Cómo hacer inclusiva tu escuela

 

Autor: Colectivo Estudiantes por la Inclusión (Alberto Sánchez Montes, Antón Fontao Saavedra, Carmen Manzano Fernández, Darío Calderón Cano, Indira Martínez de Ilarduya, Jorge Osa Fernández, Juan Stefan Marí Mayans Maximet, Leo Osa Fernández, Malena Calderón Cano, Mariama Samba, Martín Zabaleta Verde, Pablo García Luque, Patricia Fernández Jiménez, Rafael Soto Molina, Yasmina Ennadi El Alami Mouis y Zulaika Hadmed Cortés).

Coordinados polo seguinte profesorado: Ignacio Calderón Almendros, Luz del Valle Mojtar Mendieta y Florencio Cabello Fernández-Delgado, nun proxecto concebido por Antonio Lafuente

Publicado no portal do INTEF polo Ministerio de Educación e Formación Profesional

 

Autora da recención: Paloma Losada Romero
palomalr@edu.xunta.gal
CFR de Pontevedra

 

 

A guía Cómo hacer inclusiva tu escuela forma parte do proxecto La aventura de aprender, en concreto do apartado Proxectos colaborativos.

Trátase dun texto breve e aberto feito por un grupo de estudantes que se dirixe en segunda persoa aos seus iguais, ao alumnado doutros centros educativos, para que sexan eles os que lideren e organicen os cambios que permitan facer do seu centro un lugar agradable e estimulante para todos e todas. Para elaborala, estudantes diversos de distintos puntos de España formaron un colectivo que, coa colaboración dun grupo de investigadores universitarios, produciron esta guía en sete pasos para a reflexión e posta en marcha de propostas que fagan máis inclusivos os centros escolares.

De entrada, chama a atención a ausencia de participación do profesorado das etapas preuniversitarias na autoría da guía, pero, por outra banda, este feito vén compensar, precisamente, a escasa marxe que se lle dá ao alumnado en xeral, e ao alumnado con NEAE en particular, para expresar de xeito público e «publicado» as súas inquedanzas e opinións.

Por momentos, esa mesma docente que se sentiu anormalmente excluída da autoría pode verse tentada a considerar algunhas propostas demasiado inxenuas, mesmo «infantís», e darse de conta uns segundos despois de que esa consideración, xustamente, é moi pouco inclusiva. A inclusión non pode facerse desde unha posición de superioridade, nin sequera intelectual, só pode ser real e crible se se fai desde a participación daqueles que queremos incluír, dándolles voz e escoitando con actitude aberta as súas propostas. Como eles mesmos expresan, entre exclamacións que resoan como unha proclama: «¡La inclusión es el camino a la inclusión!».

Non imos atopar nesta guía grandes fundamentacións teóricas, nin recursos, técnicas ou estratexias para implementar nas nosas clases. É unha sinxela exhortación a que esas ideas, que o profesorado pode atopar en moitos outros espazos se complementen coas achegas  do propio alumnado e de toda a comunidade, nun proceso de sete pasos moi abertos e moi pouco dirixidos. Ese texto base compleméntase, iso si, con abundantes ligazóns a documentos de diferente tipo: pequenos vídeos para a motivación e concienciación, documentos da UNESCO ou da ONU, artigos en revistas dixitais… Destacan, na miña opinión, as ligazóns a outras guías da mesma serie (os proxectos colaborativos de La aventura de aprender) nos que podemos atopar ideas moi interesantes para concretar algunhas das accións que se propoñen, integrando o proceso de reflexión e comunicación iniciado pola rapazada en dinámicas de aula que desenvolvan proxectos colaborativos máis ou menos relacionados cos contidos e estándares curriculares. De feito, toda a serie de guías publicadas no proxecto abren moitas perspectivas de traballo deste tipo en diferentes ámbitos e materias.

 


 

Sección: