Somos diversos. Contornos educativos seguros

Jéssica Fernández Polo
fernandezpolo@edu.xunta.gal
IES Terra de Trasancos (Narón - A Coruña)

 

O traballo arredor da diversidade de xénero, afectivo-sexual e do colectivo LGTBIQ+ debería pasar a formar parte das dinámicas xerais dos centros como estratexia para a construción de contornos seguros. Preséntase a experiencia do IES Terra de Trasancos co programa Somos diversos.

A idea central da diversidade como un valor que cómpre aproveitar é algo que foi compartido polas diferentes direccións que o centro tivo nos últimos anos. Isto fixo posible o establecemento de medidas e programas que promoven o coñecemento, o respecto e a convivencia entre o noso alumnado. Como exemplo poderiamos sinalar a existencia do coro solidario, o programa de igualdade Somos a metade, o proxecto de educación para o desenvolvemento A árbore de Trasancos e moitas outras accións que se desenvolven no día a día, vencelladas ao proxecto de formación de profesorado do centro (PFPP), como a participación no Contrato-Programa Iguála-T ou CON-VIVE.

Unha das temáticas sobre as que levamos desenvolvido actuacións nos últimos cursos é a diversidade sexual e de xénero e os dereitos LGTBIQ+. Alguén podería preguntarse por que decidimos traballar sobre isto, pero máis ben a pregunta debería ser ao contrario, por que non estamos a traballar todos e todas sobre isto? Non é algo esencial para o desenvolvemento do noso alumnado? Non existen socialmente moitos prexuízos e estereotipos ao respecto? Non é a lgtbfobia unha lacra social?

Poderiamos incluso afirmar que estamos obrigadas e obrigados a facelo. Existen leis e normas que recollen o dereito do alumnado, das familias e do profesorado a recibir esta formación. Por parte da nosa comunidade autónoma temos o Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero (2017).

Entendemos que a prevención é fundamental e, tendo isto como centro, acordamos os mínimos para o noso centro:

  • Que o alumnado perciba o centro como un lugar seguro.
  • Que haxa unha visibilización do colectivo LGTBIQ+.
  • Que ofrezamos coñecemento informado sobre diversidade sexual e de xénero.
  • Que consideremos a sexualidade como parte do desenvolvemento do noso alumnado.
  • Que promovamos un cambio de mirada na comunidade educativa.

Aínda que houbo actuacións ao longo de todo o curso, os dous momentos nos que se realiza o maior número de actividades son o mes de outubro e o terceiro trimestre do curso.

Establécese o día 11 de outubro (Día de Saír do Armario) no ámbito mundial para visibilizar e apoiar o colectivo LGTBIQ+, tamén para concienciar sobre el. Non se busca exercer presión sobre ninguén, senón amosar que, como comunidade educativa, apoiamos a diversidade.

O alumnado de cuarto da ESO elabora un decorado para que o día 11 poidamos facer a nosa foto da diversidade e amosar o noso apoio. É necesaria a colaboración das titoras e do profesorado de Educación Plástica.

Alumnado de cuarto da ESO cos materiais elaborados 


Alumnado fotografándose no Día de Saír do Armario

 

Ao longo do terceiro trimestre traballamos nas horas de titoría sobre a temática de diversidade sexual e de xénero. A dinámica consiste no visionado de curtas ou vídeos motivadores, traballo individual ou de pequeno grupo, posta en común e elaboración dun produto final.
O traballo é transversal  e abórdase dentro das distintas materias.

O alumnado de segundo da ESO elabora unha figura de papel coas cores da bandeira LGTBIQ+. Será unha das pezas centrais da exposición final.

Alumnado de Matemáticas realizando papiroflexia

 

O alumnado elabora deseños de chapas, pulseiras e/ou cadernos. Estes deseños lévanse á realidade e o material repártese entre a comunidade educativa. Cabe sinalar que estes materiais teñen moito éxito e o alumnado lévaos consigo facendo visible o seu compromiso.


Chapas elaboradas polo alumnado

 

Aprenden na materia de TIC a usar creadores de nubes de palabras e realizan a práctica creando deseños con conceptos relacionados coa diversidade de xénero.

Nubes de palabras elaboradas polo alumnado

 

Elabóranse traballos arredor de figuras relacionadas co colectivo LGTBIQ+ ou que racharon cos patróns de xénero coma David Bowie.
Trabállanse textos con temática LGTBIQ+ e propóñense libros de lectura como Mamá quero ser Ziggy Stardust ou 22 segundos.


Obradoiro de igualdade

Esta materia impártese en primeiro de bacharelato como materia de libre configuración do centro. Arredor desta temática elaborouse unha FA&Q con preguntas incómodas e respostas axeitadas.

A biblioteca do centro dispón de fondos relacionados con temática LGTBIQ+ e ao longo do mes de xuño fainos máis visibles nun posto á entrada do instituto.

Posto temático da biblioteca


O alumnado de terceiro da ESO asiste a unha charla informativa por parte da asociación ARELAS.

Algunhas destas actividades poden parecer moi sinxelas, pero danlle ao profesorado a oportunidade de participar segundo as súas posibilidades e ao alumnado a idea de que os contidos traballados son compartidos por todo o centro.

Cando nos enfrontamos co traballo sobre este tipo de contidos, sempre resulta difícil establecer unha avaliación que nos ofreza información fiable e que nos axude a mellorar. Neste caso os instrumentos de avaliación usados son:

  • Observación por parte do profesorado
  • Cuestionario anónimo ao alumnado
  • Entrevistas con titores e titoras

O programa que desenvolvemos é vivo e foi mudando desde a primeira vez que se levaron adiante actividades. Foi necesario introducir cambios en actividades que non eran motivantes ou non funcionaban ben nas aulas.

A nosa valoración e a que nos transmite o alumnado é moi positiva. Estase a crear unha rede de confianza e de tolerancia cero diante de determinados comportamentos.

A modo de reflexións e conclusións, cabe destacar que diversas investigacións amosan que a infancia e mocidade LGTBIQ+ continúa a sufrir a vulneración dos seus dereitos á identidade, á educación e a unha vida libre de violencia. O contexto educativo é privilexiado e clave para a transformación social. Somos o único lugar polo que pasa toda a poboación e temos a responsabilidade de intentar construír sociedades concienciadas, comunidades sensibilizadas e relacións humanas baseadas na igualdade e no respecto.

Son varios os días conmemorativos  arredor do colectivo LGTBIQ. Estes días permiten traballar de forma directa co alumnado, pero a nosa intervención debe ir máis alá e ter presente o tratamento de todos os temas desde a diversidade, tamén a afectivo-sexual e de xénero: a linguaxe que usamos, as respostas que lle damos ao alumnado... este obxectivo leva consigo unha análise do currículo oculto, do propio modelo de xénero que amosamos, do material que empregamos... 

A Rede educativa de apoio LGTBIQ+ de Galicia ten iniciado no ano 2019 o labor de crear redes de apoio entre os centros educativos, compartindo recursos, experiencias e facendo comunidade. Esta iniciativa pioneira no estado español recibiu o Premio Arco Iris do Ministerio de Igualdade.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

ARELAS. Asociación de familias de menores trans

Chrysallis. Asociación de familias de menores trans

Rede educativa de apoio LGTBI de Galicia

Somos diversidad. Guía do Ministerio de Igualdade

 

 

Sección: