dunha solución deles máis harmoniosa coas familias.

A valoración do alumnado foi sempre excepcional, demandando máis horas de obradoiro e sendo este valorado moi positivamente.

Valoración do obradoiro


Temos que ensinarlles aos nosos homes o seguinte: que modelo de homes queren ser no futuro? Que homes queren para os seus fillos como amigos e que homes queren para as súas fillas como parellas?

Temos a obriga ética e profesional de mostrarlles o camiño da disidencia e rachar co círculo da violencia masculina, que tan tóxica é para o varóns. Neste proceso é preciso que os nenos interioricen todo o que teñen que gañar: máis e mellores coidados, mellor relación coa familias, máis saúde e seguridade, mellor sexualidade e, en definitiva, mellor vida e felicidade.

Debemos imaxinar un mundo onde os valores masculinos da forza, violencia e submisión sexan substituídos polos da vulnerabilidade, a paz e os coidados. Feminizar o masculino abre a porta á felicidade masculina, renunciando á carga vital dos imperativos e mandatos do patriarcado para os homes que enchen a mochila e constrúen a máscara coa que habitamos o mundo. Axudemos os nenos a quitar a máscara.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Bacete, R. (2017). Nuevos hombres buenos. Ed. Península.

Perry, G. (2018). La caída del hombre. Ed. Malpaso.

Salazar, O. (2018). El hombre que no deberíamos ser. Ed. Planeta.


 

Sección: