Diseño universal para el aprendizaje

Segunda edición con pautas DUA 2018

Autora: Carmen Alba Pastor (coord.)
Editorial: Edit Morata


Autora da recensión: Carmen Vaz Dapía
cvaz@edu.xunta.gal
CFR de Vigo

 

Aínda que os principios e as prácticas do deseño universal para a aprendizaxe (DUA) terían que ser universais e globais, a realidade é que, de momento, a pesar dos esforzos e dos avances logrados non alcanzaron ese carácter universal. Así se puxo de manifesto no Foro Mundial da Educación (INCHEON, República de Corea, 2015).

Tal como sinala David H. Rose, no prólogo deste libro, a nosa tarefa como educadores e educadoras é limitar ou eliminar tantas barreiras como sexa posible para que calquera alumno e alumna poida aprender. A clave, como refire Carmen Alba no capítulo I, está en lograr un deseño curricular no que os obxectivos, as formas de avaliación e os materiais permitan que cada estudante poida acceder, participar e aprender nos contextos de ensinanza aos que pertence. Un deseño que teña en conta a diversidade dos usuarios que o van a utilizar para que todos e todas poidan beneficiarse del. Neste primeiro capítulo, a autora ofrécenos unha mirada ao deseño universal desde a diversidade. Explica, así, o modelo que propón o DUA ao redor de tres principios fundamentais: proporcionar múltiples medios ou formas de implicación, proporcionar múltiples medios de representación e proporcionar múltiples medios de acción e expresión.

No segundo capítulo, Ana Isabel Arathoon-Girón ofrécenos os fundamentos neurocientíficos do deseño universal para a aprendizaxe explorando cada un dos tres grupos de redes neuronais que interveñen na aprendizaxe: as redes afectivas, as redes estratéxicas e as redes de recoñecemento.


No capítulo III, Montserrat Blanco García, Pablo Sánchez Antolín e Ainara Zubillaga del Río detallan os principios, pautas, puntos de verificación do DUA derivados dos tres grupos de redes neuronais citados. Acompañan cada un deles de exemplificacións que facilitan tanto a súa comprensión como a súa posta en práctica, máis como elementos para reflexionar que como listas de control para a súa estrita aplicación.

Ao longo do cuarto capítulo, José Manuel Sánchez-Serrano presenta as orientacións do CAST (Center for Applied Special Technology) para facilitarlles aos docentes o deseño de propostas curriculares inclusivas desde a perspectiva do DUA tomando como guía o libro Universal Design for Learning. Theroy and Practice (Meyer, Rose, Gordon 2014). Estas orientacións especifícanse para cada un dos catro compoñentes do currículo: obxectivos, avaliación, métodos e materiais.

Por último, no capítulo V, José Manuel Sánchez-Serrano e Ana Isabel Arathoon-Girón abordan o rol das TIC no enfoque DUA. Os autores describen diferentes ferramentas, analizando as posibilidades que ofrecen os medios dixitais DUA para a aprendizaxe e a atención á diversidade de todos os alumnos e de todas as alumnas.

Polo tanto, este libro, coordinado pola profesora da Universidade Complutense de Madrid Carmen Alba Pastor, constitúe un excelente recurso para achegarnos ao deseño universal aplicado á educación e familiarizarnos cos principios, pautas e puntos de verificación deste modelo baseado nas investigacións sobre cerebro e aprendizaxe.

 

 

 

Sección: