Foreign Language Education in Multilingual Classrooms

Editores: Andreas Bonnet e Peter Siemund
Editorial: John Benjamins Publishing Company
Autor da recensión: Andrés Xosé Salter Iglesias
asalter@edu.xunta.gal
CFR de Vigo

 

 

No contexto actual de movementos migratorios internacionais e globalización, o volume Foreign Language Education in Multilingual Classrooms formula un interesante desafío aos enfoques tradicionais no ensino de linguas estranxeiras, ao tempo que suxire unha redefinición das liñas metodolóxicas para garantir a inclusión en aulas nas que a perspectiva monolítica do monolingüismo deu paso a grupos de estudantes de orixes socioculturais e lingüísticas cada vez máis diversas. 

A necesidade de reinterpretar o ensino e os procesos de adquisición dunha lingua estranxeira artéllase, para a conveniencia do lector, en tres grandes piares: a dimensión das políticas educativas, o eixe teórico e as experiencias empíricas. Con todo, como adoita acontecer en publicacións deste tipo, a tendencia ao occidentocentrismo tórnase evidente, cun único capítulo sobre as prácticas educativas nos países asiáticos, onde a referencia metodolóxica é un artigo de 1984 de Richard Ruiz sobre os programas de educación bilingüe nos Estados Unidos e outro sobre a África subsahariana. 

A segunda parte da publicación, centrada en perspectivas teóricas, arroxa luz sobre a pertinencia do cambio de paradigma referencial. En particular, Björn Hammarberg propón que o modelo de adquisición dunha segunda lingua ten que dar paso a unhas novas estadas onde a L3, terceira lingua ou lingua terciaria, teña cabida para resolver a miríade de interferencias interlingüísticas e interculturais. Norton e Hufeisen desenvolven, neste sentido, o concepto de identidade plurilingüe, que deixa de ser un concepto dual no que se rexistra unha colisión entre dous sistemas lingüístico-culturais (lingua materna vs. lingua estranxeira) para pasar a ser unha constelación de referentes non sempre en equilibrio. 

 

Pola súa parte, Melo-Pfeifer entra na complexidade nocional do termo «multilingüismo», propondo unha dimensión individual e outra social para este concepto. Na súa opinión, a incorporación da metodoloxía CLIL e novas linguas ao currículo é un paso na dirección apropiada, pero insuficiente para acadar unha competencia plurilingüe real. Nesta liña, Hufesein incorpora ao debate as nocións de «uso» e «mestría» dunha lingua e subliña, con acerto, que a tendencia a esixir un nivel homoxéneo de competencia en todas as destrezas pode retardar o proceso de adquisición dunha lingua estranxeira. 

O volume conclúe cun bloque de perspectivas empíricas que adoece de certa inconsistencia, ao combinar experiencias máis holísticas e metaanalíticas, como a interesante comparativa que propón Mueller entre profesorado e alumnado universitario proveniente de contextos sociofamiliares monolingües e plurilingües, con estudos sobre nocións lingüísticas moi concretas, como o aspecto progresivo ou os pronomes demostrativos no ensino de inglés como lingua estranxeira, que, resultando atractivos desde unha dimensión teórico-práctica, marcan distancia co espírito globalizador desta publicación.


 

 

Sección: