El aula diversificada. Dar propuestas a las necesidades de todos los estudiantes

Autora: Carol Ann Tomlinson
Editorial: Octaedro


Autor da recensión: Eduardo Rodríguez Sáiz
 eduardorsaiz@edu.xunta.gal
CFR de Vigo

 

A pesar de que a versión orixinal de El aula diversificada. Dar propuestas a las necesidades de todos los estudiantes foi editada no Canadá hai xa máis de 20 anos, a súa análise déixalle ao lector un pouso de contemporaneidade, unha sensación de estar ante unha recente novidade editorial. 

Quizais dun xeito un tanto instintivo, afastada de modelos metodolóxicos, Carol Ann Tomlinson estrutura a súa obra intercalando experiencias de aula —propias ou alleas— con reflexións, froito da súa extensa carreira docente. Non adscribe as súas decisións como mestra a ningunha metodoloxía concreta, mais a lectura de El aula diversificada evócanos estratexias como o ABP ou o DUA —enfoque educativo que aínda non estaba en boga cando Tomlinson escribiu a súa obra—, como cando razoa que o docente ten que diversificar contidos, procesos ou produtos con base en aptitudes, intereses e perfil de aprendizaxe do alumnado.

Xa na introdución atopamos unha reflexión provocadora que debería facer que nós, como docentes, nos revolvésemos incómodos nas nosas cadeiras. Mentres que no sistema sanitario as persoas máis desfavorecidas, as máis enfermas son ás que maior atención reciben, no sistema educativo a resposta é xusto a contraria: o alumnado máis desfavorecido é o que, directamente ou indirectamente, acaba fóra do sistema.

No seu modo de afrontar unha ensinanza diversificada, Tomlinson propón tres preguntas clave que sempre deberíamos ter en mente. Que diversificamos? Como diversificamos? Por que diversificamos? Temos que coñecer o noso alumnado, a partir del tomar decisións e pensar cal é o obxectivo, cara a onde queremos conducir a aprendizaxe. No libro presenta estratexias concretas — aínda que ela. máis que a estratexias, se refire a un modo de concibir a educación— para afrontar unhas aulas diversificadas (actividades graduadas, contratos de aprendiza...) e acláralles aos lectores que sempre ten que ser o contexto o que marque a folla de ruta. Neste proceso de aprendizaxe a avaliación terá un papel fundamental, xa que, por unha banda, servirá para determinar o crecemento do noso alumnado e, por outra, axudaranos como docentes na toma de decisións.

En definitiva, unha breve obra que pode ser unha primeira aproximación a un cambio de enfoque metodolóxico no modo en que afrontamos o noso quefacer cotián nas aulas.

 

 

 

Sección: